Arquivo do blog
Os “nadies”, fillos do neoliberalismo
Compañeiras, heivos dicir que na visualización do documental “La dignidad de los nadies” sufrín algún que outro lapsus. Heivos dicir que nalgún momentos non sabía se me estaban a falar de Arxentina no ano 2001 ou do Estado español no ano 2014. Privatización da sanidade, rescates bancarios, ordes do FMI, 25% de persoas en paro… A ninguén máis se lle fai familiar isto? A que se debe tanta semellanza? Pois a que son DERIVACIÓNS NECESARIAS DO SISTEMA NEOLIBERAL.
E que é o que máis desexaría este sistema criminal? Que as persoas que expulsa estean marxinadas, relegadas á súa miseria, sen ver que a súa miseria é a de todos e que xuntos teñen forza. Quere a incomunicación. E cal é a mellor forma de incomunicar? Os medios de comunicación, fieis escravos do poder.
“Nosotros vivimos una época de resignación y derrota; el postmodernismo y el neoliberalismo nos inculcaron que no era posible otro camino. Todo ello a través de los medios de comunicación de masas, la verdadera brigada de choque, el bombardeo incesante de ese ejército de comunicadores, periodistas, empresarios, que desde los programas o los noticieros nos enseñaron el camino de la explotación salvaje de los unos contra los otros, o de la servidumbre frente al imperialismo dominante y del desprecio por los valores nacionales; desprecio por la historia, la memoria” – Pino Solanas
Cando hai milleiros de “nadies” dispersos, fillos do sistema, ninguén os ve. Todos sentimos moita mágoa cando vemos a unha muller sentada na rúa con rostro de desesperanza agardando os dez céntimos que che sobraron do pan, mais a mágoa vaise e a muller sigue alí. En cambio, unidas son unha arma que apunta cara o cambio, como o eran os piqueteros arxentinos.
O documental está cargado destes exemplos, mais non é preciso acudir a el para sabelo. Temos moitos exemplos ao noso arredor, os logros da PAH son un gran exemplo de unión e loita ou os veciños de Sarria que se encadearon ás árbores recentemente. O colectivo co que nós estamos a traballar tamén se dou conta disto, decatáronse de que 18 asociacións de emigrantes retornados que loitan polos seus dereitos son máis fortes xuntando as súas forzas e coordinándose. Aínda así, en moitos aspectos, aínda non somos conscientes da necesidade da nosa unión ou da de loitar.
Cando nunha sociedade hai “nadies”, todos somos “nadies”. Cando vivimos nun sistema no que tantas persoas nacen coa fame baixo do brazo, todos somos “nadies”. Somos “nadies” por ter todos a nosa pequena pobreza, a nosa revolución pendente para loitar polos nosos dereitos, pero sobre todo sómolo (ou debéramos selo) por solidariedade. Pola mesma pola que debéramos de combater ao lado de quen máis padece estas inxustizas.
Déixovos as palabras de Eduardo Galeano en forma de pequenos relatos para estas vacacións de carnavais:
http://www.pagina12.com.ar/2001/01-12/01-12-30/contrata.htm
E un vídeo no que fala deses “nadies” de forma moito máis bonita do que eu o fago:
Boas vacacións e, xa sabedes, comuniquémonos e loitemos.
TUBÍO REY, OLAIA 143 C04