Arquivo do blog

Ctrl+C Ctrl+V

A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.

Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?

Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Flanêurs versus ‘flanins’

Disque o xornalista local ten que ser unha sorte de flanêur da súa cidade, un individuo especializado na súa localidade, que coñeza as súas xentes, os seus pareceres e as súas necesidades e demandas primordiais. Pero sucede que moitas veces o ‘ten que ser’ non acaba de callar, e remata por ser un ‘podería ser’ ou, no peor dos casos un ‘como demos vai ser’. E en lugar de flanêurs temos ‘flanins’…
E neste momento preguntarédesvos, benqueridos amigos e benqueridas amigas, que raios é un ‘flanin’ (aparte do que todos e todas estaredes pensando…)? E, dígovos eu que, se estades pensando niso, non ides tan mal encamiñados. Porque o xornalista ‘flanin’ está moi relacionado con ese saboroso postre chamado flan, aínda máis, é a raíz etimolóxica da que provén dito neoloxismo (e tan ‘neo’, como que o acabo de inventar…).
Pois veredes, o ‘flanin’ é todo o contrario ó flanêur. Mentres que un deles se interesa polos cidadáns, o outro déixase influir por todos e cada un deles, sen rigor e sen filtro ningún, adquirindo tódolos sabores posibles que lle queiran dar. Así mesmo, mentres que o un se mantén firme ante as presións dos poderes, moitas veces inxustos, o outro simplemente treme ante eles, e deixa que o meneen sen ningún tipo de respecto. Un é duro, correúdo, indomable. O outro é doce, brando, dúctil.
E nós, que estamos nos albores da nosa vida profesional (Deus me oia…), temos que intentar por riba de todo non acabar coma se fosemos ‘flanins’… Se non queremos que nos papen…

Baruk Domínguez Grandío

CLX4

Persoal, non profesional

Levántome pola mañá. Doume unha ducha. Almorzo con café. Consulto o Twitter. Vou currar. Falo co xefe. Converso cos colegas. Discuto co veciño. Como mentres miro a tele. Volvo ao choio. Penso nos meus fondos no banco. Sigo traballando. Cea para levar. Adiantar traballo. Chatear. Durmir mal.

A rutina diaria, o eterno castigo de Sísifo. Este pode o ser  pozo de perdición de moitos xornalistas locais. Perderon o ánimo e a ambición hai moito, se cadra desenganados pola actitude preguizosa dos compañeiros. Hai traballo, e iso xa é algo, sobre todo agora, coa de paro que hai, porque non vou acabar na fila do INEM. O máis fácil e fichar, presentarse na rolda de turno e escribir a noticia para mañá. Esforzarse e ir por libre é unha perda de enerxía e tempo, que -¡total!- aquí nunca pasa nada. Non vou ser parte deste xogo de facer medra-la cidade. Non vou meterme nos grandes negocios que se agochan baixo os partidos e as construtoras. Non. A cidade desenvolverase como o dicten os que saben. Ademais, outros encargaranse de atopar as mazás podres do sistema. Eu non son quen de sinalar quen ten as mans manchadas.

¿E a xente de a pé? Non interesa o máis mínimo. ¿De qué me poden servir as filípicas dun vello que traballaba no Porto? ¿Teño estar enriba de cada concelleiro para sacarlle información? ¿Por qué patearme cada metro da cidade? Por suposto que non. O único que interesa son os shows, as estreas de cine, os concertos, as inauguracións iluminadas polo sorriso do alacalde de turno, as festas e as manifestacións. O público é o que podemos ver na superficie, non o que está baixo ela. Este é o meu traballo, non a miña vida.

Eu quería cubrir grandes acontecementos, marchar de correspondente ao estranxeiro ou traballar nas redaccións das grandes capitais. Aí é onde está o que interesa, ou polo menos o que debe interesar a todos. ¿Qué máis dá o que pase aquí?

Pereira Vila, Jorge CLX4

Multi… Inter… Supra!!!

Na delegación de El Progreso en Vilalba traballan catro persoas, que cubren unha superficie informativa dun total de 2.300 kilómetros cadrados, comprendendo as comarcas da Terra Chá (a máis extensa de Galicia), Meira e o concello coruñés de As Pontes: en resumo, unha cuarta parte da provincia de Lugo. O caso de La Voz de Galicia é aínda máis grave, xa que soamente contan cun único delegado para a mesma superficie (exceptuando a zona coruñesa, obviamente).

En El Progreso-Vilalba hai un xefe de delegación, Ignacio Rodríguez, que se encarga principalmente da relación cos poderes políticos e empresariais e das entrevistas e reportaxes de maior actualidade. Tamén hai tres xornalistas con funcións, en principio, diferenciadas: María Roca, en deportes; Cristina Pérez, que se encarga de cultura, sociedade e é a responsable do suplemento semanal ‘A Chaira’; e Cristina Arias, que se ocupa maioritariamente da zona de As Pontes, aparte de realizar numerosas reportaxes en profundidade e entrevistas de carácter. Ata aí unha breve descrición dos roles de cada xornalista, algo teóricamente sinxelo, pero máis complexo na práctica.

Porque o certo é que, nunha delegación tan grande como a da Terra Chá e con tan pouco persoal, moitas veces non chega para cubrir a información na que un está máis especializado, e non é difícil ver a Cristina Arias cubrindo un evento deportivo ou a María Roca realizando unha entrevista de carácter, especialmente na época estivais ou nos días libres dalgún dos compañeiros. E isto, que sería un pecado, case un delicto para os puristas, é o pan noso de cada día para moitos xornalistas locais, aínda que non sempre é así. Por exemplo, na delegación de A Mariña do mesmo xornal traballan tres veces máis persoas para cubrir unha superficie moito menor, de 1.600 kilómetros cadrados. E, certamente, a calidade das pezas non é moi diferente á da delegación chairega, e incluso moitas veces é inferior.

Esta dedicación múltiple do xornalista local, tal e como acontece en Vilalba, algo que nun principio pode chegar a despistar ó informador e ó informado, acaba finalmente por enriquecer e transformar ó mesmo, e, do mesmo xeito, a mellorar as informacións. Iso do que falan nas clases de Comunicación, da multidisciplinariedade e da interdisciplinariedade, pasa aquí a un nivel superior, o da ‘supradisciplinariedade’, é dicir, o estar por riba de tódalas informacións, algo que só se pode conseguir nun xornalismo tan complexo como é o local. Nas redaccións das grandes cidades hai unhas seccións moi diferenciadas que un non pode atravesar tal e como lle pete en cada momento. Nas pequenas redaccións locais xa non é que non se poidan atravesar, senón que moitas veces haino que facer por pura obrigación e necesidade. E ó final acaba sendo algo bo, xa vos daredes conta. Pero ollo, sempre e cando se fale de local!!!

Agora é a vosa quenda de comentar: podedes apoiarme ou podedes poñerme a parir. Fagades o que fagades, agardo as vosas palabras con ardor…

Baruk Domínguez Grandío CLX4

Social nets killed the local star!!!

Falouse, fálase e falarase moito, neste blog e noutros blogs, en webs, xornais, revistas, faladoiros, conferencias e quen sabe en cantos outros lugares, contextos e circunstancias das virtudes e defectos das redes sociais internáuticas, é dicir, de Facebook, Tuenti, Twitter e demais fauna virtual. E, despois desta longa e complexa frase introductoria, engadirei unha apreciación máis a este debate entre amantes e detractores das ‘social networks’, sen falar nin das susoditas virtudes nin dos susoditos defectos, senón de algo máis sinxelo, evidente e menos polémico: os seus efectos.

Pero, e aquí está a cuestión primordial, é necesario saber diferenciar de entre todos eses efectos o quis, o quid, o quomodo, o cur, o quando e, especialmente, o ubi, no noso caso referido sempre a un espazo local, non global. Do quibus auxiliis xa falaremos máis adiante. Pero comecemos polo principio.

O efecto coñecido como quid é, neste caso, o fluxo de información, que pasa de ser algo unívoco e unidireccional a convertirse nun totum revolutum (e dálle cos latinismos…) no que todo o mundo quere, pode e necesita ter a voz cantante.

O caso do quis é se cadra un dos máis relevantes, xa que, tal e como avanzabamos no titular, remata coas ‘local stars’ e profetiza o dominio das ‘social stars’. Neste novo mundo informatizado xa non é o alcalde o que ten todo o poder sobre o que se publica, xa non é o xornalista de delegación o que decide a axenda do público. Agora case todo está na rede, e cada un pode informarse segundo lle pete, buscando ós mellores e máis fiables (ou non) informadores ou creadores de opinión, as susoditas ‘social stars’.

E aquí é cando chega un dos principais hándicaps deste novo dominio da rede: o quando. Se ben é certo que as novas xeracións están moi influídas por esta nova orde da comunicación, tamén é certo que as xeracións máis vellas (e incluso as que non o son tanto) non están actualizadas como “deberían”, especialmente en moitas zonas rurais, da mal chamada ‘Galicia profunda’ (voltamos outra vez ó ubi).

Dúas cuestións secundarias pero non por iso banais, son as referentes ó quomodo e ó cur. Da primeira diremos que paseniñamente polo de agora, sempre de abaixo cara arriba, e da segunda que por pura necesidade de expresión.

Xa por último queda unha cuestión importantísima, que non debemos obviar en ningún momento, e que é a maior causante de debates sobre o tema das ‘networks’: o quibus auxiliis, é dicir, os instrumentos utilizados para construir a información. O xornalista adoita usar os coñecementos previos, a documentación e, como todos saberedes, as tan necesarias fontes. Pero son eses os materiais que utiliza a ‘social star’ para elaborar os seus textos? Agardo os vosos comentarios para poder averiguar algo máis sobre o tema…

Baruk Domínguez Grandío CLX4

Circus Maximus

Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.

A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.

Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.

Pereira Vila, Jorge CLX4