Arquivo do blog

Isto é un atraque

Dous foron os transatláticos que arribaron hoxe á Estación Marítima de Vigo: o AIDAluna e o Independence of the Seas. Esta escala múltiple desembarcou na cidade olívica un total de turistas que ronda as 6.000 persoas, mentres que a tripulación de ámbalas naves se achega á cifra de 2.000. O presidente da  Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, aproveitou este encontro turístico para anunciar que este ano os vigueses verán outros 12 atraques múltiples con dous, tres ou incluso catro cruceiros repletos de pasaxeiros que atendan as súas ganas de mercar no centro comercial A Laxe ou no mercado da Pedra, pasando polos restaurantes a meterse unha boa tapa de mariscada. Estas embarcacións chegan xuto despois de que onte fixese escala no mesmo porto o Oceana, que transportaba preto de 2.000 persoas a bordo, dende Valencia ata Southampton.

Turistas do Oceana onte en A Laxe

Estas tres visitas tan impresionantes, tanto para a economía costeira como para a vista dos curiosos, son parte das 110 escalas de transatlánticos acordadas pola Autoridade Portuaria. Esta cifra sería algo menor ao do ano 2011, que destacou por contar con 118 atraques turísticos desta envergadura. Sen embargo, a pesar deste descenso no número de escalas, o total de turistas previsto para este ano 2012 non deixa de ser importante: uns 266.000.

E así é cómo Vigo abre as súas portas marítimas ao mundo: ofrecendo escalas a navíos máis que repletos de estranxeiros (na súa maioría xubilados cun forte desexo de ver mundo) que son guiados, igualiño ca tenreiras ao matadoiro, cara as tendiñas, bares e restaurantes que forman as zonas máis ricas do centro urbano. Estas visitas, que apenas duran unhas horas, aprovéitanse pouco ou nada dos verdadeiros encantos vigueses, como son o descoidado Casco Vello ou as praias. Porque, sexamos sinceiros, os que realmente non saben nada de Vigo son os que veñen de rebote ou, en palabras máis na onda da xerga da Autoridade Naval, de escala.

Pereira Vila, Jorge CL4X

Menos resíduos no porto de Vigo

Faro de Vigo destacaba o pasado 1 de marzo a comparecencia público do presidente do Porto de Vigo, Ignacio López-Chaves, que aseguraba que a cantidade de vertidos contaminantes atopados nas augas da zona portuaria reducírase un 68% dende 2008, pasando de 98 a 33 toneladas. Durante a comparecencia, celebrada a bordo da embarcación ‘Pelican’, barco da empresa Botamavi – Segem que realiza a labor de limpeza nesta zona, López-Chaves, seguindo co discurso de alabanza, tamén destacou a total desaparición dos vertidos intencionados -ademais da redución dos vertidos accidentais- grazas ao establecemento de sancións contra a contaminación de orixe humana.

O navío 'Pelican'

Como datos de interese, cabe destacar que o contrato de empresas de limpeza e a propia actividade de descontaminación da Autoridade Portuaria custa a este organismo uns 2,5 millóns de euros ao ano e que a nave ‘Pelican’ recolle entre 600 e 700 quilogramos de lixo flotante ao día en roldas de 6 horas, este dato destacado nun titular da edición viguesa La Voz de Galicia do mesmo día.

Tendo en conta esta seria labor de limpeza da zona portuaria da cidade olívica, sería interesante coñecer canto esforzo e cantos fondos se destinan á limpeza do total da ría e quen ten a competencia sobre esta actividade; porque tan importante é a boa presenza do porto de Vigo coma a conservación dos nosos mares.

Pereira Vila, CL4X