Arquivo do blog

Ir, ver e contar

Entrar na redacción a primeira hora da mañá, chamar á policía, revisar o correo electrónico, imprimir as notas de prensa, visitar ó alcalde de turno no Concello (e non facerlle preguntas moi comprometidas, non vaia ser que conte algo de proveito e te meta nun compromiso) facerlle un oco no xornal a un coñecido ao que lle prometiches que lle ías publicar certo tema, redactar as novas, copiar directamente dos comunicados, volver a chamar á policía (e que non pasara nada a estas horas, que a ver onde o meto) e abandonar a redacción ata o día seguinte.

Esta é a rutina na que caen moitos xornalistas, na súa maioría do ámbito local, convencidos de que cada ano pasan as mesmas cousas, nas mesmas datas, e perseguindo un traballo no que acomodarse , no que cobrar catro patacos a fin de mes que che proporcionen algo de estabilidade económica (o xusto para vivir, vamos) e que as horas na redacción rendan ben para non quedarse ata moi tarde. En definitiva, un xornalismo de oficina, de comunicados e notas de prensa. Pero é necesario chegar a este punto?

Os ámbitos locais son espazos vivos, cheos de noticias, de historias que contar e “chanchullos” que descubrir. E o xornalista é o encargado de descubrir todos estes aspectos das localidades e facerllos chegar á xente, ávida de información do seu entorno. E para conseguilo debe saír da redacción, levantarse da súa cadeira e percorrer a localidade, coñecer cada recuncho, falar coa xente, comunicarse co entorno, observar, aprender a mirar o global con ollos locais e cuestionarse moitos dos aspectos da vida cotiá, xa que só así poderá converterse nun verdadeiro xornalista e ofrecer información de calidade.

Rivas Martínez, CL4X

Persoal, non profesional

Levántome pola mañá. Doume unha ducha. Almorzo con café. Consulto o Twitter. Vou currar. Falo co xefe. Converso cos colegas. Discuto co veciño. Como mentres miro a tele. Volvo ao choio. Penso nos meus fondos no banco. Sigo traballando. Cea para levar. Adiantar traballo. Chatear. Durmir mal.

A rutina diaria, o eterno castigo de Sísifo. Este pode o ser  pozo de perdición de moitos xornalistas locais. Perderon o ánimo e a ambición hai moito, se cadra desenganados pola actitude preguizosa dos compañeiros. Hai traballo, e iso xa é algo, sobre todo agora, coa de paro que hai, porque non vou acabar na fila do INEM. O máis fácil e fichar, presentarse na rolda de turno e escribir a noticia para mañá. Esforzarse e ir por libre é unha perda de enerxía e tempo, que -¡total!- aquí nunca pasa nada. Non vou ser parte deste xogo de facer medra-la cidade. Non vou meterme nos grandes negocios que se agochan baixo os partidos e as construtoras. Non. A cidade desenvolverase como o dicten os que saben. Ademais, outros encargaranse de atopar as mazás podres do sistema. Eu non son quen de sinalar quen ten as mans manchadas.

¿E a xente de a pé? Non interesa o máis mínimo. ¿De qué me poden servir as filípicas dun vello que traballaba no Porto? ¿Teño estar enriba de cada concelleiro para sacarlle información? ¿Por qué patearme cada metro da cidade? Por suposto que non. O único que interesa son os shows, as estreas de cine, os concertos, as inauguracións iluminadas polo sorriso do alacalde de turno, as festas e as manifestacións. O público é o que podemos ver na superficie, non o que está baixo ela. Este é o meu traballo, non a miña vida.

Eu quería cubrir grandes acontecementos, marchar de correspondente ao estranxeiro ou traballar nas redaccións das grandes capitais. Aí é onde está o que interesa, ou polo menos o que debe interesar a todos. ¿Qué máis dá o que pase aquí?

Pereira Vila, Jorge CLX4