Arquivo do blog

Todo o bo remata…

Despois de máis de dous meses de investigación é preciso sentar as conclusións do noso traballo TS sobre a desgaleguización na familia:

-A desgaleguización interxeracional, que consiste en non transmitir o galego dunhas xeracións ás seguintes, fíxolle moito dano ó galego ó longo de todo o século XX.

-A desgaleguización intraxeracional, que consiste no cambio lingüístico ó longo da vida das persoas motivado por un cambio social e de residencia, estivo potenciada pola emigración e o éxodo rural. Despois de rematar este traballo podemos dicir que a migración á cidade e ós países castelanfalantes foi o proceso desgaleguizador máis importante superior incluso á escola e á Igrexa.

-A Igrexa xogou un papel importante na desgaleguización pero sobre todo a partir da xerarquía eclesiástica que era castelanfalante. Nos pobos non podemos saber con seguridade en que idioma se relacionaban os curas cos veciños pero si debemos ter en conta que o clero rural acostumaba ser de orixe galega e con baixo nivel de instrución.

-A escola tamén tivo un papel decisivo na desgaleguización xa que durante o franquismo non se podía estudar nin falar o galego nas aulas mais, con todo, a lingua do patio, a que falaban os rapaces, era o galego. Na actualidade isto mudou. Agora estudamos o galego na escola mais, en moitos lugares, a lingua do patio é o castelán e esta é a que máis inflúe sobre os rapaces.

-Na actualidade séguese a xulgar á xente pola lingua que fala pero tamén pola variedade lingüística e o acento: os estereotipos forman parte da economía cognitiva.

-O galego precisa dunha reacción social enérxica e as escolas deben potenciar máis o uso do galego oral.

Cruz Portela, S1C

“Cambiar de lingua non é coma cambiar de roupa”

Para conseguir máis información sobre a desgaleguización durante a ditadura franquista fomos falar con Xosé Henrique Monteagudo Romero, doutor en filoloxía galego-portuguesa e profesor de sociolingüística na Universidade de Santiago de Compostela. Antes de nada é preciso entender o contexto da ditadura franquista e o poder que tiña sobre a sociedade. O franquismo foi un réxime movilizador cunha ideoloxía moi forte e unha propaganda brutal. Amais, tratábase dunha ideoloxía españolista e antigalega que se inculcaba na escola, na Igrexa e nos medios de comunicación. A administración estaba controlada polo réxime franquista e se querías ascender socialmente tiñas que falar castelán. Pero o que máis influíu na castelanización foron os medios de comunicación. Coa TV, o franquismo métese nas casas e consigue o que non conseguira a Igrexa: ferir cruelmente ó galego ó impedir que se convertira en lingua de progreso.

Para comezar a estudar a desgaleguización en xeral hai que diferenciar entre dous conceptos: a desgaleguización interxeracional e a intraxeracional. A primeira consiste en deixar de transmitir unha lingua dunha xeración a outra, no século XX isto foi o que máis feriu ó galego. A desgaleguización intraxeracional dáse ó longo da vida das persoas, estas deixan de falar o galego debido a un cambio social moitas veces asociado a un cambio físico. Un exemplo é a migración ás cidades ou a Latinoamérica. Por outra banda, preguntámoslle ó profesor Monteagudo se se podía establecer o binomio campo-cidade á hora de estudar a desgaleguización e el respostounos que si: as cidades son focos de desgaleguización e antes foron focos de castelanización pola xente que viña de fóra. Son as clases altas e o clero os primeiros en asimilar o castelán. Ademais, as cidades tiveron no S.XIX un importante papel no proceso modernizador social e político grazas ó triunfo do liberalismo que viña asociado cun forte patriotismo español. Isto deu lugar a unha resposta galeguista que surxiu nas áreas urbanas e que non chegou a calar nas áreas rurais.

Para Monteagudo unha das feridas máis grandes que se lle fixo ó galego foi o éxodo rural e a emigración. A xente dinámica e en idade reprodutiva marchaba do pobo á cidade quedando no rural a xente máis vella. No caso da emigración ó extranxeiro foi nos países de América Latina onde se produciu unha maior castelanización, na emigración a Europa foi menor. Así, producíase unha desgaleguización intraxeracional: a xente deixaba de falar galego debido ó cambio social e físico. Estas persoas tampouco lle falaban ós seus fillos en galego e foi aquí onde se produciu un corte xeracional que feriu gravemente ó idioma.

Tamén queremos saber se o cambio de lingua responde a unha cuestión práctica ou de vergonza cara a lingua. Monteagudo recoñece que hai un certo autoodio pero confésanos que iso non lle serve para explicar a desgaleguización. A lingua é unha rutina moi interiorizada e forma parte da nosa rutina diaria e da nosa identidade persoal: cambiar de lingua non é coma cambiar de roupa. Así, para cambiar de idioma ten que haber unha motivación, ocasións para facelo e competencia lingüística. Así, diferenciamos dous tipos de motivación: a instrumental e a integradora. Na primeira fálase unha lingua porque é necesario, por exemplo, “necesito saber falar inglés para traballar nesta empresa”. Neste caso non hai variacións na identidade da persoa. A motivación integradora consiste en cambiar de lingua para integrarse nun grupo e aquí si hai modificacións na identidade da persoa.

 Por outra banda, interésanos saber porque  moitas veces relacionamos unhas persoas cunha lingua e outras con outra. Monteagudo explícanos que a lingua é unha conduta de rutina, de hábito: intentas rutinizar para non ter que estar elixindo en todo momento que lingua falar. A esencia da rutina é a economía do esforzo, hai xente que ten excelentes virtudes para o galego pero non o fala porque ten que romper unha rutina e cústalle moito.

 Tamén lle preguntamos se se segue a asociar o galego co campo e a incultura. Monteagudo explícanos que é algo máis sofisticado: non xulgamos só pola lingua senón por esta en relación con outras cousas. Miramos que tipo de galego fala a persoa para relacionala cun grupo social. Así, analizamos tamén a variedade lingüística que fala e o seu acento. Os estereotipos forman parte da economía cognitiva e cando algo non cadra con eles chámanos moito a atención.

Para rematar a entrevista preguntámoslle pola situación actual do galego e o futuro que lle ve. Dinos que é un futuro difícil: o incremento do bilingüismo pode ser bo para o galego pero en boa medida aínda temos unha pauta de bilingüismo substitutivo, é dicir, o bilingüismo como paso de tránsito da desgaleguización á castelanización. Tamén existe o paso do castelán ó galego pero é cada vez menor: dáse máis por unha motivación instrumental que integradora. Dende o punto de vista de Monteagudo ten que haber unha reacción social enérxica.

 Xosé Henrique Monteagudo Romero:

 http://webspersoais.usc.es/persoais/henrique.monteagudo/Curriculum.html

 Cruz Portela, S1C, 2A3