Arquivo do blog

“Tamén hai que comer”

Co primeiro de maio chegan con máis forza ca nunca as reivindicacións dos traballadores e dos empregados, as persoas que a cada día que pasa teñen menos seguridade no seu porvir e no dos seus seres queridos. O benestar e a dignidade do pobo xóganse nunha partida de dados allea a el. ¿Somos escravos ou somos homes e mulleres en posesión dos nosos destinos? ¿E os xornalistas? Recentemente estivemos observando como co paso do tempo os  medios máis exitosos son aqueles que venden noticias, que empregan as súas forzas e o seu tempo en cubrir e informar das banalidades e dos produtos dos seus investidores e colegas no poder. Non hai interese por descubrir, por revelar, por destapar o que xace na outra cara do entorno público e do merchandising. Un xornalista ten que gañarse o seu pan, pero ¿de qué modo?

Fina ironía

O xornalista ideal -especime raro e de escasa notoriedade- debería pensar no seu beneficio en canto que é capaz de salvar ao seu amigo cidadán da ignorancia. O acto da comunicación debe servir a un propósito verdaderamente útil para os interlocutores: o receptor está ao tanto dos feitos que por si mesmo no pode presenciar e o xornalista gaña un público educado e, tamén, algún que outro ducado (3. Nome de numerosas moedas antigas de ouro, varios países). O xornalista ten que manterse cos fondos necesarios para vivir e realizar a súa labor -¿para qué enganarnos?-, mais sempre elaborando información non fraudulenta, sen intencións ocultas… en definitiva, sen venderse a cambio dun trato favorable coas altas esferas, sempre desexosas de comprar xornalistas paraque falen de tódolos chanchullos agás dos seus.

Os xornalistas deben coidarse de non morrer de fame, e coidarse de non traballar para outro xefe que non sexa o cidadán ou o desvalido.

Pereira Vila, Jorge CLX4

A historia da corrupción tamén se escribe con cemento

De Certeau imaxinaba a cidade coma un libro coas súas sinécdoques (o Gaiás) ou os seus asíndetons (un paseo polo casco antigo). No fraseo que rodea a súa historia, a teórica Anna Clua vai artellando os personaxes e entre eles os arquitectos. Dentro das correntes da cidade, que se comunican despois a través dos medios, os arquitectos son os que deseñan o hábitat e escenifican as relacións entre a sociedade e a cultura. En Compostela é doado apreciar esa vontade dos arquitectos de definir a idiosincrasia da comunidade, e de representar o incívico de tirar papeis ao chan ou romper pólas das árbores públicas.

A corruptela ten forma de volutas silenciosas e amoréase nos despachos da Audiencia Provincial. Pero o luns a narración chegou ao desenlace. O arquitecto xefe do Servizo de Obras de Santiago e o aparellador municipal foron condenados por prevaricación. Os feitos remóntase ao 2009 cando un funcionario de Raxoi advertiu que os técnicos non recomendaban a reforma do polideportivo Quiroga Palacios á empresa que acadara na licitación a mellor puntuación, Construcciones Piedra y Sigrás. Desde o goberno local pedíuselles que corrixiran o erro. Porén, en lugar de concederlle a obra a CPS, os técnicos converteron a Montebalsa na primeira empresa aumentándolle a puntuación. A remodelación do centro tiña un orzamento de preto de 350.000 euros e formaba parte do Plan E. Tres anos despois arquitecto e aparellador están condenados á cadea e á inhabilitación para exercer, respectivamente.

Ameixeiras Cundíns, CL4X 

Misterio e corrupción intramuros

Misterio, sospeita, corrupción… A xente en Lugo anda preocupada, e ó mesmo tempo enfadada.

Un grupo de persoas mal chamadas influíntes, veñen de ser detidas por unha trama de corrupción, proxenetismo e tráfico de drogas. Entre os imputados está o famoso empresario local Jorge Dorribo, encargado de liderar tales aventuras polas escuras cavernas da ilegalidade.

Na cidade non se fala doutra cousa, o xornal da provincia El Progreso recibe continuamente cartas de lectores que tratan o tema, nos medios cada día hai novidades sobre o caso que se coñece co nome de “Carioca”, e a guinda ó pastel foi a pobre reportaxe sobre o tema na revista de tirada estatal “Interviú”.

Hai que tratar con moito tino este tipo de acontecementos, a visión da poboación doutras cidades tanto da provincia de Lugo como de fóra está a mudar, e o que é peor, a da cidadanía luguesa tamén o está a facer. De pronto, Lugo pasou a ser unha cidade tranquila de xente humilde e agradecida onde a xente acudía a tomar un bo cocido rodeado por pedras milenarias, a ser a meca da corrupción en Galicia e en parte do estado español. A visión da cidade está a mudar, un cambio ó que están contribuíndo non só unha lista de delicuentes que a cada semana parece engordar, senón tamén os medios locais e estatais que parecen ter na cidade amurallada un marco perfecto para revivir as novas do Chicago dos anos vinte, aínda que obviamente neste caso a mafia de Lugo non leva sombreiro senón boina.

Abuín Mallo, CLX4