Arquivo do blog
Loitando por unha xubilación xusta
Nesta semana puidemos ver a cara máis combativa da nosa asociación. Na mañá do mércores xuntámonos ben cedo con eles para coller un autobús rumbo á Coruña. O motivo era manifestarnos diante da Facenda Pública contra a problemática das pensións. Ao igual que na semana pasada os protagonistas foron máis dos habituais, pois era a Coordinadora Nacional a que convocaba. O traxecto fíxose curto xa que pasamos a meirande parte do tempo conversando cos retornados. O que comprobamos é que, malia que os lugares de destino coincidan, cada historia é independente da anterior.
Chamounos a atención un home que emigrou a Alemaña dende 1969 ata 1986, fai trinta anos que volveu a Galicia e para nada agardaba atopar esta situación no seu regreso. Sen ser aínda xubilado o problema das pensións non lle afecta directamente pero a solidariedade cos demais emigrantes faino madrugar nunha mañá de mércores para viaxar a Coruña. Vemos como a través destas organizacións se tecen relacións de amizade e apoio, que xusto agora son moi necesarias. A pauta xeral de todos eles é a de sorpresa pola cuestión das pensións, mais hai que dicir que xa levan moitos anos organizados e reclamando igualdade con respecto ao resto de xubilados, polo que a relación entre eles xa viña de atrás nalgúns casos.
Unha vez chegados á praza de Vigo atopámonos cos membros das demais plataformas, algúns xa os coñecíamos da xuntanza anterior. Palabras como “xustiza” e “igualdade” tiñan lugar en cada pancarta, mais o que reflectía á perfección a situación de este colectivo era a súa expresión. Non son persoas acostumadas a este tipo de actos, non estamos afeitos a velos berrar e cos puños en alto. Esa foi a nosa sorpresa. A forza que se foron contaxiando e a enerxía para recorrer Coruña, co seu ritmo lento e coa súa voz ben alta.
A experiencia foi positiva, pois outorgounos unha grande posibilidade de establecer conversas, xa que eran eles mesmos os que viñan a nós ao vernos coa cámara na man. Buscando alguén que os escoite, que lle conte ao mundo o que lles acontece. E que lles conte ao mundo como xuntos están a vencer o sentimento de indefensión. Pois como dixo o presidente de Marusía, Manuel Domínguez, “se unha persoa camiña soa chegará máis rápido, pero se camiñamos xuntos chegaremos moi lonxe”.
A seguinte cita terémola na vindeira semana. Será cun grupo reducido, de tres-catro persoas, para afondar máis na experiencia da emigración no canto do tema das pensións, que é difícil de evitar pois son eles mesmos o que o sacan, debido en moitos casos á gravidade da súa situación.
Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01 , VEIGA FRANCO, MARÍA 143 C05 , TUBÍO REY, OLAIA 143 C04, Rodríguez Bello, Cora 143 C02, Santos Villaverde, Andrea 143 C03