Arquivo do blog

Conde Roa e Leo Bassi, local e global

Este martes circulaba polas redes sociais de todo o Estado a noticia de que o alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, cancelara a actuación do humorista Leo Bassi. Tamén se fixeron eco os principais medios de comunicación galegos. Aínda que nun primeiro momento o rexedor xustificara a cancelación coa coincidencia doutras propostas no programa, rematou por recoñecer que era el o que persoalmente non gostaba do artista: “Leo Bassi me produce especial repugnancia”. De aí desprendeu que non había ningún interese en que “a cultura compostelá se identifique con este tipo de humor”.

Podemos ver as claras conexións que se producen entre o eido local e o estatal ou global, que hoxe en día se ven máis aceleradas, case que súbitas, grazas ás redes sociais que permiten a participación da comunidade cidadá. Por unha banda, está a cidadanía do local, de Santiago, que se fai eco da nova e, pola outra, o propio humorista Leo Bassi, que aproveita para brincar co tema subindo ao seu facebook unha popular foto de Conde Roa bailando o pasado nadal coas Mamás Noel, co pé de foto “Aquí Alcalde de Santiago de Compostela, señor Conde Roa en una de sus propuestas culturales por su ciudad“ (http://on.fb.me/GUr77g). Ademais da brincadeira, Bassi cualificou a cancelación da súa actuación como “censura”.

Deste xeito, unha nova de trascendencia local, que nun principio só afectaría á festa da Ascensión de Santiago, adquire eco alén da comunidade da cidade, chegando a outros usuarios que adaptan a mensaxe ás realidades de seu (que en parte coinciden coa de Santiago, en tanto que fai parte do Estado español e está gobernada polo PP, mais tamén con temáticas locais propias). Un usuario comentaba na rede social: “Es que esto es la cultura para el PP. El pasado invierno la única oferta cultural de Oviedo fue la Ópera y… “Bob esponja, el musical”, relacionando a nova coa súa cidade, Oviedo, e cunha realidade de nivel estatal, as propostas culturais do PP.

Ríos Rodríguez, CLX4