Arquivo do blog

A psicoloxía do retorno

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

 

(…)

A día de hoxe Galiza segue igual que cando Díaz Castro (a quen, por certo, se lle dedica o Día das Letras este ano) a comparou con Penélope, destecendo o que tece polo día. A diferenza está en que moita da xente que enchía os barcos e que el desexaba que volvesen, xa o fixeron. No ano 2006 falábase de que, nos últimos dez anos, retornaran á Galiza 105.567 persoas, o que supuña o 20’89% dos retornados a todo o estado.

O proceso de retorno sen embargo foi silandeiro, sen grandes aparición nos medios nin demasiadas análises ao respecto. No eido psicolóxico os efectos da emigración na poboación galega si foi estudada, destacando os traballos de Cabaleiro Goas (1986). Co proceso de retorno e consecuente adaptación non ocorreu o mesmo.

6. Eu non quería morrer alá, ¿sabe, miña mai

Un dos poucos traballos que se atopan é o libro “Psicopatoloxías do retorno” de Ramón Area Carracedo, que afonda nos problemas de incorporación á sociedade e en aspectos psicolóxicos que afectan ás persoas retornadas.

Este libro analiza o fenómeno, por exemplo, empregando termos psicanalíticos, co que poderíamos chamar o ideal do Eu de Freud. Segundo este, o individuo a medida que se vai desenvolvendo vai abandonado o seu narcisismo primario, desprazando este sobre un ideal. Este sería o ideal do Eu que se forma, non da imaxe dos pais, senón da imaxe do ideal do Eu dos pais, dos educadores ou doutros ideais colectivos. A tarefa do que Freud chama Supereu é similar á conciencia moral, consiste en observar ao Eu actual e comparalo co ideal do Eu. Se na comparación aparecen desfases entre ámbolos dous, o Supereu castiga ao Eu e aparece a culpa e o sentimento de inferioridade.

Para reflectir isto no retorno hai que considerar o momento de volver como un punto final, unha recapitulación e balance do conseguido. Neste momento o encargado de medir toma nota do proxecto final e avalía os resultados, impoñendo rendas e multas aos defraudadores. O Eu síntese entón odiado e perseguido polo Supereu, en lugar de sentirse amado por este. Porén, o Eu en lugar de defenderse confésase culpable e sométese ao castigo.

Ademais da analoxía co tema das pensións e, digamos, a parte máis material do retorno, hai outra faceta interna. E é a que deriva da expresión “facer as Américas”, a consideración de que os que volvían facíano cun traxe elegante e sobre un coche luxoso, véxase Armando de “Libro de familia”. Aqueles que non volvían así tiñan unha sensación de teren fracasado no seu proxecto e mesmo sentimento de inferioridade. De aquí derívase loxicamente a necesidade de comunicación entre eles, para tecer unha rede de apoio e para ver que os que volven en Mercedes son ben poucos.

Aquí vos quedan Mini e Mero cantando “Penélope”.

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04

Os “nadies”, fillos do neoliberalismo

Compañeiras, heivos dicir que na visualización do documental “La dignidad de los nadies” sufrín algún que outro lapsus. Heivos dicir que nalgún momentos non sabía se me estaban a falar de Arxentina no ano 2001 ou do Estado español no ano 2014. Privatización da sanidade, rescates bancarios, ordes do FMI, 25% de persoas en paro… A ninguén máis se lle fai familiar isto? A que se debe tanta semellanza? Pois a que son DERIVACIÓNS NECESARIAS DO SISTEMA NEOLIBERAL.

reinvidica-7

E que é o que máis desexaría este sistema criminal? Que as persoas que expulsa estean marxinadas, relegadas á súa miseria, sen ver que a súa miseria é a de todos e que xuntos teñen forza. Quere a incomunicación. E cal é a mellor forma de incomunicar? Os medios de comunicación, fieis escravos do poder.

“Nosotros vivimos una época de resignación y derrota; el postmodernismo y el neoliberalismo nos inculcaron que no era posible otro camino. Todo ello a través de los medios de comunicación de masas, la verdadera brigada de choque, el bombardeo incesante de ese ejército de comunicadores, periodistas, empresarios, que desde los programas o los noticieros nos enseñaron el camino de la explotación salvaje de los unos contra los otros, o de la servidumbre frente al imperialismo dominante y del desprecio por los valores nacionales; desprecio por la historia, la memoria” – Pino Solanas

Cando hai  milleiros de “nadies” dispersos, fillos do sistema, ninguén os ve. Todos sentimos moita mágoa cando vemos a unha muller sentada na rúa con rostro de desesperanza agardando os dez céntimos que che sobraron do pan, mais a mágoa vaise e a muller sigue alí. En cambio, unidas son unha arma que apunta cara o cambio, como o eran os piqueteros arxentinos.

O documental está cargado destes exemplos, mais non é preciso acudir a el para sabelo. Temos moitos exemplos ao noso arredor, os logros da PAH son un gran exemplo de unión e loita ou os veciños de Sarria que se encadearon ás árbores recentemente. O colectivo co que nós estamos a traballar tamén se dou conta disto, decatáronse de que 18 asociacións de emigrantes retornados que loitan polos seus dereitos son máis fortes xuntando as súas forzas e coordinándose. Aínda así, en moitos aspectos, aínda non somos conscientes da necesidade da nosa unión ou da de loitar.

Cando nunha sociedade hai “nadies”, todos somos “nadies”. Cando vivimos nun sistema no que tantas persoas nacen coa fame baixo do brazo, todos somos “nadies”. Somos “nadies” por ter todos a nosa pequena pobreza, a nosa revolución pendente para loitar polos nosos dereitos, pero sobre todo sómolo (ou debéramos selo) por solidariedade. Pola mesma pola que debéramos de combater ao lado de quen máis padece estas inxustizas.

Déixovos as palabras de Eduardo Galeano en forma de pequenos relatos para estas vacacións de carnavais:

http://www.pagina12.com.ar/2001/01-12/01-12-30/contrata.htm

E un vídeo no que fala deses “nadies” de forma moito máis bonita do que eu o fago:

Boas vacacións e, xa sabedes, comuniquémonos e loitemos.

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04

Nostalxia: a dor dunha vella ferida

Non será necesario afondar demasiado na trama da película “No”, xa que o fixeron antes outras compañeiras. En liñas xerais, pódese sintetizar que o centro da mensaxe é o poder da palabra. Máis que da palabra pode que da mensaxe en xeral, da creación dunha mensaxe atractiva.

A idea para articular a mensaxe digamos que se pode sustentar nun contido máis profundo e duro de tratar, como sería neste caso falar das torturas, da represión ou da dor en xeral; ou ben apelar a unha emoción, a un desexo. Que é o que as persoas de Chile máis botaban en falta? Cal era a súa nostalxia, a súa dor? A alegría. Unha vella ferida. Búscase librar a un pobo do medo que leva sufrindo durante anos e concentrar todas as promesas de todo o bo nunha única palabra, “no”, e nun único acto para acariciar a alegría, votar.

Mais como o que se está a prometer é a alegría, un concepto xeral, que se supón vai nacer coa democracia, estase a vender unha idea que non se deriva necesariamente. O protagonista, o encargado de orquestrar os 15 minutos de alegría televisiva, sábeo. Para el, o proceso de vender este produto (porque ao final a democracia véndese como iso, como un microondas) non vai a culminar nun verdadeiro cambio. Isto exemplifícase na repetición da frase: “O que van a ver a continuación está enmarcado no contexto social do Chile actual”en tres momentos moi diferentes, un deles ao final da película, para vender a mesma idea as tres veces. Porén, dedúcese que pouco cambiou trás a vitoria. Unha vitoria, por outra parte, que no filme se lle atribúe a un grupo de publicistas unicamente, cando a maior vitoria é a do pobo.

el-roto-espacio-reservado-para-publicidad

Ao pensar no fondo do asunto, no poder da publicidade e dos medios (que moitas veces acaban sendo publicidade tamén) a cousa asusta. E é que teñen a capacidade de controlar de forma implícita a nosa concepción da realidade, sobre a cal din que se fundamenta a nosa liberdade. Non hai máis que ver o exemplo de Goebbels, o ministro encargado da publicade na Alemaña nazi, que aínda que se cuestione se realmente foi tan importante na construción do discurso nazi, deixou escritos once principios para a propaganda, cos cales se poden analizar moitos métodos da comunicación de hoxe en día. E isto asusta. Asusta dobremente porque non é só que teñan o poder de facernos crer algo, de crearnos unha emoción, é que tamén o teñen para o contrario, para ocultala, para facer pasar por normais cousas que non o son. Que as inxustizas parezan menos inxustas, que o anormal sexa máis normal. Desconfíen e pensen, sempre.

“Sobre todo examinen o habitual. Non acepten sen discusións as costumes herdadas. Ante os feitos cotiáns, por favor, non digan: “É natural”. Nunha época de confusión organizada, de desoren decretado, de arbitrariedade planificada e de humanidade deshumanizada… Nunca digan: “É natural”, para que todo poida ser cambiado.” – Bertolt Brecht

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04

De minorías, maiorías e violencia

Benvidos, estamos no s.XXI, somos os fillos da historia, vivimos baixo un marabilloso sistema que conseguiu romper coas fronteiras, que fixo que todos sexamos “libres” e que todos teñamos igualdade de oportunidades.

Deriva da propia dinámica do sistema a creación de minorías, moitas das veces marxinadas, ao non ser capaz de integrar no seu seo as diferentes particularidades ou inquedanzas. Mais é na organización e actuación destas minorías onde está a posibilidade de facer fronte ao sistema. O problema radica en cando son privadas de voz ou, o que é peor, sometidas a distorsións por parte dos medios. Disto é do que parte o texto de Raquel de Paiva, de como acadar proxectos reais que se consoliden nunha renovación da realidade social.

Mais para acadar isto compre afastarse da prexudicial dinámica de acudir á violencia como forma de facerse ver, unha violencia carente de obxectivo e trasfondo útil, unha dinámica fomentada polos medios de comunicación, que funcionan máis como monicreques do poder económico que como reflexo da sociedade. Si, esa violencia que tan ben senta nas portadas.

27

Lacan chamou Passsage àl’acte a un movemento impulsivo á acción que non pode ser traducido ao discurso ou ao pensamento e que implica unha intolerable carga de frustración. É dicir, a asunción da violencia como admisión implícita de impotencia. É contra esta impotencia contra a que hai que loitar e cristalizala en accións transformadoras. Quizais por iso os medios buscan a fragmentación. Quizais non lles compense un cambio real.

Isto faime pensar nos altercados sucedidos na folga do 20F. Uns altercados que nacen dunha impotencia, para min, completamente comprensible. Achámonos nunha situación na que, en diversos ámbitos (ben como estudantes, ben como mulleres, ben como galegas) vemos como as nosas inquedanzas non son asumidas por un poder que xa hai moito pechou os ollos de cara a sociedade. Ante esta impotencia a reacción violenta ten asegurada un titular no xornal do día seguinte. Fin. Porén, o interesante é organizarse e loitar conxuntamente con un discurso ben estruturado. Facerlle ver aos que queren esmagar os nosos dereitos que somos nós os que imos ter a última palabra sobre eles. Porque a loita si é o único camiño.

En paralelo á existencia destas minorías dentro das sociedades existe unha gran maioría obviada. E é que agora volvémonos a ruborizar coas mortes de inmigrantes, mais estas mortes son froito dunha política que non é nova, que vén de atrás, e que se cimenta nun muro dende 2005. Aquí está a marabillosa globalización. Aquí está a marabillosa igualdade e liberdade (de mercancías, claro). Aquí está o muro de Ceuta, o muro de Gaza, o muro do Sáhara e tantos outros muros. E aquí están os marabillosos medios de comunicación para ofrecer imaxes arrepiantes pero non para contribuír a que algo cambie.

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04

“Todos somos emigrantes”

DSC_5853

“Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no destero

e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!”

(Celso Emilio Ferreiro)

“Todos somos emigrantes” contounos hoxe á mañá unha muller retornada, que sofre o problema das declaracións de pensións do exterior. Mentres a cicloxénese “Ulla” descargaba toda a súa forza ás portas da Facenda, nós escoitábamos a situación desta muller, a situación de vivir con fillos que non atopan emprego e de sobrevivir coa súa pensión como fonte de ingreso. Malia isto, a pensión procedente do estranxeiro non é demasiado elevada polo que o que foi obrigada a pagar considera que é pouco, que o seu caso non é dos máis graves, pero que, con todo, o sentimento de solidariedade está por riba.

A asociación Marusía promoveu unha manifestación esta mañá perante as portas de Facenda que culminou coa entrega nas oficinas de alegacións asinadas por varios afectados. A asociación organiza, ofrece consello e vías de loita a persoas que se viron desarmadas fronte a unha política que non chegan a entender. Que ninguén chega a entender. Con todo, máis alá da organización hai unha gran comunidade que se crea dende o momento en que unha persoa é obrigada a irse fora. Son persoas que non se coñecen, que non comparten destino receptor pero que todas elas sufriron, dende diferentes lugares e situacións, o mesmo problema, polo que dende o momento que un pé está fora da nosa terra aparece un sentimento de solidariedade e empatía de xeito automático. Un sentimento que hoxe é máis necesario que nunca, porque cando os que combaten están unidos a esperanza érguese con máis forza. E cando a solidariedade se espalla, comprendemos que, ao fin, “todos somos emigrantes”.

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04