Arquivo do blog

Economía ou sexismo?

“O home ten 5 litros de sangue no seu corpo”. E as mulleres que teñen? Máis? Menos? Hai quen dirá que a palabra “home” refírese a ambos sexos pero por economía lingüística non se di “os homes e as mulleres”. Para min, este é un claro caso de linguaxe sexista…

Ti imaxina que vas conducindo. De súpeto atopas un accidente de tráfico. Hai dous mortos: unha muller e un neno. Tamén hai tres feridos: un home e dúas nenas. Evidentemente, terás que chamar unha ambulancia. Como describirías esta situación á persoa que colla o teléfono? Se o explicas como o acabo de facer eu, que Deus os colla confesados porque seguro que non sobrevive ninguén. Entón, dicir dous mortos e tres feridos si que se podería chamar “economía lingüística” porque, neste caso, non aporta nada dicir o home, a muller, o neno e as nenas.

Sen embargo, dicir as limpadoras, os cidadáns, os políticos, os alumnos e un longo etcétera de palabras non é “economía lingüística”. Iso é empregar linguaxe sexista, son palabras que implican algún prexuízo cultural de xénero. Para evitalo existen substantivos xenéricos como o persoal de limpeza, a cidadanía, a clase política ou o alumnado.

A linguaxe non sexista evita expresións desacordes coa igualdade sexual pero, sobre todo, evita ambigüidades na comunicación. Iso da economía lingüística é unha moda, estaremos en crise pero (por sorte ou por desgraza) aínda non nos recortaron as palabras.

Pérez Capelo, S2E, 3B2

Circus Maximus

Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.

A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.

Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.

Pereira Vila, Jorge CLX4

O caixón de xastre do xornalista local

O xornalismo local é unha fiestra aberta que vai dar á casa do veciño. Non importa que aconteza detrás das súas paredes: economía, política, cultura, ciencias, deporte. Nárrase todo. O perfil do xornalista local en Galicia debe ter a silueta da bisbarra pola que se move por riba dos temas a tratar. Así, atopámonos con noticias sobre economía e cultura asinadas pola mesma persoa. O xornalista de La Voz de Galicia para a comarca de Fisterra entrevistaba a Tatiana Rodríguez, responsable da empresa Lar, para extraer información sobre un concurso de murais de formigón, aos que os escolares atavían de azulexos a xeito de collage. Meses despois, o tema, centrado novamente en Cee, debullaba as causas da paralización do seu polígono. O terreo está invadido pola fauna mentres o debate sobre o prezo da parcela en litixio –que a xustiza cifra en 8 euros/metro- segue aberto, e cando aínda está por determinar o custo do seu subministro eléctrico polo que Gas Natural demanda 800.000 euros.  

Caso semellante é o do correspondente de El Correo Gallego na Costa da Morte, quen pasa de falar do Plan Revive e das axudas dun 85% en investimento que a Administración pública pon a disposición dos empresarios da Costa da Morte; a escribir de etnoloxía no Castelo de Vimianzo, ou da oda ao congro que se artella en Muxía. No entanto, os trazos do perfil do xornalista local dilúense coa información ata o punto de convertelo nun axente noticioso. Jesús Trillo é unha peza máis da información ao tomar parte na Mostra do Encaixe de Camariñas coma moderador dunha mesa redonda

Ameixeiras Cundíns, CL4X

Un Porto para toda Europa

O presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, teme o peor: o Porto ten moi poucas posibilidades de converterse no porto nodal da Unión Europea, a pesar de estar á cabeza nos servizos de transporte pesqueiro e automobilístico. Sen embargo o deputado popular ten esperanzas nas influenzas da ministra de Fomento Ana  Pastor para que a o Consello e o Parlamento Europeos decidan financiar os proxectos reservados para o período 2014-2020. A ministra defendía este pasado xoves ante o Comisario de Transportes en Bruxelas, Siim Kallas, que “o Porto de Vigo é o maior porto pesqueiro de toda Europa”. Ao mesmo tempo, López-Chaves botaba as culpas ao exministro socialista José Blanco, que non incluira a terminal da cidade olívica na súa lista de portos nodais españois abertos a Europa. Esta xestión do Partido Socialista provocaría, segundo a Autoridade Portuaria, que Vigo non podería optar a “parte dos 31.700 millóns de euros de fondos comunitarios para mellorar as súas conexións antes de 2030”. O alcalde socialista Abel Caballero, obviando as criticas, destacou a labor dos estudos promocionais do concello á hora de convencer aos eurodiputados da competencia mercantil e das posibilidades de emprego do Porto.

Vista aérea do Porto de Vigo

Se ben é certo que o concello de Vigo pode sentirse orgulloso pola cantidade de mercadorías que pasan polo noso Porto, non é de todo certo que esta institución logre manter postos de traballo ou unha actividade rebosante: o sector naval está a pasar polos seus peores momentos, pois prácticamente xa non se constrúen barcos, coma no asteleiro de Barreras cunha débeda que oscila entre o 40 e os 60 millóns de euros e cos empresarios botando man dun Expediente de Regulación de Emprego. A este respecto cabe sinalar a mesa redonda celebrada polo Foro Galicia Marítima, no que varios empresarios do sector naval discutiron sobre o necesario cambio e renovación da actividades para facer que os armadores e asteleiros sobrevivan ante a fortísima competencia exterior.

Ante este panorma alarmante, un só pode preguntarse cara qué dirección irán os negocios portuarios e cómo afectarán estes á economía e, ante todo, ao emprego da cidade.

Pereira Vila, Jorge CLX4