Arquivo do blog

A importancia de quen opina

Un dos grandes problemas da cidade de Pontevedra é a acumulación de tráfico no centro da cidade, o cal se ve triplicado en vésperas de festivos, nos días chuviosos e cando as estradas da cidade están en obras, cousa bastante común, sobre todo actualmente, coas obras do AVE. Dende outubro do ano pasado e ate o día de hoxe, a rúa Loureiro Crespo está cortada ao trafico á altura da Pasarela, xa que se está acondicionando este tramo para o paso do novo tren de alta velocidade. Por enésima vez se ve sobrepasado o prazo para rematar estas obras, xa que nun principio se estimaba que estarían listas para febreiro deste ano.

Obras en Loureiro Crespo

Vista aérea das obras de Loureiro Crespo

O Diario de Pontevedra informa no día do traballador do estado desta reforma, que novamente incumpre os prazos establecidos. María Boullosa, a redactora desta información, comeza citando as queixas que o Goberno Local trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa adxudicataria desta obra. En orde cronolóxico vanse expresando os diferentes puntos de vista de cada bando. Ate aquí todo correcto.

Na segunda parte desta noticia, Boullosa céntrase na opinión dos cidadáns e nos problemas que isto lles crea. É neste apartado onde a noticia frouxea, xa que a opinión dos cidadáns é algo etéreo, porque as súas testemuñas son identificadas como “fontes próximas á asociación de comerciantes”. ¿Non terían que ser os propios cidadáns con nome e apelido os que se queixen da súa situación?. Ademais, o curte na estrada tamén desfavorece aos condutores que día a día teñen que variar o seu traxecto debido a esta reforma e a les nin sequera se refiren.

Deste xeito, e como sucede con moitas outras noticias, parece que as veces importa máis o que di o Goberno Local que o que pensan os afectados que día a día se ven somerxidos nesta clase de problemas.

Cardalda Vidal, CL4X

Camiñar, escoitar e falar coa cidade

Para gozar ao máximo da vida na cidade hai que intentar coñecer cada un dos seus segredos, para así poder chegar a comprendela. A cidade é algo dinámico, que nace, que medra, que se reproduce e que incluso pode chegar a morrer. Que unha cidade sexa o que é débese aos seus habitantes, aos cidadáns que día a día moldean a cidade.

É case imprescindible para os cidadáns coñecer correctamente o lugar onde viven, xa que isto facilitará o seu transcorrer diario. Deste mesmo xeito, para un xornalista tamén é preciso coñecer o lugar sobre o que vai a informar.

Pontevedra dende A Caeira (Poio)

Vistas da cidade de Pontevedra dende o mirador de A Caeira (Poio)

Na miña curta experiencia como xornalista decateime de que é un requisito fundamental. Como vas a falar das cousas que acontecen na cidade se non coñeces o seu ritmo de vida? Como vas a informar aos veciños dos acontecementos se non hai unha memoria histórica que che axude a comprender certas cousas? Como vas situar os feitos se non coñeces as rúas e estradas?

Un xornalista debe ser ante todo un cidadán, unha persoa comprometida co avance da súa cidade, que coñeza as costumes, as tradicións, as queixas, as satisfaccións e a maneira de pensar dos seus veciños e, deste xeito, establecerase unha relación horizontal. Pero o reporteiro non pode esquecer os seus principios como informador, debe ser honesto, non debe tomar partido nos acontecementos, debe ser obxectivo (aínda que hai diversidade de opinións), debe contrastar sempre a información e ten que ser veraz.

Por último, o xornalista terá que demostrar se está á altura dos tempos que corren. A figura do redactor morre e nace a figura do informador polivalente, que ademais de crear un texto lingüisticamente perfecto sabe sacarlle todo o partido ao soporte elixido, que habitualmente soe ser a rede.

Xornalistas, deixémonos contaxiar das cidades e dos seus habitantes e somerxámonos por completo no mundo sobre o que imos a informar, xa que para falar con coherencia é preciso estar ben preto do que nos rodea.

Cardalda Vida, CL4X

Como se fala dos malos actos dos grandes cargos

A Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra está no punto de mira da actualidade local por unha suposta irregularidade nas súas contas. Simplemente con esta frase sabemos que se trata dun tema complicado de cubrir, xa que se fala dun suposto “trapicheo” no que está involucrado un alto organismo público.

Segundo nos informa o Diario de Pontevedra, a Fiscalía Provincial estudará os pagos entre a entidade Cameral e unha empresa brasileira debido a unha denuncia feita dende a Cámara. Estes son os actores implicados na trama. Son as nosas mellores fontes. Pero o xornal do Lérez só recolle testemuños do Fiscal, deixando a un lado as voces dos afectados. Negáronse a falar, os xornalistas non puideron contactar con ninguén ou simplemente pasaron desta tarefa?

Nembargantes, aparece en seis ocasións son fontes veladas (“fontes consultadas” e “fontes solventes”). O non coñecer á procedencia da información pode supoñer un obstáculo no lector á hora de crer unha noticia, cousa que se podería solucionar se o texto ofrecido fora claro.

Primeiro explícase o que está pasando, despois faise referencia o contrato estipulado entre a Cámara e a empresa e, por último, explícase como se levará a investigación. A separación é correcta, pero non a forma de explicalo, xa que o público ao que vai dirixido (que son tamén os axentes afectados) pode non comprender a linguaxe técnica que se emprega.

Estes son erros moi comúns que se producen ao tratar un tema de importancia con tanta rapidez. O xornalista non ten tempo de madurar tanta información para narrala de xeito correcto e ordenando, levando así o seu caos ao papel. Aínda así cabe resaltar o información adicional sobre o tema (as actuacións dalgúns integrantes da Cámara e o estudo que realizará o Consello Galego de Contas a estas entidades), aínda que non nos ofrece un contexto inicial claro.

A actitude xornalística

Cardalda Vidal, CL4X

O lugar que ocupan os lectores

Pontevedra, 117 quilómetros cadrados onde máis de 82.000 persoas camiñan día a día creando o seu xeito de vida. Resulta complicado para un medio poder seguir toda esta actividade, pero isto aínda se pode dificultar máis se engadimos tamén as comarcas máis próximas como Poio, Sanxenxo, Vilagarcía, o Morrazo, Pontecaldelas, Soutomaior…

Ponte dos Tirantes

Como pode un medio (un xornal, por exemplo) camiñar polos sendeiros que crea a cidadanía? O Diario de Pontevedra responde con fotografías e con páxinas de especiais, aínda que isto só se produce na edición impresa.

Explícome. As dúas últimas páxinas da sección “Gente a diario” están dedicadas ás fotos en grupo que envían os lectores das súas vodas, bautizos, comuñóns, cumpleanos, despedidas de solteiros, reunións familiares, comidas de amigos…

Na Revista, o suplemento da fin de semana, podemos atopar unhas catro páxinas cheas de pequenas fotografías de diferentes actividades que tiveron lugar na última semana, como romarías, feiras e festas de todo tipo. E, como no podería ser menos, no suplemento MiniDiario os máis pequenos tamén son protagonistas dunha páxina.

Pero para completar con éxito o achegamento á vida cotiá dos viandantes de Pontevedra e dos seus redores, o diario ofrece pequenos especiais sobre distintas festas tradicionais xa consagradas. San Bieito de Lérez, a Festa do Mar de Poio, a Festa da Raia en Sanxenxo… teñen unhas páxinas especiais, que serán máis ou menos segundo a importancia do evento.

Pontevedreses, que medio nos coñece mellor? Que medio nos permite formar parte dos seus contidos?

Cardalda Vidal, CL4X

Ponte.tv: a praza da Peregrina virtual

Logo

Unha vez máis, as tecnoloxías xogan a favor dos medios de comunicación. O pasado 5 de marzo naceu en Pontevedra un novo proxecto virtual chamado “Ponte.tv, a túa cidade na rede”. Este novo portal de información audiovisual recibiu máis de 15.000 visitas en apenas dez días.

A cidade de Pontevedra vese representada na rede neste novo proxecto, levado a cabo por catro profesionais da cidade que contan cunha ampla experiencia na comunicación e no audiovisual. Os seus creadores queren facer deste espazo “unha praza da Peregrina na Internet, onde, pouquiño a pouquiño, a cidadanía, os emprendedores, os artistas, os músicos, os clubes deportivos, colectivos e organismos públicos e privados máis diversos atopen unha nova canle de comunicación audiovisual e xornalística innovadora de calidade”.

Esta plataforma, habilitada tamén para dispositivos móbiles, oferta breves pezas audiovisuais sobre a cidade, a cultura e o deporte sen voz en off, xa que esta é substituída polas voces plurais dos cidadán do municipio e da comarca,

Así, este espazo informativo acaba de recibir a calificación de Iniciativa de  Emprego Local (ILES). Isto significa que o Concello de Pontevedra e a Consellería de Traballo da Xunta axudarán en todo o posible a este novo medio emerxente. Por outra banda, esta plataforma debe cumprir tres requisitos: ser viable, innovadora e xerar emprego.

Cardalda Vidal, CL4x

Fagamos cidade

Se observaramos o contido de tódolos xornais galegos durante un ano, posiblemente non habería un só día no que non houbera información procedente de asociacións cidadás.

Por exemplo, esta fin de semana (23, 24 e 25 de marzo) celebrouse na Praza de España de Pontevedra a I Feira do Pan, promovida pola Asociación de Panadeiros Artesáns da cidade. Aínda estando en tempo de crise, as asociacións atrévense con novas iniciativas, que se ven reforzadas pola publicidade e polo apoio dos medios, que incorporan esta clase de eventos ás súas axendas. O Diario de Pontevedra recolle unha ampla panorámica do acontecido na fin de semana: presentación, e desenlace.

Este é un dos exemplos máis comúns de como as comunidades participan na vida diaria da cidade. Uns profesionais dun determinado sector ofertan una serie de actividades lúdicas e ociosas para o divertimento dos cidadáns. Pero estas organizacións teñen moitas outras funcións: denunciar, levar a cabo actividades culturais ou educativas, potenciar e coidar espazos naturais…

De feito, existen tantas comunidades como intereses poidan telos cidadáns e o número de estas organizacións non deixa de medrar. Así, esta fin de semana, de novo en Pontevedra, os furancheiros de toda a provincia (e non só da cidade) decidiron unirse para legalizar a súa actividade ante o goberno autonómico.

A cidade vibra cos pasos dos seus cidadáns. Cada pisada conforma unha realidade que fai medrar o entorno no que nos atopamos.

 Cardalda Vidal, CL4X

Buscando no baúl dos recordos remexidos

O rápido viaxar do tempo e a gran cantidade de información que manexamos son grandes obstáculos para a nosa memoria. Falar dun suceso acontecido fai anos resulta difícil, pero aínda se complica máis cando se trata dun proceso xudicial.

NarcotraficanteO pontevedrés, Manuel Franco Argibay, antiguo abogado do narcotraficante Pelopincho, está sendo xulgado por delitos acontecidos fai doce anos. A implicación na “Operación Cormorán” (ver documental), a estafa continuada e a súa fuga ante a Xustiza son algúns dos delitos cometidos polo letrado. A labor dun bo xornalista vese reflectida en casos coma este, no que hai que mesturar pasado e presente para ofrecer así unha lectura amena cunha visión clara e realista do asunto.

O Diario de Pontevedra realiza un seguimento constante de este tema chegando incluso a publicar información en exclusiva. A lista de cargos de Franco Argibay,  a confesión con respecto a “Operación Cormorán”, a pescuda sobre as estafas continuadas e un perfil completo da súa figura caracterizan as publicacións deste xornal.

Pola súa banda o Faro de Vigo tamén realiza un bo seguimento desta noticia, sobre todo no tocante os xuízos, xa que realizan un resumo claro para o lector.

Para finalizar, La Voz de Galicia non lle da tanta importancia a este tema, ségueo só nos momentos de máxima actualidade e non realiza unha pescuda tan constante como nos anteriores casos. O perfil que este xornal realiza sobre o avogado pontevedrés é tan breve, escueto e difuso que carece de interese.

Cardalda Vidal CL4X