Arquivo do blog

“ProT: Toca despedirse… adeus á COPE”

Despois da exposición do traballo ProT na titoría deste xoves é preciso explicar o funcionamento de cadea COPE Santiago a partir de varios termos que o profesor nos amosou na clase. En primeiro lugar dividimos o traballo en dous niveis: o operativo e o discursivo. Dentro do nivel operativo establecemos catro termos: a persoa social, a organización, o territorio e as redes sociais.

No referente á persoa social podemos dicir que a cadea COPE busca un prototipo de xornalista que se adapte á súa liña editorial, máis conservadora, e que a teña en conta á hora de construír a información. Así, esta cadea tamén proxecta un prototipo de oínte máis conservador co das outras emisoras. Se temos en conta ese “poder adquisitivo cultural” do que fala Merton podemos dicir que esta cadea conta con programas moi variados nos que teñen cabida tódalas temáticas (sociedade, política, cultura…) e que van enfocados cara un público moi diverso, dende un poder adquisitivo cultural alto ata baixo. Quizais algúns contidos precisen algo máis de cultura xeral mais a maioría están enfocados para que o máximo número de persoas os poidan comprender.

No senso da organización temos que diferenciar entre a teoría e a práctica. Na teoría trátase dunha organización vertical xa que existe un director da emisora e logo uns redactores. Mais na práctica puidemos observar que a organización é bastante horizontal xa que como ben nos explicou Alberto Varela, traballador de cadea COPE Santiago, os redactores teñen total liberdade para producir e redactar a noticia sempre que non atenten contra a liña editorial. Desta maneira, a confección da axenda temática correspóndelle ó xornalista o que non quita que o director dea ideas mais sempre baseándose nos criterios destes profesionais xa que el non é xornalista.

Ó estudar un medio de comunicación cremos que é mellor utilizar o termo cobertura e non o de territorio. Cadea COPE Santiago cobre tódalas noticias da comarca de Santiago e tamén as de Lalín. Isto é o que lle compete na teoría xa que na práctica a zona de Lalín queda algo descoidada por falta de persoal. No referente á comarca de Santiago Alberto Varela admite que pode haber cousas que lles quedan por cubrir: “é imposible chegar a todo”, mais explica que intentan meter en antena case todo o que lles chega, sobre todo no magazine. Neste senso di que son fundamentais as chamadas da xente xa que os redactores pódense decatar dalgunhas cousas pero non de todas. Así, podemos concluír, tomando como exemplo o caso de Lalín, que o poder tecnolóxico da emisora é superior ós recursos humanos que ten xa que poden chegar ata esta comarca mais non teñen o persoal suficiente para cubrila.

Se analizamos cales son as redes sociais, é dicir, as asociacións e axentes cos que se relaciona a cadea COPE Santiago observamos que son os seguintes. No caso das asociacións manteñen contacto Cáritas, Cruz Vermella, UNICEF, Albergue de Xoán XXIII, Fundación Andrea ou Mans Unidas. Trátase de asociación que comparten, ou polo menos respetan, o seu ideario. Os outros axentes cos que se relacionan son as asociacións de veciños, para as que teñen un programa fixo os martes pola mañá, e as persoas que os chaman para contarlles algún suceso ou algún problema da cidade. Tamén lles preguntamos polos estudantes e explicáronnos que non seguen ningunha estratexia senón que os chaman para falar se ocorre algo que lles afecte como no caso da Normativa de Permanencia. Así, podemos concluír que cadea COPE cobre os intereses da comunidade pero daquela parte que máis lle interesa, que máis se relaciona co seu ideario.

Pasamos agora ó nivel discursivo. Aquí imos tratar dous factores: a comunicación e o desenvolvemento desta. A mensaxe que quere comunicar a COPE é, en palabras do director comercial da emisora, “informar en liberdade”. Pero que é para eles informar en liberdade? Pois debemos atender entón á súa liña editorial, conservadora, e ás palabras que o director comercial engadiu despois desta frase. Hai que ter en conta que era o día da folga xeral e, polo tanto, había varios comercios pechados e piquetes que intentaban pechar os que abrían. Para el, informar en liberdade, era dárlle voz a todos aqueles empresarios que querían abrir as súas tendas e tiveron problemas por mor dos piquetes. Así, con este razoamento, puidemos entender que é informar en liberdade para eles. Evidentemente, aquí entra en xogo o seu ideario.

Para comunicar unha mensaxe ten que haber un desenvolvemento previo. Despois de entrevistar a Alberto Varela puidemos comprobar que non existe unha estratexia de comunicación definida senón que todo funciona un pouco “sobre a marcha”. Moitas veces conseguen información grazas ás chamadas da xente e o que fan os redactores é moverse ata o lugar dos acontecementos para verificar esta información.

Con este post poñemos fin á nosa inmersión en cadea COPE e só lles podemos dar as grazas por recibirnos sempre moi ben e atender ás nosas cuestións. Como futuros xornalistas e como persoas foi unha experiencia moi enriquecedora.

Cruz Portela, Díaz Villaverde, Fernández Fernández, Fernández Lema, 2A3

ProT: “Nós xa acabamos, pero o ritmo da COPE segue”

 O noso traballo ProT xa chegou ó seu fin.

 Unha vez rematadas as nosas visitas á Cadena COPE Santiago, esta semana serviu para tirar conclusións sobre o que deu de si este proxecto, e plasmalas na memoria que no día de onte se lle mandou ó profesor Marcelo. Así, repartimos os diferentes apartados que a memoria debía conter entre os catro integrantes do grupo, pois a coordinación e entendemento -tal e como puxemos no noso apartado persoal- foran bos, e, por tanto, estábamos seguros de que a visión duns non ía variar substancialmente respecto da vision doutros. Efectivamente, así foi. En calquera caso, puidemos establecer unhas conclusións xerais do que foi esta experiencia, que nos gustaría compartir con todos vós:

 -Que a responsabilidade social da COPE reside nos seus intereses de competencia coas outras radios e para completar contidos que enchan programación.

 -Os contidos de responsabilidade social son principalmente fáciles de conseguir e baratos, isto é: son os vecinos os que achegan a información que escasas veces contrastan.

 -Non existe iniciativa profesional nin concienciación para buscar novos temas, para implicarse con casos de corte social xa que poucas veces saen da prevista grella informativa. 

-Gustounos realizar o traballo en COPE Santiago porque, ó tratarse dunha emisora de radio, achégase máis ós nosos intereses e ó que pode ser o noso futuro profesional que outro tipo de asociación. 

-A coordinación entre os membros do grupo moi boa, aínda que se cadra pódese mellorar no referido ós prazos de entrega de diferentes materiais. 

Sen máis, darlle as grazas á COPE Santiago e a todos vós por seguirnos durante estes dous meses de intenso traballo. Nós xa acabamos, pero o ritmo da COPE segue!

ritmo de la cope

Fernández Lema, S2B, 2A3

                                   

“ProT: Sacando conclusións”

 Unha vez realizadas as entrevistas, temos nas nosas mans as conclusións que confirman ou refutan as nosas hipóteses iniciais. Agora, é o turno de que nós respostemos ás mesmas preguntas que contestaron os xornalistas despois da convivencia mantida e estes meses de traballo conxunto.

1. Atenden a COPE ós intereses da cidadanía? No ámbito teórico si, Alberto Varela afirmaba que as portas están abertas a todo veciño que queira dar a súa opinión. Con todo, tras estudar os dossiers e ver a súa programación podemos concluír que a nivel práctico os contidos sociais son mínimos.

2.Que diferenza a COPE das outras radios no que atinxe á responsabilidade social? A liña editorial, que coma os propios xornalistas afirmaban, isto levábaos a relacionarse con asociacións afíns á súa ideoloxía

3. Ata que punto marca o xornalista a axenda social? Non existe un protocolo de responsabilidade social concreto que obrigue ós xornalistas a seguir un determinado procedemento,  pero si é verdade que eles teñen interiorizada a liña editorial da emisora e traballan en función desta.

4.Cúbrense en suficiente medida os temas sociais na súa radio? Puidemos observar que por parte dos traballadores non existe unha iniciativa que os mova a cubrir acontecementos de corte social, senón que se limitaban a responder a chamadas de asociacións e veciños.

5.Que axentes sociais son os máis activos e máis colaborativos? Despois deste seguimento, pensamos que os actores que máis presenza teñen na radio son as asociacións de veciños, xa que teñen un espazo fixo na radio os martes ó mediodía e, tras falar con algúns representantes desta asociación, vimos  que están moi satisfeitos coa oportunidade de falar neste tipo de tertulias.

Díaz Villaverde     S2A, 2A3

“ProT: Sen a sociedade non seríamos ningúen”

Esta foi a frase elixida por Alberto Varela, xornalista de COPE Santiago, para pechar a entrevista que mantivemos hoxe mesmo na sede da cadea. El, un dos poucos xornalistas que paseaba os corredores da radio por ser día de folga xeral, concedeunos a entrevista sen problema ningún pese á falta de tempo para preparar o informativo da tarde, unha présa que soubo disimular nas súas respostas.

En primeiro lugar estábamos interesados en averiguar se el, coma xornalista e condutor dun dos espazos da COPE con máis temática social no ámbito local, pensaba se as radios atendían verdadeiramente ós intereses da cidadanía. A súa resposta non só foi positiva senón que tamén nos falou de “relacións de favores”.  Así, explicounos que traballando para a CADEA Cope, é normal que asociacións coma Cáritas, a Cruz Vermella ou mesmo Mans Unidas tivesen bastante protagonismo nas programacións.

Ata que punto marca un xornalista a axenda social?
“O 100%” contestou convencido, “somos nós os que decidimos a primeira hora do día todas as informacións que sairán publicadas, o director pode darnos algunha suxerencia, pero no fondo, tomamos nós a decisión.
Así pasou a media hora de entrevista, entre preguntas ás que vos seguiremos respostando vindeiras semanas e que cada vez nos permiten ir achegándonos máis a coñecer a verdadeira responsabilidade social á que atende esta cadea.

Fernández Fernández, S2B, 2A3

“ProT: Un cuestionario para a COPE”

Tras acudir a semana pasada á tertulia cos veciños na COPE, esta semana puxémonos a traballar outra vez para buscar outras actividades que nos permitan sacar máis información para o traballo que estamos a desenvolver.

Así, o noso próximo obxectivo é pedirlle a esta emisora un dossier no que poidamos ver máis claramente a programación da mesma, de xeito que nos permita sacar conclusións sobre canto tempo lle dedican a eses espazos nos que teñen cabida a participación cidadá.

Ademais, e grazas á axuda do profesor Marcelo, tamén realizamos un cuestionario que imos facerlles, en canto se poida e contando coa autorización do director, ós traballadores máis vencellados coa responsabilidade social desta cadea.

Unha vez realizadas estas tarefas, os resultados e respostas que obteñamos darannos pé a sacar conclusións que, xunto ás que xa temos, axudarán a confirmar ou desmentir a nosa hipótese inicial.

Velaí vai unha foto dunha das nosas visitas á COPE durante a emisión dun dos seus              informativos locais.

Díaz Villaverde         S2A, 2A3

“ProT: A responsabilidade da COPE”

Esta semana puidemos, por fin, perfilar a relación da COPE coa responsabilidade social. Partindo do concepto da mesma (http://www.masr.com.mx/responsabilidad-social-definicion-y-clasificacion/), un empregado da emisora nos explicou as principais tarefas desenvolvidas pola COPE para responder ós intereses da cidadanía e  abrir canles de participación cidadá que así o permitan.

Deste xeito, a tertulia de veciños dos martes, as preguntas á oposición dos mércores e ó alcalde dos xoves parecéronnos os programas máis interesantes relacionados con dita participación, pois supoñen unha forma de comunicación que, lonxe da horizontalidade imperante, aposta pola participación cidadá. É por iso que lle solicitamos á COPE poder asistir á tertulia de veciños que tivo lugar este martes. A verdade é que nos pareceu moi interesante, pois permitiu dar a oportunidade ós representantes dos distintos barrios de Santiago de discutir os seus principais problemas, sen ningún tipo de censura.

Unha vez finalizado o programa, tivemos a oportunidade de falar con eles para saber até que punto as súas reivindicacións teñen cabida nos medios de comunicación. En xeral, estaban moi satisfeitos, se ben precisaron que acudir ós medios para amosalas é o último recurso, que se usa sempre que non teñan éxito as canles convencionais -contactar co concello-.

Fernández Lema, S2B, 2A3

“ProT: A responsabilidade social dos medios”

Despois de dárlle un novo enfoque ó noso traballo ProT a semana pasada fomos hoxe a falar cos membros de Cope Santiago para ver se aceptaban a nosa nova proposta. Queremos tratar o seguinte: a responsabilidade social deste medio de comunicación, é dicir, de que maneira recolle e plasma nos seus contidos os intereses da cidadanía e os problemas actuais da sociedade. Pero ademais, queremos ver tamén como isto inflúe no prestixio da cadea.

Comezaremos o noso traballo na Cope este xoves pola tarde. Falamos cun dos periodistas que nos explicará, para orientarnos nun principio, como funciona a radio a grandes rasgos ademais de deixarnos ver como se fai un informativo. É moi interesante prestarlle atención ós contidos que saen no devandito informativo para ver así en que medida recollen os intereses dos cidadáns, a axenda social.

Así, o noso traballo consistirá en ir tirando conclusións a partir da observación dos contidos que esta emisora de radio emite e dos propios testimonios dos xornalistas.

Cruz Portela, S1C, 2A3