Arquivo do blog

A importancia de quen opina

Un dos grandes problemas da cidade de Pontevedra é a acumulación de tráfico no centro da cidade, o cal se ve triplicado en vésperas de festivos, nos días chuviosos e cando as estradas da cidade están en obras, cousa bastante común, sobre todo actualmente, coas obras do AVE. Dende outubro do ano pasado e ate o día de hoxe, a rúa Loureiro Crespo está cortada ao trafico á altura da Pasarela, xa que se está acondicionando este tramo para o paso do novo tren de alta velocidade. Por enésima vez se ve sobrepasado o prazo para rematar estas obras, xa que nun principio se estimaba que estarían listas para febreiro deste ano.

Obras en Loureiro Crespo

Vista aérea das obras de Loureiro Crespo

O Diario de Pontevedra informa no día do traballador do estado desta reforma, que novamente incumpre os prazos establecidos. María Boullosa, a redactora desta información, comeza citando as queixas que o Goberno Local trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa adxudicataria desta obra. En orde cronolóxico vanse expresando os diferentes puntos de vista de cada bando. Ate aquí todo correcto.

Na segunda parte desta noticia, Boullosa céntrase na opinión dos cidadáns e nos problemas que isto lles crea. É neste apartado onde a noticia frouxea, xa que a opinión dos cidadáns é algo etéreo, porque as súas testemuñas son identificadas como “fontes próximas á asociación de comerciantes”. ¿Non terían que ser os propios cidadáns con nome e apelido os que se queixen da súa situación?. Ademais, o curte na estrada tamén desfavorece aos condutores que día a día teñen que variar o seu traxecto debido a esta reforma e a les nin sequera se refiren.

Deste xeito, e como sucede con moitas outras noticias, parece que as veces importa máis o que di o Goberno Local que o que pensan os afectados que día a día se ven somerxidos nesta clase de problemas.

Cardalda Vidal, CL4X

Ctrl+C Ctrl+V

A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.

Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?

Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.

Pereira Vila, Jorge CLX4