Arquivo do blog

O estraño caso do queixo ‘indie’

Esta fin de semana celébrase en Vilalba o primeiro gran festival do ano, o FIV (Festival Independente de Vilalba), que nesta edición achegará á capital chairega as propostas de grupos ‘indies’ tan relevantes no panorama estatal como poden ser Sidonie, Corizonas ou Delafé entre moitos outros. Dous días, venres e sábado, 30 e 31 de marzo, no que xa está confirmada unha asistencia masiva de máis de 5.000 persoas.

Curiosamente, xusto unha semana máis tarde ten lugar no mesmo sitio (e ademais, concretamente, xa que ambos eventos se celebran na céntrica Praza da Constitución vilalbesa) pero, obviamente, nun horario distinto, a XXVIII Festa do Queixo, unha cita ineludible para tódolos amantes da gastronomía galega, exemplificados no sabor auténtico e afumado do inconfundible San Simón da Costa. Outros dous días, desta vez 7 e 8 de abril, que tamén están sinalados na axenda de numerosos visitantes. Pero, serán os mesmos que os do evento anterior?

Nunha primeira ollada, o primeiro impulso será dicir que non, que é imposible que os máis ‘modernos’ poidan ter algo en común cos máis ‘tradicionais’ e, certamente, adoita suceder así. O que pasa é que, neste caso en particular, hai un curioso enlace que fai que ambas festas se fusionen: un concurso de tapas que, curiosamente (que curioso todo, non?), se celebra durante esta fin de semana e que, tamén curiosamente (pero que curioso todo!), entrega os seus premios, tanto a establecementos como a consumidores, durante a inauguración da cita gastronómica.

Deste xeito tan ‘inocente’, ambas festividades conflúen nun mesmo tempo e nun mesmo lugar, e resultará máis que probable ver a algún ‘moderno’ consumindo algunha tapiña en calquera local da vila (máis dunha caerá, iso seguro…) ou a algún curioso espécime ‘tradicional’ achegarse ata a carpa fucsia do FIV, ó principio quizáis por curiosidade, quizáis ó final por atracción. Quen sabe… O que si é certo é que, en ámbolos dous casos e mediante a fusión ‘tapística’, o que sen dúbida obterá o maior beneficio será o propio municipio vilalbés, unha capital chairega que, polo menos durante dúas fins de semana, se convertirá, como mínimo, na capital festiva de Galicia. Esaxerado? Agardo os vosos comentarios con impaciencia…

Baruk Domínguez Grandío CLX4