Arquivo do blog

Un xornalismo máis próximo é posible

Hoxe en día a maioría dos medios para os que traballan os xornalistas están ó servizo dos diferentes poderes e moi pouco ó da cidadanía. No xornalismo local quizais se note máis esta ausencia de servizo, xa que debe centrarse máis na comunicación que na información pura e dura. Os medios locais ata o de agora pouco ou nada se preocupaban polos cidadáns, pero creo que algo cambiou coa chegada do xornal dixital Praza Pública o pasado Xaneiro. A versión dixital dos medios tradicionais é un calco da impresa, podería ser ben diferente e incorporar máis elementos de interactividade co cidadán, pero polos motivos que sexan, non o fan. Praza Pública é un xornal no que se elaboran as novas con rigor, contextualizando, contrastando información, consultando varias fontes e tratando así os temas dende varias perspectivas. Os xornalistas que alí traballan resultan cercanos para o cidadán porque tratan os temas dende outro prisma que os vincula máis ós problemas cotiás.

Un exemplo é o que ocorre coa noticia da polémica urbanización na Finca de Espiño en Santiago. Mentres que en Praza falan de plataformas cidadás que denuncian, fan un resumo do acontecido explicando o tema e dan unha versión moi ampla do tema, no xornal La Voz de Galicia, as novas están relacionadas todas cos políticos de turno.

http://praza.com/movementos-sociais/196/unha-plataforma-cidada-denuncia-o-espolio-da-finca-do-espino-e-a-politica-urbanistica-de-conde-roa/

http://www.buscavoz.es/search.php?q=Finca%20Espi%C3%B1o%202012&p=1&t=all&s=relevance

Co traballo de xornalistas con este perfil pode que haxa salvación para a reputación da profesión da comunicación, sobre todo da local.

Rodríguez Martínez, Raquel     CL4X

Axenda cidadá ou axenda dos medios?

En todos os territorios conflúen distintos tipos de axendas influídas entre elas. Así, a axenda política, a económica, a cultural ou a social están estreitamente ligadas entre si, condicionandose entre elas. Os medios de comunicación vense na obriga de incluír os temas que derivan destas axendas nas súas propias. Porén, a axenda cidadá móvese por outros camiños, incluíndo os temas que comparte en gran medida unha mesma comunidade de interese. Así, pode observarse coma nalgúns casos a propia axenda dos medios substiúese por esta, que “decide” en certa medida os contidos mediáticos.

No caso que ocupa á comarca de O Morrazo, os medios encargados de difundir novas atenden un amplo abano de temas. Así, podemos atopar información de sucesos, economía, política ou cultura, entre outras. Porén, estas temáticas teñen un distinto peso dependendo do xornal no que se inclúan. A pesar de que o Faro de Vigo é o xornal que ofrece maior información de todos os ámbitos, observamos por exemplo que La Voz de Galicia céntrase máis en temas de índole política ou económica, mentres que a información do Diario de Pontevedra ou o Faro de Vigo abrangue máis temáticas e ofrece especial importancia á cultura.

Xornais morrazo

Pódese tomar por exemplo a inclusión na axenda de ocio do Faro de Vigo da sala Aturuxo (Bueu) ou as reportaxes sobre Miguel Barros ou Carlos Blanco e Budiño. O caso dos mariñeiros falecidos en Bueu foi tratado por todos os medios (Voz, Faro e Diario), mentres que a política local ocupa as portadas do Faro de Vigo.

Rivas Martínez, CL4X 

Especialización local en medios xeralistas

O Baixo Miño, o Salnés, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Val Miñor… Todas as comarcas das Rías Baixas galegas teñen presenza en distintos medios de comunicación, tanto xeralistas coma locais. Sen embargo, cada un destes medios ten o seu xeito de clasificar a información referente a cada zona xeográfica.

A comarca de O Morrazo, situada entre as rías de Vigo e Pontevedra, é un claro exemplo desta distinción nos medios. Así, temos que o xornal con maior tirada desta península, o Faro de Vigo, conta cunha edición propia para esta zona e unha redacción propia, en Cangas.

Mapa Morrazo

Mapa da comarca de O Morrazo

Pola súa banda, o Diario de Pontevedra tamén fai un seguimento das catro localidades que forman parte do Morrazo, aínda que neste caso Marín vai separado na propia distribución do xornal do resto dos municipios pertencentes á comarca.

La Voz de Galicia é o xornal con menos tirada dentro da comarca. Sen embargo, nas súas seccións tamén se fai referencia aos diferentes municipios, aínda que non se consideran coma un territorio común. Así, na edición dixital pódese observar coma o municipio de Marín aparece incluído en Pontevedra, mentres que os municipios de Moaña e Cangas inclúense na zona de Vigo.

A inclusión dos medios na rede deu lugar tamén a novas posibilidades de comunicación que abren as portas a unha información máis especializada no local dun territorio. Neste sentido apareceron recentemente páxinas coma “Xeado de Toxo, o teu guieiro do morrazo” ou “delMorrazo”, que fan competencia aos medios máis tradicionais.

Rivas Martínez, CL4X