Arquivo do blog
A abordaxe final
Xa son case dous meses traballando coa asociación Marusía de emigrantes retornados e o tempo faise notar. Mentres que nun principio nos era difícil establecer conversacións persoais con eles, por mor da falta de confianza, agora xa somos coma cinco membros máis da asociación. Alá onde están eles, estamos nós, e comeza a crearse un forte vínculo. Do reparo inicial a ser entrevistados por nós, uns descoñecidos, a botar unhas bailas connosco hai bastante diferencia.
Mais, como ben sabedes, a esta colaboración pouco lle queda. Este é o noso derradeiro post neste blog, no cal xa fomos dando conta, de xeito individual e grupal, das actividades que realizamos en conxunto con Marusía. Xuntanzas, reunións, comidas, manifestacións… Volver a incidir en todo isto sería percorrer de novo o camiño xa andado e contado en anteriores entradas.
O realmente importante, o verdadeiramente novidoso, son as historias que fomos descubrindo día tras día. Aínda que existan elementos comúns entre elas (a miseria como causa da emigración ou a familia incitando a volver, entre outras), cada persoa que nos narra as súas experiencias ábrenos as portas dun mundo novo. Trasládannos a distintos lugares coma Basilea, Zúrich, París, Múnich ou Xenebra, e, dentro de cada un destes escenarios, amósannos o contraste entre as distintas experiencias vividas.
Houbo xente que nos dixo que endexamais conseguira sentirse cómoda en sociedades tan diferentes da de Galicia e outra que ficou encantada no estranxeiro e que di arrepentirse de ter teimado en volver. Mesmo se poden observar diferencias entre a visión que nos ofreceron homes e mulleres.
Esta distinción fíxosenos máis ca patente esta semana, despois de reunirnos con cinco mulleres pertencentes á asociación. Os homes emigraban a traballar en empregos na construción ou na hostelería, mentres que o perfil feminino estaba máis orientado cara as tarefas de limpeza ou de coidado de anciáns. Advertimos tamén unha constante en todas elas: a importancia capital do coidado dos fillos. Todas intentaran, por canto método fose posible, que se criaran aquí, aínda que iso supuxese ter que deixalos ao cargo dos avós con seus pais a miles de quilómetros de distancia. Non eran minoría tampouco as que decidiran regresar, deixando os seus postos de traballo, para ter os seus fillos aquí.
Como vedes, xa estamos comezando a extraer conclusións da nosa colaboración, mais o que temos claro é que resulta complicado facer aseveracións xerais sobre un grupo tan heteroxéneo como é o dos emigrantes. Quedan aínda un par de semanas nas que seguiremos a traballar con Marusía para terminar de perfilar o noso proxecto. O que parece seguro é que a despedida vaise facer un tanto triste despois de termos compartido tantas horas con eles. Despedímonos. Adeus.
PS: Aportamos como documentos anexos a este post un par de documentos: unha tese doutoral sobre o retorno de emigrantes a Galicia entre 1970 e 1995 e un artículo sobre a vida das mulleres galegas emigradas.
143 C00
De negros e de homes
Atención! Refúxiense todos na súa casa e non saian! Hordas de subsaharianos famentos veñen a saquear a nosa grande e libre nación (deixémolo mellor en país), a ocupar os nosos postos de traballo e a roubarnos as nosas mulleres. Iso é o que parecen vendernos portadas como a publicada hai uns poucos días polo diario El País. U-lo diario de esquerdas e progresista que levaba o mesmo nome? Iker Jiménez saberá.
Posto que o noso proxecto tratará sobre os emigrantes retornados, coido que analizar o que está pasando en Ceuta e Melilla é pertinente para o contido deste post. Analizar o xeito en que se está a crear unha alarma social innecesaria para facer de menos ao escándalo do ocorrido recentemente. Mentres hai persoas afogando e sendo disparadas polas autoridades españolas cando tratan de manterse a frote, os nosos medios de comunicación deciden que o importante é que hai moitos africanos que queren vir a Europa. Cousa estrana. Por que quererán fuxir da miseria na procura dun futuro próspero? Como é esta xente de cor…
Non quero soltar parrafadas moralistas, pero se algo teño claro despois de traballar con persoas emigradas é que ninguén o fai por pracer. Por iso, as actuacións de autoridades e medios de comunicacións estes días me repugna por inhumana. Xustifícanse mortes coma se a vida dun inmigrante valese menos cá de calquera dun de nós. Como xornalistas en potencia, cómpre ter claro que o soño dunha prensa veraz e crítica se esvaece cada día máis. Abondan as mostras.
Como o espazo deste post é limitado, déixovos dúas ligazóns por se queredes ler máis sobre o tema: en primeiro lugar, un texto extraído do blog dun periodista, José Luis Sastre, que é quizais o máis realista e duro que lin sobre o tema. En segundo lugar, algo máis distendido. Unha forma graciosa de quitarlle ferro á portada noxenta que abre este post. Un artículo humorístico de PlayGround Magazine sobre a reacción suscitada en Twitter por dita portada.
Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01
THE VISITOR: “Dios los junta” mais algún deles disxúntaos
Unha primeira mirada pódenos mostrar unha película bonita e triste á vez, mais pensando un pouco trátase de moito máis: un escenario no que se narra perfectamente a dificultade dos emigrados chegados a certas partes do mundo e as súas dificultades para comunicarse nestas novas sociedades –e non tan só por culpa deles-. Isto é a película The Visitor (Thomas McCarthy, 2007).
A sociedade occidental hoxe en día tende a desconfiar, cando menos de primeira man, das posíbeis relacións con xentes inmigrantes no seu territorio. Isto é todo o contrario do que acontece con Walter Vale. Este profesor universitario amósase sorprendido cando atopa a unha parella de inmigrantes no seu piso de New York mais, en troques de botalos, tenta comprender os seus problemas e axudarlles. Así é como chega a observar o xeito de vida de Tarek e Zainab, as dificultades que superan con certa alegría e tamén as dificultades impostas pola sociedade que son incapaces de superar. Cando Tarek é metido na cárcere por un acto polo que calquera cidadán americano non recibiría máis que un aviso, dámonos conta da “fobia” que determinadas sociedades e inclusive institucións estatais lle teñen a este grupo de persoas. A comunicación con eles é diferente xa non só no xeito de comunicarlles as cousas, senón na forma de miralos, de aproximarse a eles, de crerse superiores a eles. Estes pequenos detalles son os que, dende a miña opinión, acaban configurando unha sociedade xenófoba e pouco acolledora con este tipo de relación mundiais. Destaco tres puntos que me pareceron moi descriptivos destas actitudes na película:
- Negocio inmigrante: unha muller achégase ao posto de venda de Zainab e tenta regatearlle e preguntarlle cousas absurdas, como créndose superior pola súa condición de cidadá americana, de blanca ou de maior nivel social.
- Estatua da “liberdade (?)”: o profesor vai visitar a Tarek á cárcere en un ambiente de total limitación das liberdades do preso (pouco tempo de visitas, non poder pasarlles cousas, etc) aparece pintada sobre o fondo dunha das paredes da estancia a Estatua da Liberdade sobre o fondo da bandeira estadounidense.
- Bandeira EEUU: tras estar un tempo na cárcere, Tarek é deportado a Siria –o seu país de orixe-. Cando está no aeroporto a piques de coller o avión, pasa por debaixo dunha bandeira americana. Podemos observar aquí de novo a relación de contraste entre un país que supostamente ofrece moitas liberdades e as poucas das que goza este home que é expulsado do mesmo.
Neste contexto o profesor Walder Vale supón un contrapunto á sociedade, unha esperanza de que aínda queda xente comprensiva cos problemas deste tipo de xente. Se o recibimento é bo, será tamén mellor a actitude dos recibidos. Hai quen insulta e aldraxa aos inmigrantes, botándolles xa a priori as culpas de facer o mal, mais non dan conta que quizabes son eles os que están incitando a tales comportamentos. En Francia queren botar aos ciganos, en Italia hai quen non soporta a unha ministra africana e no estado español aínda o outro día trataban de xeito cando menos discutible a entrada de inmigrantes por Ceuta.
Necesitamos máis profesores Vale. Que toquen os bongos.
GÓMEZ SAL, LUCAS. BCP 203
O galego que se fala fora de Galicia
O galego ademais das utilidades para a comunicación en Galicia ten moitas utilidades que non nos damos de conta. O pasada fin de semana fun ata Portugal e dinme conta de que o saber galego e unha gran axuda nestes casos. A diferencia doutros españois que víamos que lles era complicado comunicarse con eles, ou xa simplemente non o facían, nos entendiamonos case á perfección.
O caso deste pasado fin de semana, soamente foi un pequeño exemplo dunha situación que podemos vivir noutras ocasións, ou chegar até o punto de depender deste idioma. Tal e como están as cousas neste país moitos de nós estamos obrigados a buscarnos un futuro fora cando aquí non somos quen de atopalo. Ainda que a maioria de saídas son cara a europa, tamén hai que ter en conta outros países que están en forte crecemento. Ainda que emigrando cara a Portugal a situación sería semellante ca en España, en moitos outros lugares falase tamñen portugués, por exemplo en Brasil, un país que está en forte auxe.
O caso é que non nos damos conta do que nos pode valer esta lingua, e do fácil que o temos. Actualmente o galego e falado por pouca xente, e entre os universitarios, que son os que principalmente saen a fora buscar un traballo, ainda é menos. Non é unha cuestión de saber falar galego normativo nin un galego perfecto, ainda que mellor sería, pero simplemente con sabelo falar é unha porta máis que se nos abre, ou que nos é máis doado de abrir. Por esto debemos aproveitar esta baza que temos e que moitas outras persoas non teñen.
Salgado Fernándes, Gutier S3A
Todo o bo remata…
Despois de máis de dous meses de investigación é preciso sentar as conclusións do noso traballo TS sobre a desgaleguización na familia:
-A desgaleguización interxeracional, que consiste en non transmitir o galego dunhas xeracións ás seguintes, fíxolle moito dano ó galego ó longo de todo o século XX.
-A desgaleguización intraxeracional, que consiste no cambio lingüístico ó longo da vida das persoas motivado por un cambio social e de residencia, estivo potenciada pola emigración e o éxodo rural. Despois de rematar este traballo podemos dicir que a migración á cidade e ós países castelanfalantes foi o proceso desgaleguizador máis importante superior incluso á escola e á Igrexa.
-A Igrexa xogou un papel importante na desgaleguización pero sobre todo a partir da xerarquía eclesiástica que era castelanfalante. Nos pobos non podemos saber con seguridade en que idioma se relacionaban os curas cos veciños pero si debemos ter en conta que o clero rural acostumaba ser de orixe galega e con baixo nivel de instrución.
-A escola tamén tivo un papel decisivo na desgaleguización xa que durante o franquismo non se podía estudar nin falar o galego nas aulas mais, con todo, a lingua do patio, a que falaban os rapaces, era o galego. Na actualidade isto mudou. Agora estudamos o galego na escola mais, en moitos lugares, a lingua do patio é o castelán e esta é a que máis inflúe sobre os rapaces.
-Na actualidade séguese a xulgar á xente pola lingua que fala pero tamén pola variedade lingüística e o acento: os estereotipos forman parte da economía cognitiva.
-O galego precisa dunha reacción social enérxica e as escolas deben potenciar máis o uso do galego oral.
Cruz Portela, S1C