Arquivo do blog
“Tamén hai que comer”
Co primeiro de maio chegan con máis forza ca nunca as reivindicacións dos traballadores e dos empregados, as persoas que a cada día que pasa teñen menos seguridade no seu porvir e no dos seus seres queridos. O benestar e a dignidade do pobo xóganse nunha partida de dados allea a el. ¿Somos escravos ou somos homes e mulleres en posesión dos nosos destinos? ¿E os xornalistas? Recentemente estivemos observando como co paso do tempo os medios máis exitosos son aqueles que venden noticias, que empregan as súas forzas e o seu tempo en cubrir e informar das banalidades e dos produtos dos seus investidores e colegas no poder. Non hai interese por descubrir, por revelar, por destapar o que xace na outra cara do entorno público e do merchandising. Un xornalista ten que gañarse o seu pan, pero ¿de qué modo?

Fina ironía
O xornalista ideal -especime raro e de escasa notoriedade- debería pensar no seu beneficio en canto que é capaz de salvar ao seu amigo cidadán da ignorancia. O acto da comunicación debe servir a un propósito verdaderamente útil para os interlocutores: o receptor está ao tanto dos feitos que por si mesmo no pode presenciar e o xornalista gaña un público educado e, tamén, algún que outro ducado (3. Nome de numerosas moedas antigas de ouro, varios países). O xornalista ten que manterse cos fondos necesarios para vivir e realizar a súa labor -¿para qué enganarnos?-, mais sempre elaborando información non fraudulenta, sen intencións ocultas… en definitiva, sen venderse a cambio dun trato favorable coas altas esferas, sempre desexosas de comprar xornalistas paraque falen de tódolos chanchullos agás dos seus.
Os xornalistas deben coidarse de non morrer de fame, e coidarse de non traballar para outro xefe que non sexa o cidadán ou o desvalido.
Pereira Vila, Jorge CLX4
Circus Maximus
Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.
A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.
Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.
Pereira Vila, Jorge CLX4