Arquivo do blog

As comunidades e os seus conflitos

A mellora do Corredor do Morrazo, as preferentes de NCB, a área metropolitana de Vigo ou o futuro do histórico complexo de O Salgueirón, entre outros, son algúns dos temas que máis preocupan á maior parte da cidadanía da península de O Morrazo. Coma estes, en cada localidade existen conflitos que atinxen á vida cotiá dos habitantes e que son do seu interese. A boa práctica do xornalista existe na medida en que poida localizar os distintos conflitos existentes, ofrecendo unha boa cobertura dos mesmos.

Este é ocaso do novo parque eólico Pedras Negras, en Domaio (Moaña). Todo comezou cando a multinacional italiana Enel Green Power decidiu investir na construción dun parque eólico que afectaría a montes dos concellos de Vilaboa, Marín e Moaña (a maioría deles incluídos no espazo protexido “Montes do Morrazo”). A importancia deste feito provoca que distintos medios de comunicación se fagan eco da problemática existente en torno á infraestrutura, sobre todo na zona de Domaio, por ser a máis afectada. Así, o Faro de Vigo na súa edición do Morrazo fai un especial seguimento do conflito, publicando información actualizada e de interese.


O xornal atende o conflito dende o inicio do proxecto ata o momento actual, pasando polas accións emprendidas polos colectivos veciñais. A información, elaborada na súa maioría polo xornalista Francisco G. Sas, ofrece unha ampla visión das diversas perspectivas existentes, prestando especial atención á opinión da cidadanía. Deste xeito, recolle as queixas dos veciños cara o proxecto debido ao forte impacto medioambiental que causaría, queixas canalizadas a través de colectivos coma a Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo ou a Comunidade de Montes en Man Común de Domaio. Un traballo de investigación que require dedicación e atención constantes, pero que axuda aos xornalistas locais a enriquecer o seu traballo e a fuxir da constante rutina.

Rivas Martínez, CL4X

O xornalista rutinario

A labor que desempeñan os xornalistas nas comunidades locais é imprescindible á hora de determinar a calidade da información que reciben os cidadáns. Moitas veces, a rutina xornalística na que caen estes profesionais da información desvirtúa o seu traballo, facéndoos entrar nunha banalización de contidos que contribúe á cadea de intereses entre empresarios, economía e xornalistas, cadea que está cada vez máis presente nos medios de comunicación e nos xornalistas, ben sexa por comodidade, intereses ou falta de recursos.
Nenos do colexio

Nenos dun colexio da comarca celebrando o Día da Paz no centro // Carmen G.


A información que deriva destas situacións queda afastada do que sería unha correcta práctica xornalística. Isto é o que acontece, por exemplo, coa noticia publicada en Faro de Vigo sobre a partida presupostaria da Xunta para os colexios do Morrazo. O contido da noticia, que se fai aburrida para o lector de xeito que provoca que perda interese na información, baséase en datos numéricos e comparacións con cifras de anos anteriores. Sen embargo, unha noticia deste tipo non debería centrarse so nos números, senón que debería facer unha análise pormenorizada do que significan estas cifras, consultando coa dirección dos centros ou coas asociacións de pais e nais (ANPA). Deste xeito, a noticia quedaría enriquecida engadíndolle un enfoque orientado ao cidadán, no que se analizaran aspectos coma o destino dos cartos asignados a cada colexio, se son suficientes ou non, se os pais están informados e contentos cos servizos que cobren, se teñen carencias que aínda están sen resolver… De esta forma, a información quedaría completa e o multiperspectivismo que ofrecería grazas á consulta de varias fontes informativas, así coma a implicación que se intuiría do xornalista con respecto ao tema tratado proporcionarían un valor engadido á noticia, que conseguiría non só informar, senón tamén comunicar.

Rivas Martínez, CL4X

Novas iniciativas en tempos de crise

A crise que está a sufrir o xornalismo obriga aos profesionais do sector a idear alternativas para sobrevivir no mundo da comunicación. É así como nacen no ámbito local iniciativas, sen ánimo de lucro ou coma medio de vida, que ofrecen ao usuario a posibilidade de interactuar co seu entorno ao mesmo tempo que acada un nivel de información distinto ao que ofrecen os medios tradicionais.

Imaxe da páxina Terras do Morraso

Imaxe da páxina Terras do Morraso

Estamos a falar, por exemplo, do sitio web “Terras do Morraso”, que ofrece información sobre a comarca de O Morrazo. O humor e a retranca son as claves desta páxina, que aínda que non ofrece contidos políticos está moi influenciada pola axenda cultural e os cidadáns. Así, entre as súas seccións inclúe a “Guía Furancheira” ou “Morrasoleaks”, aínda que o seu proxecto de maior éxito é o “Disionario da Revolusionaria Academia Morraçense da Lingua: Morraçense-Jodechincho”, no que os usuarios poden participar aportando palabras características da zona e a

súa tradución ao “jodechincho”. Esta iniciativa, que está a acadar moito éxito, logrou captar xa en varias ocasións a atención de medios de comunicación coma a Radio Galega ou El País. Como boa páxina, ten tamén presenza en redes

Imaxe da páxina Terras do Morraso

Imaxe da páxina Terras do Morraso

sociais coma Facebook e Twitter, e posúe unha propia canle de vídeo.

Xeado de Toxo, delMorrazo, Construíndo Cinania ou a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo son algunhas das iniciativas que se unen á anterior e que aínda continúan en funcionamento en maior ou menor medida, aínda que tamén moitas outras fracasaron, coma a Radio Televisión do Morrazo.

Rivas Martínez, CL4X

Axenda cidadá ou axenda dos medios?

En todos os territorios conflúen distintos tipos de axendas influídas entre elas. Así, a axenda política, a económica, a cultural ou a social están estreitamente ligadas entre si, condicionandose entre elas. Os medios de comunicación vense na obriga de incluír os temas que derivan destas axendas nas súas propias. Porén, a axenda cidadá móvese por outros camiños, incluíndo os temas que comparte en gran medida unha mesma comunidade de interese. Así, pode observarse coma nalgúns casos a propia axenda dos medios substiúese por esta, que “decide” en certa medida os contidos mediáticos.

No caso que ocupa á comarca de O Morrazo, os medios encargados de difundir novas atenden un amplo abano de temas. Así, podemos atopar información de sucesos, economía, política ou cultura, entre outras. Porén, estas temáticas teñen un distinto peso dependendo do xornal no que se inclúan. A pesar de que o Faro de Vigo é o xornal que ofrece maior información de todos os ámbitos, observamos por exemplo que La Voz de Galicia céntrase máis en temas de índole política ou económica, mentres que a información do Diario de Pontevedra ou o Faro de Vigo abrangue máis temáticas e ofrece especial importancia á cultura.

Xornais morrazo

Pódese tomar por exemplo a inclusión na axenda de ocio do Faro de Vigo da sala Aturuxo (Bueu) ou as reportaxes sobre Miguel Barros ou Carlos Blanco e Budiño. O caso dos mariñeiros falecidos en Bueu foi tratado por todos os medios (Voz, Faro e Diario), mentres que a política local ocupa as portadas do Faro de Vigo.

Rivas Martínez, CL4X 

Especialización local en medios xeralistas

O Baixo Miño, o Salnés, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Val Miñor… Todas as comarcas das Rías Baixas galegas teñen presenza en distintos medios de comunicación, tanto xeralistas coma locais. Sen embargo, cada un destes medios ten o seu xeito de clasificar a información referente a cada zona xeográfica.

A comarca de O Morrazo, situada entre as rías de Vigo e Pontevedra, é un claro exemplo desta distinción nos medios. Así, temos que o xornal con maior tirada desta península, o Faro de Vigo, conta cunha edición propia para esta zona e unha redacción propia, en Cangas.

Mapa Morrazo

Mapa da comarca de O Morrazo

Pola súa banda, o Diario de Pontevedra tamén fai un seguimento das catro localidades que forman parte do Morrazo, aínda que neste caso Marín vai separado na propia distribución do xornal do resto dos municipios pertencentes á comarca.

La Voz de Galicia é o xornal con menos tirada dentro da comarca. Sen embargo, nas súas seccións tamén se fai referencia aos diferentes municipios, aínda que non se consideran coma un territorio común. Así, na edición dixital pódese observar coma o municipio de Marín aparece incluído en Pontevedra, mentres que os municipios de Moaña e Cangas inclúense na zona de Vigo.

A inclusión dos medios na rede deu lugar tamén a novas posibilidades de comunicación que abren as portas a unha información máis especializada no local dun territorio. Neste sentido apareceron recentemente páxinas coma “Xeado de Toxo, o teu guieiro do morrazo” ou “delMorrazo”, que fan competencia aos medios máis tradicionais.

Rivas Martínez, CL4X

A Rede Natura cubre ó Morrazo

Un dos aportes máis importantes da Unión Europea é a política comunitaria para a protección da natureza e a preservación da biodiversidade, que está regulada grazas á Directiva de Aves Silvestres e á Directiva Europea de Hábitats. Esta última, que naceu no ano 1992 e require a participación dos axentes locais para a súa xestión, é unha das máis significativas en Galiza, xa que afecta a case un 12% do territorio, protexido pola denominada Rede Natura 2000, que dictaminou 59 paraxes coma Lugares de Interese Comunitario (LIC).

logo

Logo da Red Natura 2000

A comarca de O Morrazo é unha das máis beneficiadas por esta normativa, xa que existen 4 lugares baixo esta protección, que ten por obxetivo a conservación do patrimonio natural local. Estas zonas son a Costa da Vela, Cabo Udra e as illas de Cíes e Ons, ambas as dúas pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A Xunta de Galicia creou recentemente unha proposta de ampliación da Rede Natura, aínda que o documento non presenta ningún cambio en O Morrazo. Por iso, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o colectivo ecoloxísta Anduxía de Bueu presentaron unha alegación ó texto. Por unha banda, a Plataforma pide a incorporación dunha nova zona LIC de 4.277 hectáreas nos municipios de Marín, Vilaboa, Moaña e a carballeira de Coiro, denominada “Montes e Carballeiras do Morrazo”. Por outra banda, Anduxía solicita a ampliación do LIC Cabo Udra nas 134 hectáreas que van dende a praia de Mourisca ata Punta Trimin, ao norte da praia da Roiba.

Rivas Martínez, CL4X

A cooperación entre concellos como alternativa á fusión

A fusión de concellos proposta por Feijóo é xa unha realidade grazas a Oza e Cesuras, os primeiros concellos en acadar esta medida. Porén, os debates en torno á convenencia deste tipo de sistema son continuos. Os detractores avogan por outras medidas, coma as mancomunidades, que fomentan a colaboración entre distintas localidades.

Davila

Autor: Luis Davila

Na Comarca do Morrazo non se fala de fusión, aínda que existe unha aposta cooperativa entre Bueu, Cangas e Moaña na recollida do lixo, plasmada na Mancomunidade do Morrazo. Porén, aínda que esta iniciativa comezou con ilusión non da resultado, xa que ten unha importante débeda que non pode cubrir.
Por outra banda, os empresarios morracenses decidiron, en 1992, agruparse nunha federación de empresarios locais que pasou a chamarse FECIMO. Deste xeito conseguían que as voces da xente chegasen ata a administración, fomentando a participación cidadá.
O Concello de Bueu comezou recentemente a promover esta participación facilitando a comunicación directa cos concelleiros e creando Consellos de Cultura públicos, aos que asisten múltiples asociacións de todo o territorio buenense.
O vínculo existente entre este tipo de entidades e os medios de comunicación é moi forte, xa que a influencia que exercen entre si é cada vez maior. Deste xeito, asociacións, políticos e entidades cooperativas e colaborativas axudan á relación participativa entre a administración local e os cidadáns, influíndo á súa vez nos medios de comunicación e formando a súa axenda.

Rivas Martínez CL4X

O Faro de Vigo centraliza a información de Massó

A antiga fábrica conserveira de Massó, en Cangas do Morrazo, é materia de conflito na comarca dende que a empresa Marina Atlántica presentou un proxecto en 2005 para converter a zona do Salgueirón nun complexo residencial con porto deportivo, hotel e centro comercial. O rexeitamento social e o impacto medioambiental das obras que se ían realizar provocaron numerosas mobilizacións, apoiadas por organizacións coma a Confraría de Pescadores ou o Foro Social de Cangas. A máis significativa foi en maio de 2009, cando unha serie de persoas foron detidas, acusadas de impedir as obras do porto deportivo, das que se encargaba a empresa Puentes y Calzadas, que emprendeu accións penais contra eles.

A Guardia Civil actúa en Massó

O xornal Faro de Vigo, na súa edición do Morrazo, publicou o domingo 4 de maio a decisión da empresa de desistir no proceso penal que se estaba a executar contra os acusados de impedir a construción do porto deportivo en 2009. Entre os afectados están os membros do grupo político ACE Mariano Abalo e Maruchi Álvarez, ou o voceiro do Foro, Santiago Pérez. Este xornal realiza un exhaustivo seguimento do problema dende o comezo do conflito, ofrecendo información detallada e contextualizando un tema coñecido en todo O Morrazo.

A decisión de Puentes y Calzadas de desistir nas accións penais contra os opositores ás obras é unha decisión que afecta tanto ao conxunto do proxecto coma á súa concepción social, xa que favorece e fortalece ao Foro. Un paso máis na loita contra a “marbellización de Cangas”.

Rivas Martínez, CL4X