Arquivo do blog

O xornalista proletario

Este primeiro de maio, como sempre dende hai xa bastantes anos, acudín á manifestación convocada polo sindicalismo nacionalista en Compostela. Antes facíao simplemente porque estaba de acordo coas reivindicacións sindicais e cría necesario un profundo cambio de modelo do sistema. Hoxe sigo considerando igual ou máis precisas todas as reivindicacións históricas da esquerda, pero este ano vivino doutro xeito.

Imos rematar os nosos estudos de xornalismo dentro dun mes, a partir de aí seremos parados ou traballadores precarios, dos máis precarios dende o século XIX. Comentaba cun colega a cantidade de xornalistas que vimos na manifestación, dos medios de comunicación máis diversos. Alegreime de ver que este gremio xa se vai enterando de que somos traballadores asalariados, nin máis nin menos. Traballar cun ordenador sentados nunha cadeira ou tratar con xente importante na Xunta ou no Parlamento non nos fai a nós máis importantes que outros traballadores, nin moito menos. O mantra da ‘obxectividade’ parece que deu en que os xornalistas se queiran manter á marxe da vida social, ser simples notarios da realidade. Segundo esta visión (errónea) do oficio, estaría mal que un xornalista fora defender os seus dereitos como traballador, xa sexa acudindo a unha greve ou á manfiestación do 1º de maio, posto que iso implica tomar unha posición política. Ollo, non facelo tamén implica unha posición política (poden mexar por min, que como son xornalsitas vou ficar cadalo), mais parece o normal xustificado, precisamente, por esa teima de “manterse á marxe”.

Convén ter claro o noso papel profesional. Habemos manter sempre a rigorosidade no traballo e dar un tratamento aos axentes sociais baseado no interese informativo que estes teñan. É o que o público saberá valorar. Sí, os xefes saberán que defendes os teus dereitos como traballador e os políticos de turno, coas súas influenzas nos medios, tamén. Quen teña medo, que se deixe pisotear. Será o tipo de xornalista ao que non lerei.

Rios Rodriguez. clx4

Marketing de guerra en páxinas interiores

Con demasiada frecuencia e facilidade, os medios de comunicación sucumben ao embruxo e poder retórico das fontes. A rutinización da pasiva recollida de información, no que forzas externas á redacción toman a iniciativa e controlan o proceso de elaboración e difusión da mensaxe xornalística, hipoteca a verdade ante escuras servidumes que deforman a realidade.  A peza que Faro de Vigo dedica hoxe á actividade da base da Brilat,  na súa edición local de Pontevedra, exemplifica ese modelo de xornalismo en tránsito á propaganda.

Convertido nun apéndice do gabinete de prensa da institución militar, o medio vigués publica, baixo a aparencia de información local, un pseudoevento  manufacturado por fontes invisibles, mudas, ás que a falta de barreiras de filtrado, contraste e verificación, permite, sen dificultade, a construción do discurso triunfalista propio dunha campaña publicitaria (“La profesionalidad, versatilidad, constante actualización y disponibilidad son factores que definen a una Fuerza de primera respuesta como la Brilat y que juegan a favor de los hombres y mujeres que la integran a la hora de afrontar misiones en un entorno hostil”). Maquillada e producida para entusiasmar, a noticia está repleta de termos con connotacións positivas (“contratos de larga duración”, “estabilidad laboral”, “impacto económico directo en la ciudad”) que, xa desde o corpo de titulación, apelan estratexicamente ás grandes preocupacións colectivas: o paro e a economía (“Una ‘empresa’ con 2.500 trabajadores. La base General Morillo, sede de la Brilat, genera un movimiento económico de 40 millones de euros”). Neutralizada a identidade do comunicador como mediador e intérprete, o xornal transfórmase no mellor e máis barato soporte para a ofensiva ideolóxica de determinados sectores sociais. Saben que a instrumentalización dos medios é o control da “democracia”.

Alonso Rodríguez, CL4X

Xornalismo de expositor

Co maior número de viveiros de todo o país, Tomiño é considerado o xardín de Galiza. O excepcional microclima da zona xunto coa calidade das súas terras ácidas propiciaron un importante desenvolvemento do sector da planta ornamental, un dos motores económicos da comarca do Baixo Miño. Preto de 500 persoas, especialmente mulleres, dependen directa ou indirectamente das máis de 150 hectáreas dedicadas á produción de flor cortada e plantas ornamentais nunha actividade que nos últimos anos, e a pesares da crise, medrou tanto en termos de facturación como de exportación.

Cun contexto socioeconómico de partida tan característico, resulta sorprendente atopar informacións como a publicada este pasado sábado no Faro de Vigo a respecto da IX Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrada en Goián. O relato da xornalista (que cubriu tamén as oito edicións anteriores para este mesmo xornal), provoca a representación dunha sociedade fría, empregando a terminoloxía de Levy-Strauss, ao limitarse a rexistrar un feito concreto, un decorado ritualizado e presentado sen ligazóns a vida cotiá da comunidade nin ao futuro social dos membros que a compoñen (oportunidades, debilidades, retos aos que se enfronta o sector…). Tal e como indicaba W. Benjamin, o comunicador debe observar a realidade desde unha perspectiva dual  (socioeconómica e sociopsicolóxica), reflectindo o rostro e a alma das súas formas organizativas e actuando como ferramenta dinamizadora das interconexións nela latentes. Porén, no caso sinalado, a xornalista non é máis que unha visitante pasiva que ve, pero non mira.

Alonso Rodríguez, CL4X

A choiva que desloce a información local

A pesar das diferenzas na orixe da convocatoria e no fondo da reivindicación, as mobilizacións que a pasada fin de semana tiveron lugar en Ferrol, O Pindo e Pontevedra, demostraron que en La Voz de Galicia a cobertura de calquera protesta segue un mesmo patrón. Nos tres casos, o encadre dominante caracterízase pola resposta aséptica das principais W (quen, que, cando e onde), a reprodución literal dos obxectivos enunciados polos convocantes e a enfatización da anécdota irrelevante: a choiva que “tanto desloce” ás manifestacións. Xa de partida confúndese a desexable imparcialidade cunha obxectividade pasiva, cunha neutralidade de simple espello sen alma nin visión, reducida á contabilización numérica dos asistentes e a citación dos personaxes de “renome” presentes. En ningún caso os xornalistas achegan información que aluda aos antecedentes dos feitos, estableza relacións causais ou ofreza interpretacións sobre as posibles repercusións na comunidade do solicitado nas marchas. E a verdade é sempre máis ampla que o simple feito, ancorado nun tempo e un lugar concretos e illado do contexto.

Cando se amplía o abano de opinións, óptase pola “presentación das posibilidades en conflito”, recollendo a postura contraria á xeradora da información (por exemplo, aludindo aos veciños contrarios á declaración do Parque Natural no Pindo) e tratando, así, de aparentar equidistancia.  Ao mesmo tempo, retrátase aos manifestantes máis pola súa aparencia ou linguaxe (“Un buen número de participantes llevó pancartas alusivas a sus reclamaciones y también camisetas reivindicativas de color azul”)  que pola lexitimidade das súas reivindicacións. Así, o xornalista “obxectivo” deixa supostamente ao receptor a capacidade de decidir quen di a verdade ou quen ten a razón. Porén, a imposibilidade dos cidadáns de comprender que motivacións e implicacións xeran, xustifican ou explican as protestas que lle se amosan, obstaculiza a participación política crítica e, por tanto, o exercicio dunha verdadeira democracia.

Alonso Rodríguez, CL4X

Asuntos privados dos cargos públicos?

O pasado domingo a cabeceira compostelá El Correo Gallego adiantaba que o alcalde Gerardo Conde Roa dimitiría do seu cargo, como se leva esixindo dende certos sectores da cidadanía e os grupos da oposición dende que se coñeceu a súa imputación por defraudar case 300.000 a Facenda. O código ético do xornalista recolle que este non debe traspasar a fronteira entre os asuntos privados dunha persoa cos seus asuntos ou cargos públicos, mais moitas veces a situación desta fronteira é obxecto de debate, as máis das veces interesado.

Non se pode comparar a vida sexual dunha persoa, as desavinzas dentro da súa familia ou casos polo estilo con, por exemplo, o seu oficio ou, neste caso, coa súa propiedade. No eido local isto cobra especial relevancia, sobre todo nas localidades pequenas como é o caso que nos ocupa, pois o tópico de que “todos nos coñecemos” e “ao final todo se acaba sabendo” toman especial relevancia. O xornalista debe distinguir entre eses primeiros asuntos que poderían resultar moi escandalosos e que de seguro lle interesarían a moita xente mais, e isto é o importante, non son de interese público; e os asuntos que si o son. Aquilo que atinxe ao pasado profesional, a carreira, ou a propiedade dun cargo público si que é de interese público, polo simple feito de que os intereses que van parellos a esa propiedade van incidir directamente no desenvolvemento do seu cargo electo.

Conde Roa fixo ben en dimitir e, os xornais que o presionaron, sempre movidos por unha variedade de motivos e intereses, fixeron ben en presionalo, pois a información que atinxe á súa empresa e ao seu fraude era de interese público, pois ao defraudar ao Estado estás defraudando a toda a cidadanía que sí que paga impostos para manter o ben público.

Ríos, Raúl cl4x

Twitter e a información local

Fronte á opacidade e manipulación da Xunta e de medios como a CRTVG na cobertura do desastre das Fragas do Eume, a Rede volveu funcionar coma fonte alternativa, amosando algúns vieiros polos que posiblemente terá que camiñar o futuro comunicador do local. O traballo de Raúl Salgado na súa conta de Twitter foi o exemplo máis evidente. Coma un flâneur dixital, o xornalista ferrolán avaliou en primeira persoa o desenvolvemento dos feitos, ordenando o caos da (des)información e construíndo relacións entre escenarios e sucesos desarticulados. Cando iniciou a cobertura do incendio, o pasado venres, a edición dixital de El Mundo en Galicia, onde traballaba, acababa de pechar. Aínda que inicialmente só retwitteaba datos que ofrecían outros usuarios, maioritariamente habitantes da zona, á mañá seguinte desprazouse até as Fragas para narrar el mesmo e en tempo real, o que se vía, dicía e, sobre todo, o que se ocultaba. O seu “paseo” pola comarca reflectiu a importancia de coñecer a orografía e a distribución dos asentamentos poboacionais; a necesidade de interactuar cos veciños e de empatizar co territorio do que se informa. En doses de 140 caracteres pero a través dunha observación comprometida, vocacional, a súas informacións contribuíron a converter a Twitter no altofalante dos que non tiñan voz nos medios tradicionais.

Curiosamente, as crónicas que despois publicou por encargo para El Mundo non seguiron a mesma liña. Nelas predominina o oficialismo das fontes políticas e institucionais, sen presenza algunha dos testemuños e versións de veciños, brigadistas ou políticos da oposición. Semella que a independencia e a polifonía da Rede desaparece coa sumisión á editorialización da empresa informativa. Con ela volve a ollada mercantilizada do flaneur burgués.

(Como exemplo do contraste no enfoque da informacións, velaquí algúns tweets con datos e feitos que despois non recolle nas crónicas que elabora para El Mundo:

-Alguien es de letras en la Xunta. A las 14.00, 850 hectáreas quemadas en el Eume; a las 20.00, solo 780.

-DESINFORMACIÓN en el Eume.

-Los vecinos de Vilachá, fuera de sus casas, se enfrentan en solitario al incendio del Eume con tractores y cisternas.

-Si un vigilante de la zona del Eume dice que se vio humo desde las 13.30 y que hay más desalojos de los que dice la Xunta… alucino

-ADEGA achaca el incendio del Eume a las “miserias políticas de conservación y a los errores de las estrategias forestales de la Xunta”.)

 Alonso Rodríguez, CL4X

Turismo colonial

A rúa do Franco é o exemplo máis visíbel dun comercio centrado nos souvenirs e dunha hostelería centrada nos platos de luxo para os turistas

Se tiveramos que escoller un sector económico para facer un país o máis dependente posíbel das conxunturas económicas alleas e das fluctuacións dos mercados internacionais este sector sería o turismo.

Os países terceiromundistas caracterizáronse (e caracterízanse) por ter un forte peso do turismo na súa estrutura económica, tanto en termos de PIB como de emprego, en detrimento doutros sectores que xerarían maior valor engadido e que están nos países do norte do sistema. O paradigma terceiromundista repítese en gran medida no noso país e, nomeadamente, na nosa cidade, Santiago de Compostela. Se o mercado interno flaquea, que é o que garante seguridade e autonomía ás pequenas empresas, estas se verán obrigadas a volcarse cara o exterior, pasando a depender da marcha de economías estranxeiras sobre as cales nós non podemos incidir (case non podemos incidir nen na nosa propia economía, pois a única política económica que aplican os nosos gobernantes do binomio PPSOE é a da lei da selva,deixando o noso destino en mans de Amancio Botín).

Neste exemplo de economía glocal, é doadamente observábel como unhas decisións tomadas a milleiros de quilómetros da nosa terra poden afectar á nosa comunidade máis próxima: postos de traballo estacionarios e precarios, xornadas de traballo abusivas, presión á alza dos prezos (os salarios medios dos países emisores de turistas parécense aos de aquí tanto como Bush e Ghandi), etc. Cómpre reflexionar sobre que modelo económico nos interesa máis como traballadores pero tamén como país que está nun mundo cunhas relacións cada vez máis complexas e desiguais.

Raúl Ríos, clx4

Praga cos cinco sentidos: a primeira vista

Hai quen chama a Praga “a cidade das cen torres”, o cal nos dá unha idea meridiana sobre cara a onde dirixi-la nosa vista nada máis pisa-la cidade: cara a arriba. Perto de Náměstí Republiký (a praza da República) témo-la vella Torre da Pólvora, cuxo nome se debe probablemente a unha cor negra tan intensa que parece que a torre confundiu a base de maquillaxe de cada mañá coas cinzas da cheminea. O visitante que erga o ollar poderá tamén observa-la fermosa torre da praza da Paz, que se interpón no camiño do ollo cara ó río. Non obstante, o turista despistado crerá que tomou un par de chupitos de Becherovka de mais cando de repente vexa o curuto da torre Eiffel a erguerse alí, no medio de Praga. Pero non é borracheira ningunha: é a torre de Petřín, cuxo andamio de metal se ergue no outeiro do mesmo nome.

París? Non, Praga

Depois dunha boa camiñada coa vista perdida cara o ceo, o que provocou que nos tropezasemos cun par de checos desapacibles, decatámonos de que xa estamos na Staroměstké náměstí, a praza da Cidade Vella. Que é o que vemos alí? De momento, unha manchea de turistas embobados mirando a parede dunha (outra??!) torre, e un grupo de homes anuncio reclutando clientes prós bares, tours guiados ou cabarets que lles dan de comer. Cedo nos atoparemos con Jan Hus, ou polo menos coa súa estatua, pois el morreu na fogueira hai case 600 anos. Este home tentou ser un reformador da doutrina católica naquela época na que dabas unha patada no chan e saían tres reformadores. Porén, as súas ensinanzas non saíron máis aló das fronteiras checas, onde os seus seguidores promoveron un par de guerras relixiosas, que eran o complemento indispensable de todo bo reformador. Pero voltando ó presente e xirando algo a cabeza, veremo-la barroca catedral de Sv. Mikuláš e despois a gótica catedral do Týn, xuntas pero non revoltas na praza. O curioso sobre esta última catedral é que… ten a fachada principal tapada por un grupo de casas! Non son ben, estes checos.

 

Indo ó través desa horda turística que segue pampa fitando á torre (se alguén me le e sabe por que miran esa maldita torre, prométolle unha cervexa), chegamos ó río. A vista é, simplemente, abrumadora. O castelo de Praga, o castelo medieval máis grande do mundo, érguese alí. En tanto que palacio real, durante séculos foi escenario de milleiros de liortas políticas que se adoitaban solucionar ó modo tradicional checo: tirando a un rei pola fiestra e poñendo un novo. De entre a súa longa e turbulenta historia podemos destacar que en 1941 comezou a habitalo un redecorador moi en boga naquela época, Reinhard Heydrich, que decidiu colocar no curuto do castelo unha bandeira das SS a carón dunha nazi, que xa levaba 3 anos bailando felizmente alí. Sen dúbida, o estilista Heydrich mellorou o castelo, e como premio os checos matárono a tiros, pero iso xa é outra historia. Hoxendía habítao Vaclav Klaus, presidente da República e ladrón de plumas estilográficas a tempo parcial. E non é broma.

Abrumados por tanta beleza e polos secretos que esconden todas esas pedras, decidimos buscar un reducto de tranquilidade entre os santos (de novo, de pedra) que poboan o Karlův most, a mundialmente famosa ponte de Carlos. Mirando cara o sur, intentando descubrir as siluetas de Fred Astaire e Ginger Roberts nas sinuosas formas da Tančící dům, a casa danzante deseñada por Frank Gehry, acaba a nosa viaxe por hoxe. Queda moito por ver, pero os nosos ollos tamén precisan dun merecido descanso, que poderán atopar coméndose coa mirada ás seductoras checas (ou garridos checos, segundo gustos) que poboan os pubs da cidade a estas horas do solpor. E antes de marcharnos da ponte de Carlos, polo que poida pasar, lle bicamo-los pés a san Xoán Nepomuceno, patrón dos estudantes.

Na schledanou!

Jiři Chleba

ProT: Primera toma de contacto

El lunes 27 de febrero mi compañero Gutier Salgado y yo misma nos personamos en Cruz Roja para iniciar el trabajo de ProT. La idea es conocer como trabaja esta organización, como se relacionan sus miembros y como influye su presencia en el tejido social más próximo; además esperamos comprender el papel que juega en la vida de los usuarios de los diferentes servicios.

El lunes Gutier estuvo en la sección de Juventud, con el programa de Mediación Social. Un proyecto dirigido a los niños y que cuenta con varios voluntarios que se dedican al apoyo escolar, a las actividades de ocio y la realización de talleres de manualidades. Cada lunes alguien del grupo estará en Mediación Social en horario de 16:30 a 19:00.

Yo, por mi parte, me centré en el EBAE (Espacio de Búsqueda Activa de Empleo), un proyecto de la Cruz Roja que ayuda y orienta a la gente que busca empleo y formación a través de cursos homologados.   Dos voluntarias se afanaban el lunes en atender a los diversos usuarios que fueron llegando. En el EBAE es muy importante la documentación y el orden. Trabajan muy duro y hacen una gran labor social. Estuve con las voluntarias desde las 17:00 hasta las 18:15 horas, conociéndolas y observando su trabajo.

Esta semana volveremos a Cruz Roja, haremos una pequeña rotación para que Astrid se familiarice con Mediación Social.

Sánchez Andrade – T4-A

Se algo funciona hai que dominalo…

O meu último artigo antes de dar por “rematado” o curso quere servir como breve comparativa entre as miñas conclusións e as amosadas por algún dos meus compañeiros.

Como xa expresaba no artigo Unha cuestión de “necesidades”, cando unha comunidade ten unha serie de necesidades de orde prioritario e básico e carece dalgunha ferramenta social que lle axude a combatilas, os membros da comunidade observan nos medios unha posibilidade de resposta das mesmas moi interesante.

Creados ao abeiro da comunidade, os medios comunitarios son unha pequena raíz que intenta expresar a opinión, problemas, inxustizas e demais que sufren os membros da comunidade e axudarlles mediante as ondas a invertilas. Moitas veces, o grao de implicación e acción destes medios chega ata límites insospeitados. O groso da comunidade os entende como parte da mesma e os utilizan como mecanismo de axuda, non de promoción nin política.

Pero o problema chega cando a man externa entra nestes medios para fins particulares. Resulta curioso que nas exposicións grupais, se tratara Radio Amazonas, que foi explicada como un medio impulsado dende a acción persoal dun gran empresario que, a través de aportacións económicas, aprópiase da causa da comunidade (como a loita indíxena contra o Goberno e as multinacionais por motivos de recursos e territorios) e a explota ata tal punto de ter o control e manexo dos membros da comunidade.

Esta dinámica é moi perigosa, xa que non atende a un interese común, e os medios comunitarios transfórmanse en medios comunitarios encubertos.

No meu caso, sorpréndeme a capacidade coa que a comunidade de Jaén, en Perú, “rexeitou” nun primeiro momento á Radio Marañón, por seren mera correa transmisora dos intereses políticos dunha entidade, sendo neste caso a Igrexa. Esa “radio de curas” non ofrecía nin a realidade da comunidade nin unha solución ou apoio aos problemas da mesma e non funcionou. Foi só cando dende unha restruturación de contidos esa radio tornouse en “útil” para a comunidade.

Luaces Eiras, Daniel CLx4

 

 

 

 

 

Unha cuestión de “necesidades”

Despois das pertinentes exposicións e traballos grupais, gustaríame rematar a asignatura deixando un par de posts sobre as miñas conclusións persoais.

Neste primeiro quero falar de necesidades. Toda comunidade ten as súas determinadas necesidades que os membros da mesma comprenden e tratan de afrontar. Moitas veces, o problema radica en que non hai ningunha ferramenta social (xa veña dende o Estado ou non), que axude aos membros da comunidade a palialas. É aquí onde entra o valor dos medios comunitarios.

As comunidades latinoamericanas como pode ser a de Jaén ou Belo Horizonte, presentan unhas necesidades básicas como un alto grao de analfabetismo, problemas de salubridade, falta de coñecemento sobre a utilización de ferramentas básicas de subsistencia…Ante estes problemas, os membros da comunidade latinoamericana, únense en pos dun final común: o avance ou cambio social. Pero para poder acadalo, un medio necesita da comunidade e, sobre todo, a comunidade necesita do medio.

Deste modo, a acción do medio tórnase en fundamental para o avance social. O medio é a voz da comunidade, ensina á comunidade e ofrécese a ela mediante os seus membros. O sistema é o seguinte: eu son médico, axúdote; ti es veterinario, axúdasme e etcétera. Tamén aquí entra en xogo a figura do “reporteiro popular”, tan presente na comunicación e desenvolvemento de América Latina.

Cando toda a comunidade ten un fin común, a acción do medio duplícase e loita polo ben dos membros da mesma. O ton contestario destes medios non é máis que unha resposta ante a “desigualdade social” que impide o avance. Créase conciencia dende o pobo e cara o pobo, e o grao de implicación multiplícase xa que esa conciencia “obriga” a actuar co medio e para o medio.

Por outra banda, nos medios europeos as necesidades básicas da comunidade están cubertas. A participación e implicación dos membros da comunidade tradúcese nunha forma vertical, dende o medio ata a comunidade. O medio crea un espazo intercomunicativo e cultural que os membros da comunidade entenden como plataforma sine qua non poder dárse a coñecer cara o resto da comunidade.

O medio quere fortalecer o vínculo da comunidade, e ofrecer unha alternativa (non confundir como a alternativa propia dos medios alternativos) a esa sociedade apática e acomodada no benestar do desenvolvemento. Podemos dicir que, neste caso, o medio actúa e a comunidade responde; non que a comunidade fala e o medio responde.

Luaces Eiras, Daniel CLx4

Radio local en eleccións municipais

As eleccións municipais esixían un achegamento a Radio Redondela para poder realizar unha análise da cobertura realizada. A súa páxina web recolle o que podería interesar o cidadán no día despois.

O resultado de 10 PP, 8 PSOE, 2 BNG e 1 para AER (Agrupación de Electores de Redondela), determina que este último grupo é o que ten a denominada ‘chave’ de goberno. Na web da emisora municipal o primeiro que aparece é unha entrevista cun dos membros da candidatura e un titular: “Non imos pactar con ninguén”.

Un traballo xornalístico claro e preciso que responde a gran pregunta do día na localidade. Despois están as declaracións dos outros grupos políticos e o único erro ou carencia que se lle pode atribuír os xornalistas de Radio Redondela é que non existe unha recopilación de voces de cidadáns non marcados pola cor política, xa sexan persoas anónimas ou integrantes de diversos colectivos sociais.

 

Jorge Castro Pérez, CL4X

Os símbolos da comunidade

Dende a creación do Concello de Burela, en 1994, houbo un interese xeneralizado pola elaboración de publicacións sobre a localidade. Pouco a pouco foron saíndo á luz algunhas obras fomentadas principalmente pola propia institución municipal, ou por outras asociacións culturais e entidades da zona. Froito desta demanda, o concello conta dende 1997 coa figura do cronista oficial, encargado de deixar constancia do que aconteceu e acontece na actualidade.

Logo dun achegamento a parte deste xornalismo e literatura local, puiden apreciar a prevalencia de dúas temáticas sobre tódalas demais: o mar, e a cultura castrexa. A primeira fai referencia á esencia mariñeira da comunidade, identificando a pesca e a vida marítima como factores indispensables e razóns principais do nacemento e evolución da vila. A cultura castrexa, pola súa parte, vén representada polo Torques de Burela, atopado en 1945 na vila, e que pasou a constituírse como un símbolo da localidade dende aquela.

Na actualidade, os medios de comunicación da vila (e Radio Burela concretamente) seguen tendo en conta estes símbolos á hora de elaborar os seus contidos, pois, dalgún xeito, están fortemente interiorizados tanto polos propios xornalistas, coma polos habitantes da comunidade.

Carla Fraga García, CL4X

A Magdalena, múltiples universos nun só

A Magdalena é o xustillo racionalista que veu cinguir a cidade de Ferrol aló polo século XVIII; unha cuadrícula perfecta, de vías rectas que se cortan nunha exacta perpendicularidade, que se levantou no que ata aquel momento non era máis que unha zona cuberta de silvas e penas que baixaba desde Canido cara ao mar, entre os poboados de Ferrol Vello e Esteiro.

Ten planta neoclásica, pero faciana do XIX, pois a mediados deste século proliferou no barrio un novo elemento arquitectónico: a galería de madeira e cristal. A Magdalena tamén se ve salpicada por pingas modernistas do XX. Son as vertidas en diversos edificios por Rodolfo Ucha, quen chegou a ser nomeado arquitecto municipal de Ferrol.

Múltiples universos artísticos conflúen aquí para dar lugar a unha singularidade que os propios ferroláns cantan en celebracións autóctonas como a Noite das Pepitas: “Es ferrolana hermosa tu pueblo mismo/ un pálido reflejo de tu beldad/ sus rectas y amplias calles son cual tu alma/ en la que no hay reveses todo es bondad./ Sus calles en que abundan/ los miradores/ donde todo es cristales/ y todo es luz./ Es la imagen más pura/ de tus amores/ donde es todo alegría/ todo es virtud.” (Fernández Torres, Ángel. Noche de las Pepitas Ferrol 1988)

Alba Lago Martínez, CL4X

A arma máis poderosa

As radios comunitarias son as ferramentas idóneas para experimentar cos límites das novas tecnoloxías e a retroalimentación pregunta-resposta do binomio emisor-receptor – máis cambiante a cada paso – é unha plataforma perfecta para amosar outras experiencias de comunicación tecnolóxica. O seu proxecto acompaña o proceso de transformación das poboacións e constitúe a arma máis poderosa da que dispoñemos para evitar que a construcción do sentido público e a producción do coñecemento se fragüen só nos medios comerciais e nos discursos das altas esferas.

É mester articular os esforzos individuais a través delas para seguir discutindo a noción de propiedade e chegarmos á conclusión, tal e como puxo de manifesto Mariano de Cuac FM, na clase do pasado venres, que a emisión e recepción de información é un dereito fundamental do cidadán. Todo isto se desprende das acertadas palabras de Gastón Montells, ex director da emisora arxentina FM La Tribu e profesor de Ciencias da Comunicación na UBA. Déixovos o vídeo dun atinado discurso que servirá para comprender a esencia, os obxectivos e o desenvolvementos deste tipo de radios.

Nerea Pallares Vilar, CL4X

Información institucional ou contidos partidistas, onde está o ben común?

As dúas radios que analicei (Radio Amazonas e Radio Municipal de Tui) gardan un estreito parecido nalgúns aspectos, pero noutros, a diferenza entre ambas á abismal. Por exemplo, en relación ao enfoque que se lle da aos contidos, o tratamento é completamente distinto.

Radio Amazonas céntrase en contidos políticos cunha aparente intención por difundir certo dogma político. Hai unha defensa moi forte da cultura ecuatoriana e vélase constantemente polos interesas das comunidades indíxenas. En moitas ocasións búscase a confrontación política cos que se opoñen á ideoloxía do Partido Roldosista Ecuatoriano, do que forma parte o director da radio, Ángel Núñez. Radio Municipal de Tui evita a confrontación política e céntrase en contidos máis pedagóxicos. Dedúcese que isto ven determinado porque o seu financiamento depende directamente do goberno municipal.

RMT mantense fóra das polémicas políticas e intenta contalas coa máxima distancia política. Radio Amazonas enmárcase dentro do bando da esquerda populista Latinoamericana. Non se sabe moi ben quen elabora mellor a información, se RMT, con información institucional, ou Radio Amazonas cun claro fin partidista losxe do “Ben Común”.

Vila Alonso, Sara CL4

As radios comunitarias e “frikilandia”

 Marcelo, traballador de Cuac Fm, tivo a dilixencia de visitar a nosa facultade o pasado venres. Di da radio, que “é o peor que hai despois da heroína”. Quizais por iso teña realizado tantos esforzos para que as emisoras comunitarias, e en concreto esa na  que el traballa, sexan unha realidade. Tras facer un breve percorrido histórico a modo de contextualización sobre a experiencia da radio comunitaria en España e a súa influencia por parte de América Latina, o conferenciante tratou de expor algúns dos problemas que está a padecer a radio comunitaria, así como as discrepancias que xera a súa definición. En primeiro lugar, que é unha radio comunitaria?, son as radios universitarias comunitarias?, cales son os obxectivos dunha radio comunitaria?… Estas son só algunha das preguntas. A partir de aquí, falounos das contradicións que existen en materia legal con respecto a este tipo de emisoras. O dereito de toda persoa a comunicar por calquera medio de comunicación, establecido na nosa Constitución Español, parece invisible no que atinxe a emisoras que non teñen ánimo de lucro.

Quizais Internet sexa unha posible saída para estas radios, a súa promoción e difusión pola rede. Quizais, e parafraseo a Ález dela Iglesiano seu discurso da gala dos Goya 2011, Internet non é o presente, senón que é o futuro e a salvación. Oxalá algún día, prestemos atención ás radios comunitarias na rede, do mesmo xeito que o facemos coa Cadena Ser ou Onda Cero. Oxalá algún día este mundo deixe de ser, como ben di Marcelo, “frikilandia”.

Eire Valcárcel Picouto 4CLX.

Denise Dresser, sen medo en México

Na procura de datos para ampliar a información da que dispoño sobre a lexislación e regulación radiofónica mexicana, para abarcar unha marxe maior de coñecemento sobre a radio latinoamericana que me toca analizar, La Voz de los Mayas, atopei no blog de AMARC México un discurso da xornalista mexicana Denise Dresser. Ademais do seu extraordinario currículo, é unha gran crítica de Felipe Calderón e da actual lei mexicana sobre o audiovisual, coñecida popularmente como “Ley Televisa” que só favorece o duopolio do Grupo Televisa e TV Azteca. Creo que é un punto de vista moi interesante e arriscado no que critica sen medo a moitas das multinacionais que hai en México que impiden o desenvolvemento cultural e económico do país. Para todos aqueles que o queiran ver:

Read the rest of this entry

Tele K e Tv Cidade Livre: semellanzas e diferenzas

A distancia entre Vallecas e Río Claro é evidentemente abismal, non só no sentido xeográfico. Tamén hai una clara diferencia, en xeral entre Europa occidental e América Latina, no referente á percepción de que son os medios comunitarios, que deben facer e como deben funcionar. Claro que todo medio comunitario debe servir a unha comunidade, e isto cúmprese nas dúas televisión analizadas: son mesmamente as comunidades europeas e latinoamericanas as que amosan diferencias de todo tipo.  

Parece que no caso da televisión brasileira o medio adopta una posición máis paternalista cara a sociedade á que se dirixe, atopándonos nese caso cun medio para a comunidade. Pola contra, a televisión madrileña preocúpase máis ben de arengar á xente á acción e á participación, especialmente no ámbito político (cunha adscrición ideolóxica claramente esquerdista).

As dificultades ás que os medios comunitarios deben enfrontarse sí son común no caso de Tele K e TV Cidade Livre. As principais son de índole económica, posto que as posibilidades de financiamento son escasas e dependen en parte de subvencións. Precisamente por iso, tamén se poden atopar co feito de estar presionados por diversas institucións, tanto de carácter público coma privado.

Ana López Gómez, CL4X

Onze Ponto Um Esportes

Olá, amigos da Espanha! Venho aqui apresentar-lhes o nosso blog de jornalismo esportivo, com foco no futebol. Gostaríamos muito de contar com a visita de vocês. Para visitar nosso blog, clique aqui. Voltarei aqui para anunciar as atualizações do nosso blog.

Sem mais, Osmar Lopes, aluno de Jornalismo da Universidade Federal de Ouro Preto.