Arquivo do blog
Informe do círculo de lectura – información política
Conclusións tiradas do círculo crítico de lectura de información política
Data: mércores 6 de maio ás 16.30 horas.
Duración: 1h 45 min.
Lugar: Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (aula 4)
Rematado o primeiro círculo de lectura celebrado, as conclusións que del se poden tirar son as seguintes:
Paulo Carlos López: Cre que a obxectividade debería estar presente en varios aspectos á hora de analizar as noticias dos xornais. En primeiro lugar, considera que tanto La Voz de Galicia coma El Correo Gallego son xornais conservadores, ambos favorecedores do goberno de turno, xa sexa o municipal ou o da Xunta. Para Paulo, os titulares marcan moito o sentido da información da noticia e son claros referenciadores da ideoloxía ou tendencia do medio en referencia. Amais, o representante de Compromiso por Galicia introducíu un termo totalmente novo para nós: os módulos e a súa distribución no xornal. Os módulos son os cadros imaxinarios nos que se dividen cada unha das páxinas dos xornais. Xornais como La Voz ou El Correo dispoñen de 50 módulos por páxina. Paulo dicíanos que, neste senso, pódese saber perfectamente a ideoloxía dun medio. Xornais coma os dous anteriores dispoñen do seguinte reparto: 40 módulos para PP, 30 para PSOE, 15 para mareas, 10 para o BNG e 5 para Compromiso por Galicia. Isto é un claro reflexo de cómo a información política está manipulada desde detrás da cortina de fume e sen que os lectores poidan darse conta tan doadamente. O político de CxG tamén nos falou do framing ou marco de referencia mediante o cal se fai unha interpretación da realidade orientada hacia o control do pensamento da cidadanía. A teoría do framing serve para estudar que percepción ten o público dos feitos sociais e sostén que esta percepción está condicionada polo proceso de reconstrución subxectiva da realidade que levan a termo os medios de comunicación. Dita teoría defende que os medios non só establecen a axenda de temas do debate público, senón que tamén definen unha serie de pautas (marcos) cos que pretenden favorecer a unha determinada interpretación dos feitos sobre os que informan. Ademais do anterior, Paulo Carlos salientou, ligado ao tema anterior, a diferenciación entre a axenda mediática, política e pública, entre as cales existe unha loita encarnizada por cobrar protagonismo cando se achega o período de eleccións. Para finalizar a súa aportación ao círculo en referencia ao tratamento da información política nos medios, Paulo aportou algúns indicadores máis aos que traballamos: a presenza de información relevante para o xornal nas páxinas pares, a presenza de fotografías nas noticias que ao xornal lle interesa que sexan lidas ou a monofonía de fontes á hora de redactar unha noticia.
Serxio María Rodríguez: Cre que a obxectividade non debería traducirse en imparcialidade, senón en relatar a verdade como cada un a cre. Considera que o pluralismo político vese enriquecido grazas á existencia de xornais de esquerda, dereita ou a ideoloxía ou tendencia escollida que sexa, xa que ao lector lle gusta saber o que se vai atopar cando le unha información dun medio determinado. Ademais, defende o anterior alegando que os medios de comunicación son empresas, polo que están no seu dereito de facer un tratamento da información dun xeito ou outro. Por outra banda, salienta, da lectura previa realizada nos xornais a estudo (La Voz de Galicia e El Correo Gallego), as causas das diferenzas de información que amosan as sondaxes: que estas son levadas a cabo por empresas que venden a súa información a medios de comunicación despois de falar con partidos políticos para que estes lles compren, á súa vez, información. Isto explica que nun medio apareza o PP con 7 escaños para Santiago de Compostela e noutro tan só teña 5 e se vexa superado pola inmediata oposición. Por último, Serxio María aporta unha idea de moito valor neste círculo: a desaparición dos medios públicos. Así é. Serxio considera que estes non deberían existir, xa que se dedican a servir ao poder vixente a fan uso da desinformación.
Aitor Bouza Manso: O representante socialista ve claramente partidismo nos medios de comunicación a estudo (máis suave en El Correo Gallego) e, á súa vez, enténdeo, mais non o comparte. Enténdeo porque os medios de comunicación reciben subvencións dos partidos políticos das que viven ao longo do ano e sen as cales morrerían, polo que este pagamento debe estar xustificado e o fan favorecendo ao goberno de turno. En canto á análise de novas, considera que os titulares son os delatores da tendencia dun xornal de xeito moi marcado, así como a linguaxe empregada e asociada aos distintos partidos políticos dos que se fala na noticia. Aitor ve unha clara falta de compromiso por parte dos medios de comunicación, que “deberían ser o cuarto poder desta sociedade”. Inclúe unha nova rama a análise: a das axencias, que para el si que son mostra de maior imparcialidade no mundo do xornalismo informativo. Por último, Aitor quixo facer fincapé na utilidade das sondaxes das que falaba Serxio e as cales, para o socialista, serven para cambiar o voto da xente, non para saber a quen vai votar a xente.
Antonio Pérez Casas: O representante de Compostela Aberta afirma que, para el, tanto El Correo Gallego como La Voz de Galicia perden peso en partidos coma o seu e outros moitos dos que case non se fala nas páxinas dos seus diarios, porén si lle dá relevancia á información amosada na prensa dixital, onde a imparcialidade, segundo o seu punto de vista, é moito maior, poñendo como exemplo o xornal dixital Praza Pública ou Sermos Galiza, aínda que non tanto este último. Dos periódicos de prensa escrita ao inicio comentados e os cales estamos a someter a debate, Antonio determina que son totalmente negocios que usan a información como mercadoría nun mundo en que todo é mercadoría, como afirmaba Polanyi. É o que se coñece como democracia mediática e é o que están a facer, como di o representante de CA, tanto La Voz como El Correo: noticias por diñeiro. Antonio tamén nos falou da campaña elecctoral que se fai desde os medios para as Eleccións Municipais de Santiago de Compostela, que terán lugar o vindeiro 24 de maio, motivo polo que xornais como os anteriores publican noticias e noticias se candidatos que aparecen ao lado de grandes representantes do partido (pon o exemplo de Agustín Hernández saíndo en varias ocasións con Ana Pastor ou mesmo o Presidente da Xunta de Galicia cando o representante popular por Santiago non tiña nada que ver na noticia). Para rematar, condena que os medios de comunicación tan só informen sobre aquilo que lle interesa á maioría sen ter en conta minorías, algo que tamén se pode transportar ao mundo da política,.
Antes de rematar o círculo, púxose sobre a mesa o tema da muller nos medios de comunicación e a súa presenza no mundo da política. As aportacións, interesantes todas ellas, foron as que seguen:
Os catro participantes no círculo están totalmente de acordo coa escasa participación da muller no mundo da política, así como co trato discriminatorio que ten este grupo vulnerable nos medios de comunicación. Paulo Carlos López apoiaba a súa información sobre fundamentos políticos: as leis prexudican a aparición da muller na política. Defende que as listas dos partidos deberían ser “cremalleira”, é dicir, unha muller por cada home, un home por cada muller, e comezar desde aí a construír unha sociedade que teña en conta o que fai a muller e non só o que fai o home. Aitor achacaba este error ás políticas conservadoras populares e refutaba o que Serxio dixera nunha intervención anterior, na cal defendía que tanto os de dereitas como os de esquerdas queren que a muller teña unha maior visibilidade. Aitor critica aos do PP por votar en contra da muller en todos os proxectos de lei nos que esta se vía atacada. Antonio Pérez afirmaba estar totalmente de acordo con Aitor e con Paulo e defendía todo o que dixeran. Consideraba que os medios non teñen en conta os éxitos da muller porque non venden tanto coma os do home, reiterándose na súa idea de xornais como negocios.
GT 152.B02