Arquivo do blog

Ti es o milagre da terra e a terra é un milagre teu

EMIGRAR: Deixar o propio país ou o lugar de orixe, para establecerse noutro, en particular por razóns de traballo.

Alén do que poidan dicir as academias, os galegos ben coñecemos o significado da palabra emigrar. Familias partidas pola metade, pais que non ven aos seus fillos, fillos que non ven aos seus pais… Por iso, e despois dunha extensa documentación, estando tan presente o tema na nosa sociedade, decidimos escoller como material de traballo as relacións entre os emigrantes retornados, para o cal nos servimos da axuda da asociación Marusía.

IMG_1004

Despois de contactar co presidente da asociación, Manuel Domínguez Rial, este convidounos a asistir a unha palestra na que se presentou o principal foco de actuación da asociación: o conflito cas pensións do estranxeiro. Alí, despois dun longo camiño pola sempre en obras rúa de San Pedro, chegamos ao lugar de encontro dos retornados. Na porta tivemos a primeira toma de contacto con eles. Ao entrar, dímonos conta de que o lugar era un sitio humilde, case tanto como as persoas que alí se atopaban. O lema “Semente espallada polo mundo que retornamos a Galiza” inundaba as paredes xunto con fotografías cun ton melancólico. Un pequeno espazo para unha gran causa.

IMG_0973

Despois de que o presidente falara do tema das pensións, abriuse un pequeno debate para compartir opinións e o caso de cada un. As reaccións dos retornados foron moi variadas. Mentres uns alzaban a voz e perdían os nervios, outros asentían compracidos co que oían os seus oídos e a esperanza que lles facía chegar o tamén retornado Manuel Domínguez. Para rematar, comunicáronse as datas dos vindeiros actos. DSC_5704

DSC_5689

O primeiro deles chegaría unha semana despois, acompañado da enésima cicloxénese explosiva. Dende hai unhas semanas os membros da organización, ademais de recoller firmas para unha ILP, estiveron xuntando reclamacións para entregar en Facenda. O acto en si pode que non vaia supor unha mellora real na situación, mais é unha mostra de unión e apoio, unha mostra de que non se esquecen do que están a sufrir. Reuníronse na entrada da oficina para salvagardarse da furia do tempo e, mentres non se procedía á entrega dos papeis, compartiron a súa experiencia con nós. Todos coincidían nunha cousa; a eles ninguén lles dixo que tiñan que afrontar pago algún en todas as ocasións que fixeron a súa declaración e agora a facenda estálles reclamando diñeiro dende o 2008. Cando todo o mundo ten a mesma queixa é por algo.

DSC_5843

Unha vez entregadas as firmas, desplegaron unha pancarta na porta do edificio durante uns minutos e despois diso puxemos rumbo á casa, coa pena de que o tempo non permitira unha maior afluencia á convocatoria. Mañán imos acudir a unha nova reunión e iremos informando de como avanza o traballo da asociación.

                                                                                                                                      Sempre tentando ser o reflexo deses retornados.

DSC_5669

143 COO

Tornar á vida galega

Imagen

Non é necesario facer mención de forma específica ás diferentes situacións ás que estiveron sometidos os emigrantes galegos. Dificultades tales como o descoñecemento da lingua do país receptor e a falta de adaptación das institucións e da poboación en xeral resultan evidentes en canto á problemática dos emigrantes, tanto dos de antes coma dos de agora. Malia isto, hai un factor que coincide tanto para aqueles que emigran como para aqueles que emigraron e volveron ao seu país: a ausencia de políticas de acollida que asesoren aos mesmos sobre o funcionamento das institucións. Claro exemplo é o problema das pensións aos que se ven sometidos os emigrantes galegos retornados. Facenda reclama a tributación das pensións non declaradas dende o ano 2008. Lonxe de evitar conflitos e poder así garantizar o bo funcionamento da Administración Pública, o dereito á información que debería estar latente en todo momento non ten cabida neste tipo de accións. Así pois, é necesario buscar unha unidade, porque non debemos esquecer que ao loitar por eles estamos loitando tamén por nós. Debemos cambiar a perspectiva de apartar a mirada cando algo non nos afecta en primeira persoa.

 Por outra banda as experiencias individuais de cada persoa son fundamentais, pode haber casos semellantes pero nunca completamente iguais. Isto é principalmente o que aportan nun primeiro contacto, diferentes opinións dende as súas experiencias, diferentes formas de aceptar a situación que se lles plantexa pero sempre partindo de un obxectivo común. En definitiva achegas que nos poden proporcionar estas persoas pódennos axudar a comprender a súa situación actual e deste xeito ter a posibilidade de apoialos. 

 

Santos Villaverde, Andrea   143 C03

Retornan os migrantes cara a súa terra galega

IMG_0939

Porque tal e como dicía Rosalía de Castro no seu poema ¡Pra a Habana!:

“Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van…”

Moitos fóronse algún día e moitos voltaron xa. Galegos e galegas que se alonxaron do seu fogar en busca dunha mellor calidade de vida e agora ao voltar atópanse cunha chea de dificultades. Dificultades que entorpecen a súa adaptación á vida cotiá no que eles pensaban que era a súa terra. Terra que din “lles están a roubar”.

ASOCIACIÓN DE EMIGRANTES RETORNADOS “MARUSÍA”, O NOSO PAPEL

Asociación que busca a reintegración de todos aqueles retornados. Dende as súas experiencias individuais no extranxeiro, aportan o alí aprendido para mellorar a súa situación agora aquí en Galicia. Intentan deste xeito, eliminar os problemas existentes para frear a migración dos nosos días (a fuga de cerebros), ou polo menos mellorar as condicións dos que hoxe marchan coa esperanza de atopar máis portas abertas.

O noso traballo resúmese na achega das vivencias dos migrantes e o motivo da relación que hoxe establecen. Tocaremos dende o porqué da súa ida ata a adaptación na súa volta. Pasaremos pola vida dos migrantes, tanto do home como do papel da muller, non só botando un ollo se non tamén facendo eco de moitas das dificultades e da defensa dos dereitos que están a pasarlles factura.

Porque calquera podería hoxe ter que formar parte do fluxo migratorio galego, e hai moitos que cren que isto non vai con eles. Porque non só defenden o seu, tamén están loitando por unhas mellores condicións de vida, quen sabe se para unha persoa coma ti. E logo aínda hai persoas que suben a voz para dicir que os retornados merecen menos axudas que os que quedaron na terra, mais despois defenden a igualdade. Os retornados non piden axudas, piden igualdade e calidade de vida. Non é isto xusto?

Demandantes de información, xa que á falta de información é ao que achacan o seu descoñecemento en temas burocráticos, de traballo ou de nova integración. Desinformación que sae á luz, que debaten entre eles e que están a reivindicar. Reivindicacións como a deste próximo venres, cunha mobilización na capital galega diante de Facenda pola problemática das pensións (<http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2014/02/08/plataforma-emigrantes-retornados-retoman-movilizaciones/0003_201402S8C29923.htm> ).

E nós como futuros xornalistas, galegos, e posibles migrantes e retornados reivindicaremos con eles esta falta de información tentando achegarnos as súas relacións interpersoais.

Rodríguez Bello, Cora 143 C02