Arquivo do blog

A importancia de quen opina

Un dos grandes problemas da cidade de Pontevedra é a acumulación de tráfico no centro da cidade, o cal se ve triplicado en vésperas de festivos, nos días chuviosos e cando as estradas da cidade están en obras, cousa bastante común, sobre todo actualmente, coas obras do AVE. Dende outubro do ano pasado e ate o día de hoxe, a rúa Loureiro Crespo está cortada ao trafico á altura da Pasarela, xa que se está acondicionando este tramo para o paso do novo tren de alta velocidade. Por enésima vez se ve sobrepasado o prazo para rematar estas obras, xa que nun principio se estimaba que estarían listas para febreiro deste ano.

Obras en Loureiro Crespo

Vista aérea das obras de Loureiro Crespo

O Diario de Pontevedra informa no día do traballador do estado desta reforma, que novamente incumpre os prazos establecidos. María Boullosa, a redactora desta información, comeza citando as queixas que o Goberno Local trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa adxudicataria desta obra. En orde cronolóxico vanse expresando os diferentes puntos de vista de cada bando. Ate aquí todo correcto.

Na segunda parte desta noticia, Boullosa céntrase na opinión dos cidadáns e nos problemas que isto lles crea. É neste apartado onde a noticia frouxea, xa que a opinión dos cidadáns é algo etéreo, porque as súas testemuñas son identificadas como “fontes próximas á asociación de comerciantes”. ¿Non terían que ser os propios cidadáns con nome e apelido os que se queixen da súa situación?. Ademais, o curte na estrada tamén desfavorece aos condutores que día a día teñen que variar o seu traxecto debido a esta reforma e a les nin sequera se refiren.

Deste xeito, e como sucede con moitas outras noticias, parece que as veces importa máis o que di o Goberno Local que o que pensan os afectados que día a día se ven somerxidos nesta clase de problemas.

Cardalda Vidal, CL4X

“Tamén hai que comer”

Co primeiro de maio chegan con máis forza ca nunca as reivindicacións dos traballadores e dos empregados, as persoas que a cada día que pasa teñen menos seguridade no seu porvir e no dos seus seres queridos. O benestar e a dignidade do pobo xóganse nunha partida de dados allea a el. ¿Somos escravos ou somos homes e mulleres en posesión dos nosos destinos? ¿E os xornalistas? Recentemente estivemos observando como co paso do tempo os  medios máis exitosos son aqueles que venden noticias, que empregan as súas forzas e o seu tempo en cubrir e informar das banalidades e dos produtos dos seus investidores e colegas no poder. Non hai interese por descubrir, por revelar, por destapar o que xace na outra cara do entorno público e do merchandising. Un xornalista ten que gañarse o seu pan, pero ¿de qué modo?

Fina ironía

O xornalista ideal -especime raro e de escasa notoriedade- debería pensar no seu beneficio en canto que é capaz de salvar ao seu amigo cidadán da ignorancia. O acto da comunicación debe servir a un propósito verdaderamente útil para os interlocutores: o receptor está ao tanto dos feitos que por si mesmo no pode presenciar e o xornalista gaña un público educado e, tamén, algún que outro ducado (3. Nome de numerosas moedas antigas de ouro, varios países). O xornalista ten que manterse cos fondos necesarios para vivir e realizar a súa labor -¿para qué enganarnos?-, mais sempre elaborando información non fraudulenta, sen intencións ocultas… en definitiva, sen venderse a cambio dun trato favorable coas altas esferas, sempre desexosas de comprar xornalistas paraque falen de tódolos chanchullos agás dos seus.

Os xornalistas deben coidarse de non morrer de fame, e coidarse de non traballar para outro xefe que non sexa o cidadán ou o desvalido.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Ver, observar, explorar, interpretar e contar

As cidades son grandes escenarios con vida propia, nos que se desenvolven historias diferenciadas en distintos espazos e con temática moi diversa. As cidades senten e pensan, proporcionan sensacións e vivencias, falan e comunican todo o que acontece no seu seo. Están aí expostas, dándonos información continuamente.

Cultura, política, sociedade, deporte, ocio, son contidos que a cidade produce cada día e que nos ofrecen diversos puntos de vista dun mesmo entorno. A diversidade e a múltiple perspectiva que nos ofrece a cidade, debe ser recollida polo xornalista local que debe camiñar polo seu mundo máis próximo, observar, explorar, escoitar, interpretar e empaparse do que acontece ó seu arredor. Ten que ver a cidade coma unha fábrica de contidos e ademais debe coñecer ós cidadáns que nela habitan, entendelos e darlle resposta ás súas demandas, debe ser a súa voz pública.

Nada máis lonxe da realidade actual do xornalismo e do xornalista local que, normalmente repiten as mesmas información e transmiten literalmente os comunicados de prensa distribuídos dunha maneira abusiva polas axencias de comunicación sen buscar novas fontes nin contrastar a información que lle chega.

Nestes momentos a sociedade estase a volver máis esixente, están sendo máis críticos e están espertando do sono no que o sistema os tiña mergullados e o periodista local debe estar preparado para responder a eses novos requirimentos.

Rodríguez Martínez, Raquel CL4X

Camiñar, escoitar e falar coa cidade

Para gozar ao máximo da vida na cidade hai que intentar coñecer cada un dos seus segredos, para así poder chegar a comprendela. A cidade é algo dinámico, que nace, que medra, que se reproduce e que incluso pode chegar a morrer. Que unha cidade sexa o que é débese aos seus habitantes, aos cidadáns que día a día moldean a cidade.

É case imprescindible para os cidadáns coñecer correctamente o lugar onde viven, xa que isto facilitará o seu transcorrer diario. Deste mesmo xeito, para un xornalista tamén é preciso coñecer o lugar sobre o que vai a informar.

Pontevedra dende A Caeira (Poio)

Vistas da cidade de Pontevedra dende o mirador de A Caeira (Poio)

Na miña curta experiencia como xornalista decateime de que é un requisito fundamental. Como vas a falar das cousas que acontecen na cidade se non coñeces o seu ritmo de vida? Como vas a informar aos veciños dos acontecementos se non hai unha memoria histórica que che axude a comprender certas cousas? Como vas situar os feitos se non coñeces as rúas e estradas?

Un xornalista debe ser ante todo un cidadán, unha persoa comprometida co avance da súa cidade, que coñeza as costumes, as tradicións, as queixas, as satisfaccións e a maneira de pensar dos seus veciños e, deste xeito, establecerase unha relación horizontal. Pero o reporteiro non pode esquecer os seus principios como informador, debe ser honesto, non debe tomar partido nos acontecementos, debe ser obxectivo (aínda que hai diversidade de opinións), debe contrastar sempre a información e ten que ser veraz.

Por último, o xornalista terá que demostrar se está á altura dos tempos que corren. A figura do redactor morre e nace a figura do informador polivalente, que ademais de crear un texto lingüisticamente perfecto sabe sacarlle todo o partido ao soporte elixido, que habitualmente soe ser a rede.

Xornalistas, deixémonos contaxiar das cidades e dos seus habitantes e somerxámonos por completo no mundo sobre o que imos a informar, xa que para falar con coherencia é preciso estar ben preto do que nos rodea.

Cardalda Vida, CL4X

Persoal, non profesional

Levántome pola mañá. Doume unha ducha. Almorzo con café. Consulto o Twitter. Vou currar. Falo co xefe. Converso cos colegas. Discuto co veciño. Como mentres miro a tele. Volvo ao choio. Penso nos meus fondos no banco. Sigo traballando. Cea para levar. Adiantar traballo. Chatear. Durmir mal.

A rutina diaria, o eterno castigo de Sísifo. Este pode o ser  pozo de perdición de moitos xornalistas locais. Perderon o ánimo e a ambición hai moito, se cadra desenganados pola actitude preguizosa dos compañeiros. Hai traballo, e iso xa é algo, sobre todo agora, coa de paro que hai, porque non vou acabar na fila do INEM. O máis fácil e fichar, presentarse na rolda de turno e escribir a noticia para mañá. Esforzarse e ir por libre é unha perda de enerxía e tempo, que -¡total!- aquí nunca pasa nada. Non vou ser parte deste xogo de facer medra-la cidade. Non vou meterme nos grandes negocios que se agochan baixo os partidos e as construtoras. Non. A cidade desenvolverase como o dicten os que saben. Ademais, outros encargaranse de atopar as mazás podres do sistema. Eu non son quen de sinalar quen ten as mans manchadas.

¿E a xente de a pé? Non interesa o máis mínimo. ¿De qué me poden servir as filípicas dun vello que traballaba no Porto? ¿Teño estar enriba de cada concelleiro para sacarlle información? ¿Por qué patearme cada metro da cidade? Por suposto que non. O único que interesa son os shows, as estreas de cine, os concertos, as inauguracións iluminadas polo sorriso do alacalde de turno, as festas e as manifestacións. O público é o que podemos ver na superficie, non o que está baixo ela. Este é o meu traballo, non a miña vida.

Eu quería cubrir grandes acontecementos, marchar de correspondente ao estranxeiro ou traballar nas redaccións das grandes capitais. Aí é onde está o que interesa, ou polo menos o que debe interesar a todos. ¿Qué máis dá o que pase aquí?

Pereira Vila, Jorge CLX4

Circus Maximus

Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.

A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.

Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Fagamos cidade

Se observaramos o contido de tódolos xornais galegos durante un ano, posiblemente non habería un só día no que non houbera información procedente de asociacións cidadás.

Por exemplo, esta fin de semana (23, 24 e 25 de marzo) celebrouse na Praza de España de Pontevedra a I Feira do Pan, promovida pola Asociación de Panadeiros Artesáns da cidade. Aínda estando en tempo de crise, as asociacións atrévense con novas iniciativas, que se ven reforzadas pola publicidade e polo apoio dos medios, que incorporan esta clase de eventos ás súas axendas. O Diario de Pontevedra recolle unha ampla panorámica do acontecido na fin de semana: presentación, e desenlace.

Este é un dos exemplos máis comúns de como as comunidades participan na vida diaria da cidade. Uns profesionais dun determinado sector ofertan una serie de actividades lúdicas e ociosas para o divertimento dos cidadáns. Pero estas organizacións teñen moitas outras funcións: denunciar, levar a cabo actividades culturais ou educativas, potenciar e coidar espazos naturais…

De feito, existen tantas comunidades como intereses poidan telos cidadáns e o número de estas organizacións non deixa de medrar. Así, esta fin de semana, de novo en Pontevedra, os furancheiros de toda a provincia (e non só da cidade) decidiron unirse para legalizar a súa actividade ante o goberno autonómico.

A cidade vibra cos pasos dos seus cidadáns. Cada pisada conforma unha realidade que fai medrar o entorno no que nos atopamos.

 Cardalda Vidal, CL4X