Arquivo do blog
Ctrl+C Ctrl+V
A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.
Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?
Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.
Pereira Vila, Jorge CLX4
Turismo colonial
Se tiveramos que escoller un sector económico para facer un país o máis dependente posíbel das conxunturas económicas alleas e das fluctuacións dos mercados internacionais este sector sería o turismo.
Os países terceiromundistas caracterizáronse (e caracterízanse) por ter un forte peso do turismo na súa estrutura económica, tanto en termos de PIB como de emprego, en detrimento doutros sectores que xerarían maior valor engadido e que están nos países do norte do sistema. O paradigma terceiromundista repítese en gran medida no noso país e, nomeadamente, na nosa cidade, Santiago de Compostela. Se o mercado interno flaquea, que é o que garante seguridade e autonomía ás pequenas empresas, estas se verán obrigadas a volcarse cara o exterior, pasando a depender da marcha de economías estranxeiras sobre as cales nós non podemos incidir (case non podemos incidir nen na nosa propia economía, pois a única política económica que aplican os nosos gobernantes do binomio PPSOE é a da lei da selva,deixando o noso destino en mans de Amancio Botín).
Neste exemplo de economía glocal, é doadamente observábel como unhas decisións tomadas a milleiros de quilómetros da nosa terra poden afectar á nosa comunidade máis próxima: postos de traballo estacionarios e precarios, xornadas de traballo abusivas, presión á alza dos prezos (os salarios medios dos países emisores de turistas parécense aos de aquí tanto como Bush e Ghandi), etc. Cómpre reflexionar sobre que modelo económico nos interesa máis como traballadores pero tamén como país que está nun mundo cunhas relacións cada vez máis complexas e desiguais.
Raúl Ríos, clx4