Arquivo do blog

Ctrl+C Ctrl+V

A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.

Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?

Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Xuntos, pero non mesturados

A crise peta nas portas de todos, incluso nas dos concellos. O tremer das arcas locais fai que se valoren novas medidas económicas.

Mancomunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, leva falando dende comezos do mes de marzo da idea de fusionar concellos. Esta idea non pareceu gustar moito aos afectados, xa que dos 315 nmunicipios galegos, só 60 estarían dispostos á fusión. Os 255 restantes prefiren falar de consorcio. Este é o caso da Conca do Lérez, formada polos catro concellos que rodean a este río: Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade e Forcarei.

Este é un proceso que se acometeu de forma drástica a partir dos anos cincuenta noutros países Europeos, como Suecia, Bulgaria, Dinamarca ou Bélxica, que reduciron os seus concellos á cuarta parte.

A xestión conxunta dos concellos favorecerá a acceder as axudas da administración local e autonómica e as axudas das institucións Europeas, así, servirá tamén para unificar servizos e taxas. Con isto, a Xunta asegura que se aforrará e que se poderán levar a cabo tódalas actividades previstas.

Os catro concellos xúntanse, pero non se mesturan, e cada un deles segue a formar unha unidade. Esta unión só parece levarse a cabo de xeito administrativo, xa que non hai ningún outro tipo de colaboración entre os cidadáns que poida potenciar esta unión. Isto non resulta estraño, xa que o tratamento dos medios cara este tema é escaso. Deste xeito, resulta difícil para o cidadán elaborar unha panorámica desta proposta para poder despois posicionarse.

Cardalda Vidal, CL4X