Arquivo do blog

Xenocidio, epistemicidio e Grosfoguel

Por qué o mundo, e con el as universidades, entendidas como centro de produción da elite intelectual, se configura baixo o pensamento de catro ou cinco homes (non mulleres) que, casualmente, son centroeuropeos? O sociólogo puertorriqueño, Ramón Grosfoguel ten a súa teoría, un pensamento que afirma non ser unha verdade absoluta, posto que non cree que haxa ninguén que aglutine as capacidades para producir un dogma, unha crenza ou un pensamento irrefutable.

A teoría de Grossfoguel baséase no colonialismo, no xenocidio, no epistemicidio e na encomenda para explicar a hexemonía centroeuropea cara o resto de países que foron colonizados. A historia comeza na reconquista de Al-Ándalus. O cristianismo ensaiou neste contexto as prácticas que serían levadas ó outro lado do Atlántico para subxugar ós indíxenas americanos. Unha vez que remata a guerra ponse en práctica a encomenda; as terras sonlle expropiadas ós árabes para repoboar o territorio con xente do norte da península. A finalidade era convertir a tódolos pagáns en cristiáns e, o que se negaba, morría. Os que aceptaban a nova fe, ós que chamaban moriscos, pasaban a ser escravos dos comendadores, obrigados a realizar traballos forzados e sempre vixiados para controlar calquera hábito que cheirase a cultura musulmá. A idea era devastar a cultura musulmá, coa fin de impoñer un pensamento foráneo nos conversos.

Estas prácticas aplicáronse nas colonizacións de Centroamérica. Tal caso é o dos maias, unha civilización que levaba anos de vantaxe a Europa, tanto en infraestruturas como en coñecemento. Cando Cristobal Colón desembarcou da carabela, o primeiro que anotou no seu diario, referíndose ós indíxenas, foi: “é un pobo sin secta”. Naqueles intres, non ter relixión en Europa significaba non ter Deus; non ter Deus implicaba non ter alma, e non ter alma era unha testemuña de que non se era humano, polo tanto, os indíxenas quedaron relegados á categoría de animais ós ollos do cristianismo. Neste momento ábrese en Salamanca un gran debate de anos de duración, sobre a natureza dos indíxenas e a xustificación da conquista ós ollos de Deus. Existiron dúas propostas: tratábase de bárbaros sen alma, polo que deben ser cristianizados (traducindo isto nun epistemicidio e destrución da cultura autóctona), ou son pobos sen alma cun ADN diferente, polo tanto son animais. Finalmente, optouse pola segunda opción, o que levou non só a unha disputa teolóxica, senón ó racismo, posto que non eran considerados persoas humanas.

Digna de mención é tamén o xenocidio e epistemicidio que se produciu en África co secuestro de miles de persoas para trasladalas como escravos ás Américas. Alí, os que antano foran homes libres, carecían de dereitos e eran vendidos ó mellor postor. Como é evidente, non se lles permitía manifestar as súas crenzas nin os seus saberes, destruíndo pouco a pouco a súa identidade cultural. Na propia Europa tamén se produciron grandes aberracións. Falo da época da caza de meigas por ter coñecementos diabólicos. Estas non eran se non mulleres que coñecían as artes indíxenas: menciña, astroloxía, bioloxía… grazas á tradición oral. Como non existían libros que contivesen estes saberes, había que queimar o único soporte no que estaban “impresos”. Os corpos de centos de mulleres inocentes.

Así a historia da cultura centroeuropea é a historia do xenocidio, do epistemicidio, da imposición dunha cultura que se pensa superior sobre outra á que considera subordinada á súa. Tal foi o egocentrismo da sociedade Centroeuropea que se desenvolveron filosofías asentadas neste pensamento de superioridade contra outras epistemoloxías. Así Descartes cando fala do “eu” está extrapolando os atributos do deus cristián á humanidade, ó humano que neste caso é o cidadán centroeuropeo.

A historia nunca é obxectiva, porque son os gañadores os que escriben os libros e deixan constancia do sucedido segundo mellor lles conveña. Os grandes imperios, as nacións, nacen da imposición dunha cultura sobre outra, entendida como inferior, á que hai que dominar, á que hai que dicir o que é verdade e o que non, á que hai que adoutrinar para que non se perda e arda nos lumes do inferno. A sorte estivo de lado da sociedade centroeuropea, que esquilmou, devastou e impuxo as súas crenzas e a súa episteme  sobre o resto de culturas, aniquilando o pensamento e o saber facer do resto. Por iso atopámonos nun mundo rexido por ideoloxías occidentais, no que a universidade é occidentalizada e o estudio do mundo limítase a catro ou cinco autores, que evidentemente son centroeuropeos, os cales deciden as verdades absolutas e o ben maior.

FUMEGA GONZÁLEZ ROBERTO   151.A05