Arquivo do blog

Coñecendo a Julio Cortázar

A primeira vez que escoitei falar de Julio Cortázar foi ao meu pai, ten un libro que se pode ler do dereito, do revés ou na orde que ti queiras. Despois no instituto tiven un profesor cun serio caso de cortazaritis. Máis tarde, coñecino de primeira man a través de La señorita Cora, Rayuela e Instrucciones para subir una escalera. Hoxe, podemos coñecer París da mán de Julio Cortázar gracias a este artigo.

Comunicámonos a diario. Comunicamos sen esforzo,  dunha maneira natural. Pasando información duns aos outros, imos formando a nosa comunidade coa axuda, ou a imposición, dos medios de comunicación. Coñecer a Julio Cortázar acabou sendo inevitable na “miña” comunidade. Primeiro na casa, na escola, na miña cabeza e hoxe nun medio de comunicación, Julio Cortázar como referente literario. A formación da comunidade e a organización desta serve, como consideraba o transfondo da comunicación comunitaria, para o progreso e a mellora. Mais, cando é a propia comunidade á que nos axuda a crear os nosos criterios e nos “suxire” lecturas e costumes. Como sabemos diferenciar o que nos gusta do que non? O que é bo do que non? Estamos controlados pola comunidade?

Antes de que nos entre o pánico, Cortázar.

Las escaleras se suben de frente, pues hacia atrás o de costado resultan particularmente incómodas. La actitud natural consiste en mantenerse de pie, los brazos colgando sin esfuerzo, la cabeza erguida aunque no tanto que los ojos dejen de ver los peldaños inmediatamente superiores al que se pisa, y respirando lenta y regularmente. 

Bragado Paz, GBCP

Circus Maximus

Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.

A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.

Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.

Pereira Vila, Jorge CLX4

A festa: o opio do pobo

O concello de Trazo ultima os detalles da sétima festa da xuventude para o vindeiro venres 30 de marzo. É un evento que ten lugar cada ano a comezos da primavera e que pretende xuntar aos mozos de entre 18 e 40 anos empadroados no municipio ao redor dunha mesa de confraternidade pra recordar vellos tempos e procurar un chisco de divertimento.

Detrás deste tipo de festexos, creados ex profeso para salvar o almanaque de lecer de concellos rurais galegos onde escasea a oferta cultural dirixida aos máis novos, non existe ningún tipo de tentativa por reavivar o apagado sentimento de pertenza a unha comunidade. Na maioría dos casos nin sequera chega a existir tal consciencia crítica. Moi ao contrario, a festa da xuventude de Trazo, ao igual cá da mediana idade, a dos maiores e mesmo a recentemente bautizada como Festa do Grelo, ten un sentido moito máis radical, no sentido de raíz, ligado a unha artimaña política moi común entre os gobernos locais: manter contento ao pobo para seren lexitimados no poder.

Por outra parte, despois de pecharlle as portas de calquera tipo de posibilidade formativa ou laboral no seu propio berce natal e obrigalos a todos a convertérense nuns apátridas desleixados e forzados a trocaren a agricultura de subsistencia sen axudas nin rendementos pola vida globalizada da cidade, sería moito pedir que entre os mozos aínda existiran relacións grupais, interese por participar nos asuntos locais e un compromiso comunitario máis ou menos definido. Mal que nos pese, se é que aínda importa algo nas dinámicas da cultura de masas que imperan a día de hoxe, para reforzar o sentimento de comunidade haberá que pensar en algo máis ca na festa.

Ríos Dafonte, CL4X

Aquelas cousas que temos en común

Como vimos esta última semana nas aulas expositivas, Hillery estableceu que unha comunidade está marcada pola ubicación, as relacións bio-culturais e a interacción social. Gustaríame recapacitar neste post sobre a comunidade que formamos os estudantes de xornalismo (así como o poden facer aqueles que estudan outras carreiras). Supoño que vos pasará a moitos o mesmo que a min. Eu teño un grupo de amigos dende hai moitos anos xa e comparto con todos eles moitas cousas mais cas novas amizades que establecín na carreira a cousa xa é distinta.

En primeiro lugar está a ubicación: como é normal vivimos todos en Santiago de Compostela mais cada un procede dun lugar distinto dentro da xeografía galega e asturiana. Gracias a isto aprendemos moito uns dos outros dende as costumes tan variables dentro dun mesmo territorio ata lingüísticamente falando. As veces parece mentira que vivindo toda a vida nun lugar tan pequeno coma Galicia teñamos aínda tantas cousas por descubrir sobre ela.

Logo están as relacións bio-culturais, máis ou menos todos temos a mesma idade polo que moitas das nosas rutinas cotiás son moi semellantes e o máis importante tamén son moi semellantes os nosos intereses de tipo cultural. E neste punto onde me gustaría pararme un pouco e onde quero facer a distinción entre os dous grupos de amigos (Pontevedra-Santiago). Cos meus amigos de Pontevedra como é normal teño moitos intereses en común pero aquí é distinto xa que moitas das persoas da carreira interésanse pola maioría das cousas que eu tamén o fago. Quero dicir que eu non me imaxinaría falando ca xente de Pontevedra sobre como os medios están tratando a campaña electoral francesa, por exemplo, e a min é algo que me interesa. Aquí sei que podo facelo porque ó fin e o cabo é algo que nos interesa a todos. Eu escollín estudar xornalismo porque me interesan os medios e coñecer xente que tamén ten as mesmas inquietudes ca un sempre é reconfortante. E xa non falemos polo tema da escritura como medio de desafogo porque aí si que poderíamos perdernos!

Por último está a interacción social, que dicir? É algo que me gusta moito desta carreira, a maioría de nós somos extravertidos e non temos problemas en relacionarnos ca xente. É un dos rasgos básicos que debe ter un bo xornalista ó meu parecer.

Penso que estes son os puntos básicos que fan que a nosa faculdade funcione como o fai porque se todos facemos as cousas con interese, con ganas, estas serán moito máis doadas de levar a cabo. Ademais, se nós temos esta facilidade de levar a cabo os nosos proxectos arroupados por xente coa que é doado traballar podemos transmitirlles ós nosos futuros lectores a realidade dun xeito máis ameno e comprensible. Porque ó fin e ó cabo o traballo en equipo é imprescindible nesta profesión e se os membros do equipo están na mesma comunidade, coma nós, traballar rematarase convertendo nunha especie de xogo.

Pedrouso Areán, S2E, T3-A