Arquivo do blog

“Tamén hai que comer”

Co primeiro de maio chegan con máis forza ca nunca as reivindicacións dos traballadores e dos empregados, as persoas que a cada día que pasa teñen menos seguridade no seu porvir e no dos seus seres queridos. O benestar e a dignidade do pobo xóganse nunha partida de dados allea a el. ¿Somos escravos ou somos homes e mulleres en posesión dos nosos destinos? ¿E os xornalistas? Recentemente estivemos observando como co paso do tempo os  medios máis exitosos son aqueles que venden noticias, que empregan as súas forzas e o seu tempo en cubrir e informar das banalidades e dos produtos dos seus investidores e colegas no poder. Non hai interese por descubrir, por revelar, por destapar o que xace na outra cara do entorno público e do merchandising. Un xornalista ten que gañarse o seu pan, pero ¿de qué modo?

Fina ironía

O xornalista ideal -especime raro e de escasa notoriedade- debería pensar no seu beneficio en canto que é capaz de salvar ao seu amigo cidadán da ignorancia. O acto da comunicación debe servir a un propósito verdaderamente útil para os interlocutores: o receptor está ao tanto dos feitos que por si mesmo no pode presenciar e o xornalista gaña un público educado e, tamén, algún que outro ducado (3. Nome de numerosas moedas antigas de ouro, varios países). O xornalista ten que manterse cos fondos necesarios para vivir e realizar a súa labor -¿para qué enganarnos?-, mais sempre elaborando información non fraudulenta, sen intencións ocultas… en definitiva, sen venderse a cambio dun trato favorable coas altas esferas, sempre desexosas de comprar xornalistas paraque falen de tódolos chanchullos agás dos seus.

Os xornalistas deben coidarse de non morrer de fame, e coidarse de non traballar para outro xefe que non sexa o cidadán ou o desvalido.

Pereira Vila, Jorge CLX4

O lugar que ocupan os lectores

Pontevedra, 117 quilómetros cadrados onde máis de 82.000 persoas camiñan día a día creando o seu xeito de vida. Resulta complicado para un medio poder seguir toda esta actividade, pero isto aínda se pode dificultar máis se engadimos tamén as comarcas máis próximas como Poio, Sanxenxo, Vilagarcía, o Morrazo, Pontecaldelas, Soutomaior…

Ponte dos Tirantes

Como pode un medio (un xornal, por exemplo) camiñar polos sendeiros que crea a cidadanía? O Diario de Pontevedra responde con fotografías e con páxinas de especiais, aínda que isto só se produce na edición impresa.

Explícome. As dúas últimas páxinas da sección “Gente a diario” están dedicadas ás fotos en grupo que envían os lectores das súas vodas, bautizos, comuñóns, cumpleanos, despedidas de solteiros, reunións familiares, comidas de amigos…

Na Revista, o suplemento da fin de semana, podemos atopar unhas catro páxinas cheas de pequenas fotografías de diferentes actividades que tiveron lugar na última semana, como romarías, feiras e festas de todo tipo. E, como no podería ser menos, no suplemento MiniDiario os máis pequenos tamén son protagonistas dunha páxina.

Pero para completar con éxito o achegamento á vida cotiá dos viandantes de Pontevedra e dos seus redores, o diario ofrece pequenos especiais sobre distintas festas tradicionais xa consagradas. San Bieito de Lérez, a Festa do Mar de Poio, a Festa da Raia en Sanxenxo… teñen unhas páxinas especiais, que serán máis ou menos segundo a importancia do evento.

Pontevedreses, que medio nos coñece mellor? Que medio nos permite formar parte dos seus contidos?

Cardalda Vidal, CL4X

Circus Maximus

Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.

A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.

Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.

Pereira Vila, Jorge CLX4