Arquivo do blog

Compostela acolle a primeira edición do festival “Terra da Fraternidade”

O 10 de maio ás 21:00hs o Auditorio de Galicia acollerá a artistas galegos, portugueses e brasileiros para homenaxear a Zeca Afonso e á súa “Grándola Vila Morena. O espectáculo “Terra da Fraternidade” é unha iniciativa que vén da man de varios artistas galegos como: Xoán Quintáns de Caramuxo, os cantantes Uxia Senlle e Xurxo Souto, o pallaso Fran Rei ou o deseñador de moda Gonzalo Vázquez.

Terra da Fraternidade é unha gala colaborativa, multidisciplinar e chea de cariño cara o cantautor portugués que tivo a Galicia coma a súa segunda patria.

O cartel do festival está composto por máis de 30 actuacións e 100 artistas que colaboran de balde nesta homenaxe. Quico Cadaval, Guadi Galego, Xabier Díaz, Guille Fernández, os 7 Magníficos máis 1 e Chévere son só algúns dos artistas que participarán neste especial homenaxe.

O proxecto que acaba de nacer quere ser máis ambicioso, os organizadores pretenden que a semana do 7 ó 13 de Maio sexa unha semana chea de actos “revolucionarios” e para iso contan coas iniciativas de organizacións ou de persoas anónimas que queiran colaborar. Polo de agora xa comezaron a elaborar unha revista co mesmo nome do festival, que se porá á venta por 1 euro na entrada do festival e tamén na internet, polo mesmo prezo.

As entradas para o festival están xa á venta en http://www.servinova.es


Rodríguez Martínez, Raquel   CL4X