Arquivo do blog

Eu non actúo por min mesma

Ó falar de individuo falamos dunha unidade separada do resto, non dun colectivo. Mais esta separación non é total, endexamais poderemos ser totalmente independentes.
Lendo un dos textos que o profesor entregou o venres na clase percateime de algo que, en certa medida, xa sabía dende hai tempo. Por moito que digamos que somos independentes, que somos progresistas, que a nosa mente pensa por si soa e que nada nos coacciona isto non é así. Precisamos vivir na xungla dunha sociedade que nos pon a proba en cada momento. Cada un dos nosos movementos é visto con lupa polo resto das persoas, examinado ó milímetro para poder atopar o mínimo erro e así, afundirnos facendo que eles cheguen a un “nivel superior”.
Temos unha máscara tan pegada a nosa pel que somos incapaces de percibir que está aí, levamos con ela case toda a nosa vida (cando somos cativos penso que todas estas tensións sociais non nos afectan) e xa é parte de nós. Non podemos actuar por nós mesmos, esta máscara actúa por nós (incluso eu, escribindo estas palabras e aínda que non me percate estou sendo influída por esa máscara).
Non sei se me entendedes, só quero dicir que no fondo, un non pode ser “si mesmo” porque sempre estivo condicionado por múltiples factores que o influíron e dos que non puido escapar. Un individuo non se forma a si mesmo nin é dono das súas ideas ou pensamentos. Fórmanos a sociedade, a mesa sociedade que logo nos pon a proba en cada instante. Pero, ¿que lle imos facer? É o mundo que nos mesmos construímos e non podemos escapar del.

Pedrouso Areán, S2E, T3-A