Arquivo do blog

THE VISITOR: “Dios los junta” mais algún deles disxúntaos

Unha primeira mirada pódenos mostrar unha película bonita e triste á vez, mais pensando un pouco trátase de moito máis: un escenario no que se narra perfectamente a dificultade dos emigrados chegados a certas partes do mundo e as súas dificultades para comunicarse nestas novas sociedades –e non tan só por culpa deles-. Isto é a película The Visitor (Thomas McCarthy, 2007).

thevisitor

A sociedade occidental hoxe en día tende a desconfiar, cando menos de primeira man, das posíbeis relacións con xentes inmigrantes no seu territorio. Isto é todo o contrario do que acontece con Walter Vale. Este profesor universitario amósase sorprendido cando atopa a unha parella de inmigrantes no seu piso de New York mais, en troques de botalos, tenta comprender os seus problemas e axudarlles. Así é como chega a observar o xeito de vida de Tarek e Zainab, as dificultades que superan con certa alegría e tamén as dificultades impostas pola sociedade que son incapaces de superar. Cando Tarek é metido na cárcere por un acto polo que calquera cidadán americano non recibiría máis que un aviso, dámonos conta da “fobia” que determinadas sociedades e inclusive institucións estatais lle teñen a este grupo de persoas. A comunicación con eles é diferente xa non só no xeito de comunicarlles as cousas, senón na forma de miralos, de aproximarse a eles, de crerse superiores a eles. Estes pequenos detalles son os que, dende a miña opinión, acaban configurando unha sociedade xenófoba e pouco acolledora con este tipo de relación mundiais. Destaco tres puntos que me pareceron moi descriptivos destas actitudes na película:

  1. Negocio inmigrante: unha muller achégase ao posto de venda de Zainab e tenta regatearlle e preguntarlle cousas absurdas, como créndose superior pola súa condición de cidadá americana, de blanca ou de maior nivel social.
  2. Estatua da “liberdade (?)”: o profesor vai visitar a Tarek á cárcere en un ambiente de total limitación das liberdades do preso (pouco tempo de visitas, non poder pasarlles cousas, etc) aparece pintada sobre o fondo dunha das paredes da estancia a Estatua da Liberdade sobre o fondo da bandeira estadounidense.
  3. Bandeira EEUU: tras estar un tempo na cárcere, Tarek é deportado a Siria –o seu país de orixe-. Cando está no aeroporto a piques de coller o avión, pasa por debaixo dunha bandeira americana. Podemos observar aquí de novo a relación de contraste entre un país que supostamente ofrece moitas liberdades e as poucas das que goza este home que é expulsado do mesmo.

Neste contexto o profesor Walder Vale supón un contrapunto á sociedade, unha esperanza de que aínda queda xente comprensiva cos problemas deste tipo de xente. Se o recibimento é bo, será tamén mellor a actitude dos recibidos. Hai quen insulta e aldraxa aos inmigrantes, botándolles xa a priori as culpas de facer o mal, mais non dan conta que quizabes son eles os que están incitando a tales comportamentos. En Francia queren botar aos ciganos, en Italia hai quen non soporta a unha ministra africana e no estado español aínda o outro día trataban de xeito cando menos discutible a entrada de inmigrantes por Ceuta.

Necesitamos máis profesores Vale. Que toquen os bongos.

GÓMEZ SAL, LUCAS. BCP 203