Arquivo do blog

American Way of Live

Penso que non hai mellor película para desmitificar a lexendaria industria creada ó redor do estilo de vida americano. Unha tradicional forma de vida que senta as súas bases en vivir das apariencias, do éxito económico. Un modelo que América vendeu a Occidente e que estes, á súa vez, non tardaron en asumir e venerar ata a última expresión.

Un cativador home da casa, cun bo traballo encargado de traer os cartos ó fogar. Unha compracente e atractiva muller que deixa de lado todo afán de realización persoal por cumprir co seu labor: coidar dos fillos. E a descendencia, que se debe encargar de conseguir bos resultados académicos e ser popular a partes iguais.

Estados Unidos convértese no epicentro das frustracións individuais, do consumismo, da hipocrisía e da represión sexual, e atopan neste film do británico Sam Mendes, a mellor forma de expresión. Unha traxicomedia, dende o meu punto de vista, que reflicte á perfección o labirinto interior no que o estilo de vida norteamericano, convertido no seu gran antagonista, atrapa a cada un dos personaxes facendo que as súas procuras de escapar do emblema que os viu nacer,  os acabe conducindo a un final máis dramático se cabe. Recoméndovos que a vexades e opinedes.

Fernández Fernández, S2B, 2A3