Arquivo do blog

Multi… Inter… Supra!!!

Na delegación de El Progreso en Vilalba traballan catro persoas, que cubren unha superficie informativa dun total de 2.300 kilómetros cadrados, comprendendo as comarcas da Terra Chá (a máis extensa de Galicia), Meira e o concello coruñés de As Pontes: en resumo, unha cuarta parte da provincia de Lugo. O caso de La Voz de Galicia é aínda máis grave, xa que soamente contan cun único delegado para a mesma superficie (exceptuando a zona coruñesa, obviamente).

En El Progreso-Vilalba hai un xefe de delegación, Ignacio Rodríguez, que se encarga principalmente da relación cos poderes políticos e empresariais e das entrevistas e reportaxes de maior actualidade. Tamén hai tres xornalistas con funcións, en principio, diferenciadas: María Roca, en deportes; Cristina Pérez, que se encarga de cultura, sociedade e é a responsable do suplemento semanal ‘A Chaira’; e Cristina Arias, que se ocupa maioritariamente da zona de As Pontes, aparte de realizar numerosas reportaxes en profundidade e entrevistas de carácter. Ata aí unha breve descrición dos roles de cada xornalista, algo teóricamente sinxelo, pero máis complexo na práctica.

Porque o certo é que, nunha delegación tan grande como a da Terra Chá e con tan pouco persoal, moitas veces non chega para cubrir a información na que un está máis especializado, e non é difícil ver a Cristina Arias cubrindo un evento deportivo ou a María Roca realizando unha entrevista de carácter, especialmente na época estivais ou nos días libres dalgún dos compañeiros. E isto, que sería un pecado, case un delicto para os puristas, é o pan noso de cada día para moitos xornalistas locais, aínda que non sempre é así. Por exemplo, na delegación de A Mariña do mesmo xornal traballan tres veces máis persoas para cubrir unha superficie moito menor, de 1.600 kilómetros cadrados. E, certamente, a calidade das pezas non é moi diferente á da delegación chairega, e incluso moitas veces é inferior.

Esta dedicación múltiple do xornalista local, tal e como acontece en Vilalba, algo que nun principio pode chegar a despistar ó informador e ó informado, acaba finalmente por enriquecer e transformar ó mesmo, e, do mesmo xeito, a mellorar as informacións. Iso do que falan nas clases de Comunicación, da multidisciplinariedade e da interdisciplinariedade, pasa aquí a un nivel superior, o da ‘supradisciplinariedade’, é dicir, o estar por riba de tódalas informacións, algo que só se pode conseguir nun xornalismo tan complexo como é o local. Nas redaccións das grandes cidades hai unhas seccións moi diferenciadas que un non pode atravesar tal e como lle pete en cada momento. Nas pequenas redaccións locais xa non é que non se poidan atravesar, senón que moitas veces haino que facer por pura obrigación e necesidade. E ó final acaba sendo algo bo, xa vos daredes conta. Pero ollo, sempre e cando se fale de local!!!

Agora é a vosa quenda de comentar: podedes apoiarme ou podedes poñerme a parir. Fagades o que fagades, agardo as vosas palabras con ardor…

Baruk Domínguez Grandío CLX4