Arquivo do blog

O encaixe en clave electrónico

O oficio estaba orfo e desprestixiado cando o recolleron as institucións públicas. Contrataron a un axente de desenvolvemento local, coma quen emprega a un superheroe. Despois viñeron as mantillas á raíña e as escolas-obradoiro. E dunha idea do concello medraron asociacións cidadás coma Rendas (a palabra galego-portuguesa para encaixe). Aquela festa comezou coma un fito periférico, suburbial. Pero co tempo foi catapultado polos medios locais até deter os calendarios da Costa da Morte. A Mostra do Encaixe de Camariñas é parte do catálogo de realidades que se forma no seo dunha comunidade local e que é imprescindible á hora de facer o seu reclamo existencialista. Agora este catálogo ten ambición global. Foi noticia de portada da prensa profesional e cidadá en Internet, que entendeu que para os lectores só existe aquilo do que se fala. Citando a Geertz e ao seu sistema cultural: “as cousas son o que un fai con elas”. Así, os novos medios locais vense obrigados a demandar un novo espazo para a súa realidade, abocada a caderniños nos medios tradicionais.

Alén da adaptación ás TICs dos xornais máis lonxevos, na bisbarra xorden novos espazos de información electrónicos –QPC, camariñas.eu , DC ou A Nosa Costa-. Malia ser unha iniciativa alternativa, moitos convértense nun espello cóncavo dunha das realidades máis perigosas do xornalismo local: a institucionalización. Adoitan ofrecer publicacións íntegras das notas de prensa de partidos políticos ou outras entidades, segundo a afinidade ideolóxica. Porén, destaca que en casos coma o da Mostra hai un intento por facer xornalismo: ir, descubrir, contrastar, contar. E despois a información expándena polas redes sociais, xogando incluso coa actualidade sincrónica a través de Twitter.

Ameixeiras Cundíns, CL4X

O caixón de xastre do xornalista local

O xornalismo local é unha fiestra aberta que vai dar á casa do veciño. Non importa que aconteza detrás das súas paredes: economía, política, cultura, ciencias, deporte. Nárrase todo. O perfil do xornalista local en Galicia debe ter a silueta da bisbarra pola que se move por riba dos temas a tratar. Así, atopámonos con noticias sobre economía e cultura asinadas pola mesma persoa. O xornalista de La Voz de Galicia para a comarca de Fisterra entrevistaba a Tatiana Rodríguez, responsable da empresa Lar, para extraer información sobre un concurso de murais de formigón, aos que os escolares atavían de azulexos a xeito de collage. Meses despois, o tema, centrado novamente en Cee, debullaba as causas da paralización do seu polígono. O terreo está invadido pola fauna mentres o debate sobre o prezo da parcela en litixio –que a xustiza cifra en 8 euros/metro- segue aberto, e cando aínda está por determinar o custo do seu subministro eléctrico polo que Gas Natural demanda 800.000 euros.  

Caso semellante é o do correspondente de El Correo Gallego na Costa da Morte, quen pasa de falar do Plan Revive e das axudas dun 85% en investimento que a Administración pública pon a disposición dos empresarios da Costa da Morte; a escribir de etnoloxía no Castelo de Vimianzo, ou da oda ao congro que se artella en Muxía. No entanto, os trazos do perfil do xornalista local dilúense coa información ata o punto de convertelo nun axente noticioso. Jesús Trillo é unha peza máis da información ao tomar parte na Mostra do Encaixe de Camariñas coma moderador dunha mesa redonda

Ameixeiras Cundíns, CL4X

O “Prestige” no cinema, por Isabel Coixet

Os movementos sociais pretenden reconstruír as sociedades locais e serven para expresar a resistencia fronte a un dominio. Esta é a reflexión de Arif Dirlik en “The Global in the Local” e, en parte, a explicación do nacemento de “Nunca Máis”. A idea que agora quere representar a directora catalá, Isabel Coixet, a través da gran pantalla ten a denominación de orixe de Corcubión, Carnota ou Muxía, pero un sentido de solidariedade cosmopolita.

Agora na Costa da Morte, o uniforme branco dos voluntarios serve de vestimenta aos espantallos, e os mariñeiros emprégano de atavío para as faenas en terra. Desde o litoral erguéronse máis voces que as galegas e dez anos despois Coixet volve a poñer o altofalante nas mans dos voluntarios cun documental. Non será o único acto que prenda de novo os fachos da crítica. A APTC (Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte) homenaxeará aos voluntarios na Mostra do Encaixe, en Camariñas.

A xenerosidade universal non só se manifesta en Galicia, hai dous anos viamos este mesmo exemplo coa catástrofe do British Petroleum. As características dos accidentes foron ben diferenciadas e tamén o contexto socio-político. Mais non a reacción cidadá que atendeu á conciencia medioambiental. A propia Coixet fai unha comparanza entre o Prestige e o desecamento do mar de Aral, en Uzbekistán. E desde os medios locais suspiran por recobrar un tema que aínda está por xulgar. Por iso, as reportaxes sobre a marea negra non suscitaron a dicotomía “aquí/alí”.

Ameixeiras Cundíns, CL4X

Cartos de verdade para praias de mentira

Dise que o mar da Costa da Morte é insubornable. Pero o certo é que no fin da terra case todo é posible. Incluso derrotar ao mar. Corcubión xa lle botou un pulso. 80.000 toneladas de recheo ao litoral e 1,1 millóns de euros de orzamento. Está derrotando ao mar e a preto da metade dos habitantes do municipio, que lle ensinaron os dentes. O socialista Francisco Javier Lema, rexedor e imputado na sonora operación Orquestra, non se sinte cómodo coas críticas e ordenou estes días a retirada dunha pancarta do Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión e dos nacionalistas en contra da construción dunha praia artificial nunha zona C.

Nun pleno de xaneiro de 2012, foi ratificada por segunda vez unha moción (promovida polo BNG e apoiada polo PP) en contra da obra. Porén, a súa realización xa foi aprobada pola Dirección Xeral de Costas e comezada a licitar. Información da que, ao parecer, carecía o propio Lema, pois refutou á oposición escudándose en que non se pode anular un proceso sen licitar. Igualmente, referiuse á praia artificial de Cee onde “nin houbo contaminación, nin se acabou o marisqueo”. Agora, xa se carreta o caolín de Vimianzo ao areal.

A información non deixou de saír nos xornais, locais e autonómicos, desde que se propuxo a creación da praia hai cinco anos. Incluso un informe da Xunta investigou o impacto da obra. É un exemplo de como, ás veces, os movementos sociais locais non conseguen mudar a axenda administrativa, pero si a axenda mediática. 

Ameixeiras Cundíns, CL4X