Arquivo do blog

De facer o ridículo, fagámolo ben

Dóenme os oídos cada vez que escoito despropósitos coma Arteijo, Negrera, Rianjo, Sangenjo, Órdenes ou Mugía. A castelanización dos topónimos estásenos indo das mans…

Carballiño en galego e Carballito en castelán? Pois non, en todo caso en castelán sería “Roblecito”. Ser de Ribeira tradúcese por ser de Ribera? Tampouco, sería ser de “Orilla”. Por non falar de Niño da aguia, alguén tivo a marabillosa idea de traducilo por “Niño de la guía” cando debería ser “Nido del águila”. E que me dicides de Veiga do Seixo, resulta que se traduce por Seijo, pero ata onde eu sei o seixo é cuarzo en castelán…

Non só en xeografía, grandes insultos prodúcense demasiado a miúdo na lingua (tanto no galego coma no castelán). Algúns cometeranos por intolerancia, outros por procurar a uniformidade no discurso, pero sexa polo que sexa non podemos deixar que o noso código de comunicación se vexa perturbado con estas irresponsables traducións contra natura.

Pérez Capelo, S2E, 3B2

Economía ou sexismo?

“O home ten 5 litros de sangue no seu corpo”. E as mulleres que teñen? Máis? Menos? Hai quen dirá que a palabra “home” refírese a ambos sexos pero por economía lingüística non se di “os homes e as mulleres”. Para min, este é un claro caso de linguaxe sexista…

Ti imaxina que vas conducindo. De súpeto atopas un accidente de tráfico. Hai dous mortos: unha muller e un neno. Tamén hai tres feridos: un home e dúas nenas. Evidentemente, terás que chamar unha ambulancia. Como describirías esta situación á persoa que colla o teléfono? Se o explicas como o acabo de facer eu, que Deus os colla confesados porque seguro que non sobrevive ninguén. Entón, dicir dous mortos e tres feridos si que se podería chamar “economía lingüística” porque, neste caso, non aporta nada dicir o home, a muller, o neno e as nenas.

Sen embargo, dicir as limpadoras, os cidadáns, os políticos, os alumnos e un longo etcétera de palabras non é “economía lingüística”. Iso é empregar linguaxe sexista, son palabras que implican algún prexuízo cultural de xénero. Para evitalo existen substantivos xenéricos como o persoal de limpeza, a cidadanía, a clase política ou o alumnado.

A linguaxe non sexista evita expresións desacordes coa igualdade sexual pero, sobre todo, evita ambigüidades na comunicación. Iso da economía lingüística é unha moda, estaremos en crise pero (por sorte ou por desgraza) aínda non nos recortaron as palabras.

Pérez Capelo, S2E, 3B2

Ghalegho ou galego?

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/03/24/galicia/1332614868_924474.html

Botándolle unha ollada ó xornal esta mañá topei con esta nova. A lingua é a principal fonte de comunicación e a que fai que nos diferenciemos dos animais, grazas a ela podemos comunicarnos e entendernos (ou polo menos intentalo). Pero, que ocorre cando cando nunha lingua os falantes poñen trabas para que non se fale?

Non é nada novo que o galego está cheo de prexuízos, que somos nós  mesmos os que nos poñemos trabas e que parece que sempre haxa quen non empregue a lingua por sentirse inferior. Pois, por desgraza, este pensamento está aínda moi xeralizado.

Dende o meu punto de vista a decisión dos directivos da TVG está totalmente fóra de lugar, a gheada e o seseo son dúas variantes da lingua que non fan outra cousa que enriquecela e son moitos os galegos que a empregan no seu día a día. Non vexo que por empregala nun programa este vaia ser menos serio. Recordo que non hai moito houbo unha serie nesta mesma canle chamada “Mareas Vivas”, nesta serie empregábase a lingua coas súas variantes e as cifras de audiencia foron moi satisfactorias e incluso foi vendida a outros países.

 O problema é o de sempre, as trabas que nós mesmos nos poñemos e que non nos permiten avanzar. Xa bastante temos con que se nos discrimine aos galegofalantes en xeral e, non contentos con iso, establecemos aínda máis diferenzas entre nós. Se o que queremos é rematar coa nosa cultura estámolo conseguindo.

 “Non esquezamos que, se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma” Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Oxalá todos pensaramos así.

Quiñoy  Montero, S3B, 3B2