Arquivo do blog

Asuntos privados dos cargos públicos?

O pasado domingo a cabeceira compostelá El Correo Gallego adiantaba que o alcalde Gerardo Conde Roa dimitiría do seu cargo, como se leva esixindo dende certos sectores da cidadanía e os grupos da oposición dende que se coñeceu a súa imputación por defraudar case 300.000 a Facenda. O código ético do xornalista recolle que este non debe traspasar a fronteira entre os asuntos privados dunha persoa cos seus asuntos ou cargos públicos, mais moitas veces a situación desta fronteira é obxecto de debate, as máis das veces interesado.

Non se pode comparar a vida sexual dunha persoa, as desavinzas dentro da súa familia ou casos polo estilo con, por exemplo, o seu oficio ou, neste caso, coa súa propiedade. No eido local isto cobra especial relevancia, sobre todo nas localidades pequenas como é o caso que nos ocupa, pois o tópico de que “todos nos coñecemos” e “ao final todo se acaba sabendo” toman especial relevancia. O xornalista debe distinguir entre eses primeiros asuntos que poderían resultar moi escandalosos e que de seguro lle interesarían a moita xente mais, e isto é o importante, non son de interese público; e os asuntos que si o son. Aquilo que atinxe ao pasado profesional, a carreira, ou a propiedade dun cargo público si que é de interese público, polo simple feito de que os intereses que van parellos a esa propiedade van incidir directamente no desenvolvemento do seu cargo electo.

Conde Roa fixo ben en dimitir e, os xornais que o presionaron, sempre movidos por unha variedade de motivos e intereses, fixeron ben en presionalo, pois a información que atinxe á súa empresa e ao seu fraude era de interese público, pois ao defraudar ao Estado estás defraudando a toda a cidadanía que sí que paga impostos para manter o ben público.

Ríos, Raúl cl4x