Arquivo do blog
¿Debo dicir que teño algunha enfermidade mental cando vou ligar?
Despois dos comentarios que estades facendo veume á cabeza Neil Hilborn, un poeta con trastorno obsesivo compulsivo. Mellor escoitalo a el.
Nun dos debates da asociación xurdiu o tema do ligar. ¿É unha complicación ir a un bar ou a unha discoteca un sábado pola noite e flirtear con alguén se se ten unha enfermidade mental? Moitos dos usuarios que participaron naquel día contestaron: “Todo vai ben ata que lle conto que padezo isto ou o outro. Nese momento foxen de min”. Isto é o que adoita acontecer. No momento no que a outra persoa descobre a enfermidade mental da primeira, independentemente do demais, reacciona con rexeitamento. Polo tanto, ¿debe un enfermo mental confesa-la súa enfermidade á hora de ligar nunha discoteca?
A maioría dos usuarios manifestaron que non. “Non vou casar con ela, non o ten que saber”. Pero algún outro usuario considerou que é de xustiza facerlle saber á outra persoa con quen está a tratar, de igual xeito que sería de xustiza facerlle saber que ten unha enfermidade como a sida. Daquela, ¿unha enfermidade mental aseméllase máis a un rasgo de personalidade (irrelevante no contexto dunha discoteca) ou a unha enfermidade como a sida?
Este rexeitamento produce inseguridade nas persoas con enfermidades mentais e que recorran a outros sistemas de contacto máis superficiais, como a internet. Aquí unha persoa pode ser quen queira ser, e o contacto é máis doado evitando o cara a cara. Ademais, como podedes ver na ligazón anterior, internet proporciona portais de contactos especializados: para guapos , para feos, para fumadores de herba, xente con semellanza física, mulleres en prisión e tamén persoas con enfermidades mentais. Eu pensara que o conto de que cada ovella coa súa parella quedara atrás.
Volvendo ao tema, ¿está inxustificado o rexeitamento cara ás persoas con algún problema mental neste contexto? Honestamente, creo que si está inxustificado e que xulgamos a unha persoa antes sequera de concederlle unha oportunidade. Isto chámase prexuízo, pero desgraciadamente temo reaccionar igual que a maioría se me vise na situación.
MOSQUERA MONTOYA, ANTONIO 142.E01
¿Que é o que importa realmente? (Local Hero)
Cando Mac abandona o seu gran Houston por unha pequena vila pesqueira escocesa descobre que aquilo non era como imaxinaba.
A súa “misión” –como el mesmo afirma ao cura africano da vila- é negociar polas terras dos veciños para poder instalar alí unha base petroleira. A maioría dos veciños entran en xúbilo ao coñecer que se van facer ricos, pero non todos. A praia, característica da beleza do lugar, perténcelle a un vello que vive nunha chabola. Este ermitán, a diferenza dos demais veciños da vila, négase a vende-lo que para el é o seu ben máis prezado.
Mac, acostumado a negociar por teléfono dende a súa oficina, débese adaptar ás novas regras do xogo. Despois de ofrecerlle todo o diñeiro do mundo sen éxito, decide despregarlle ao vello un catálogo das praias máis fermosas do mundo, tamén sen éxito. En plena negociación, o vello colle un puñado de area e pregúntalle: “¿Daríame unha libra por cada gran de area?”, Mac responde: “Non me gustan os xogos. Tratemos isto coma un negocio”. Así é este personaxe, capaz de arrisca-lo seu fogar por un xogo e non por unha suma elevada de cartos.
Este personaxe encarna a unha persoa peculiar. Vive na soidade dunha chabola na praia pero é respectado e incluso querido polo pobo. Lémbrame á historia de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle. Este home desentendeuse da vida acomodada que levaba na Alemaña e foi parar a esta localidade da Costa da Morte onde comezou a vivir na praia. O seu amor pola vida e pola natureza expresábao a través da arte, da escultura.
Chámame moito a atención esta historia. De como pode cambiar un home coa vida. Agora que estamos a analiza-los mapas de comunidade e comunicación paréceme un bo caso a ter en conta. Forma comunidade en si mesmo e a arte é a súa maneira de expresión cara ao exterior, aínda que en esencia o realice para si mesmo.
Voltando á película, chamoume tamén a atención a figura do personaxe principal, un tipo xenial, o señor MacIntyre. A priori semella un home con sorte. Un bo traballo, un bo soldo, un bo coche… Hai unha escena característica. Mac, con algunhas copas enriba, ofrécelle a Gordon, o contable e dono do bar, cambia-las súas vidas. Todo pola vida humilde do outro, esposa incluída. Isto fainos reflexionar sobre que queremos.
Á hora de traballar con todas estas asociación, e aínda que esteamos de observadores como require a materia, case sen querelo vemos un mundo máis amplo onde a diversidade reina. Paramos a cavilar sobre a xenerosidade que ás veces ten o ser humano e que as inquedanzas persoais e os valores forman o compromiso que vemos reflectido en moitas destas organizacións.
Non quero rematar sen menciona-lo Going Home de Mark Knopfler. Indispensable.
MOSQUERA MONTOYA, ANTONIO 142.E01
Itínera: ser un máis
Lémbrome do primeiro día que entrei en Itínera. Foi polo mes de setembro nunha actividade de debate. A sala estaba chea de cadeiras baleiras mirando cara a un enorme encerado branco. “Están nese café de abaixo -díxome Carlos Martínez, o boss da asociación, mentres sinalaba pola ventá.- Quedan sempre antes do debate para prepara-los temas”. Pouco a pouco a sala foise enchendo de persoas. Uns máis apurados para coller sitio, outros con calma e outros tarde, como en calquera clase da facultade. “Este é Antonio, un novo voluntario que vai vir aos debates”. De súpeto atopeime acompañado de vinte persoas que non coñecía de nada.
Ocorreron dúas cousas inesperadas: a primeira rompeume os esquemas. Eu chegara alí coa idea de axuda-los usuarios, pero quedei sorprendido cando foron eles os que me axudaron a min. “Meu pobre -deberon pensar,- é novo. Non ten nin idea”. E a segunda foi que non achei xeito ningún de recoñecer quen era voluntario e quen usuario. Aínda hoxe, cinco meses despois, manteño algunhas dúbidas. Incluso hai algún usuario (en realidade ex-usuario) que tamén é voluntario. Esta incertidume marabilloume. Foi nese momento cando entendín que a esencia do voluntario en Itínera é colaborar como un amigo e non coma un mestre, un monitor ou algo semellante. É ser un máis.
Este tema xerou opinións contrapostas dentro do noso grupo. Eu pensaba que saber quen é usuario e quen non era irrelevante. Todos estamos metidos no allo, ¿que máis ten saber quen está diagnosticado e quen non? Obviamente, hai persoas das que notas ao momento que padecen algún problema, pero de moitas delas non se apercibe tan facilmente. Porén, as miñas compañeiras pensan que é fundamental saber quen é usuario e quen voluntario, aínda que non por iso se vaia a cambia-la relación de igualdade. ¿Vós que pensades?
MOSQUERA MONTOYA, ANTONIO 142.E01
Culturas en contrapunto, Roger Silverstone
O mundo está a cambiar, e, consecuentemente, os medios tamén. Vivimos na sociedade da información, o cuarto poder, as novas tecnoloxías, a globalización. A información expándese, compártese e, dalgún xeito, cambia a sociedade na que vivimos. ¿Significa isto que tódalas persoas teñen voz? ¿A globalización consegue amplia-la presenza das chamadas voces minoritarias nos medios de comunicación? ¿Ou consegue expandir soamente aquelas voces maioritarias?
O certo é que vivimos nun mundo de diversidade. O autor dálle especial relevancia a este feito: “As migracións resaltan un aspecto fundamental da vida no século XXI que ten unha importancia crecente para comprende-los cambios sociais e entende-la natureza cambiante dos medios e a mediatización”. Tamén afirma que “as novas comunidades de emigrados pretenden seguridade e a oportunidade de conserva-la súa identidade e o seu estilo de vida”. Por iso os medios das minorías son tan importantes, porque non só son medios de comunicación, senón “un lugar na cultura da rexión”. ¿Pero pode a convivencia das voces maioritarias e minoritarias xerar conflito? Aquí chegamos ao contrapunto:
O contrapunto é unha combinación de tons. Se esa combinación ou amalgama soa docemente ao oído, chámaselle consonancia; se pola contra soa de xeito desagradable, chámaselle disonancia.
Silverstone cit. Tinctoris, Liber de Arte Contrapuncti, 1477.
Con esta comparación musical preténdese sinala-la importancia da polifonía, unha multiplicidade de voces, e a necesidade de que existan. Deste xeito poderase chegar á xustiza nos medios de comunicación, que non é tanto a obxectividade como a pluralidade. Pero polo xeral, a convivencia entre os medios non adoita ser nun ambiente de igualdade. Aquí entra en xogo a política, sempre tan ligada aos medios de comunicación. Os intereses económicos e políticos producen que sempre haxa unha voz dominante que eclipse ás outras. É como unha situación de diglosia comunicativa. Para Silverstone esta situación pode cambiar, porque hai un factor que pode loitar contra os poderes políticos e que vai da man do poder económico: a audiencia. Pero isto é como o can que persegue á súa propia cola. Se non vivimos nun contexto de igualdade informativa, ¿como imos acadar audiencia?
MOSQUERA MONTOYA, ANTONIO 142.E01
“He is not living, he is existing”
The Visitor (Tom McCarthy, 2007) é a fascinante historia de Walter Vale, un profesor de universidade que perdeu toda pinga de paixón na súa vida. Richard Jenkins, nominado ao Óscar como mellor actor por darlle vida a este personaxe, defíneo como “un home só. Non vive, só existe”. De súpeto algo fai que se formule a pregunta que lle ha devolve-lo sentido á súa vida: “¿Que é o que queres facer, Walter? e non ¿que debes facer?”. Así ve Richard Jenkins ao seu propio personaxe:
The Visitor Richard Jenkins Interview
Un día, descobre que unha parella de inmigrantes ilegais está instalada na súa casa. Enganados, Tarek e a súa moza Zainab non teñen onde ir e a Walter non lle queda outra que permitirlles quedar un tempo. Ante o incómodo da situación hai algo que os une: a música. A música e a súa linguaxe de comunicación fai xurdi-la amizade. Tarek apréndelle a Walter a toca-lo djembé e faille enche-lo baleiro existencial que tiña. Aos seus 62 anos atrévese a ser feliz. A música é capaz de cambiar a alguén como Walter Vale.
The Visitor⎢”Drum Circle”⎢TakePart TV – YouTube
Pero a película tamén reflicte a grave situación desta parella de inmigrantes, sen representación na gran cidade, que son vítimas de desprezos e inxustizas. “Eu só quero vivi-la miña vida, toca-la miña música. ¿Que hai de malo niso?”.
The Visitor⎢”I just want to live my life”⎢TakePart TV – YouTube
Por unha banda, un estadounidense sen soños pero con recursos, e por outra, unha parella de inmigrantes sen recursos pero con soños. ¿O elemento de unión? A música.
MOSQUERA MONTOYA, ANTONIO 142.E01