Arquivo do blog
Veto!
Unha das cousas máis feas que se pode facer dentro da produción xornalística é vetar a unha persoa, entidade ou organismo determinado dentro dalgunha información na que a priori debería estar presente. E iso que a nós, xornalistas do século XXI, nos parece xa algo extremadamente decimonónico, aínda ocorre hogano, e con moita máis frecuencia da que poida parecer. Eu ilustrareivos con dous exemplos reais, que me sucederon este pasado verán no diario El Progreso.
En anteriores artigos falei das virtudes da miña curta estadía no xornal lugués, pero agora toca tamén facer algo de crítica, construtiva, como non podería ser doutro xeito. Resulta que, en dous casos diferentes, puxeron reparos a dúas informacións miñas debido a que non eran válidas para o xornal, ou mellor dito, porque nelas participaban entes que non lles interesaban o máis mínimo á cúpula directiva. A primeira delas foi unha reportaxe sobre unha web de compras a nivel galego, Flashwer, que tivo que saír publicada no suplemento local en vez de aparecer na edición para toda a provincia. Cal era o problema? Que ó ser unha páxina web, facía competencia á web de El Progreso. Aínda hoxe me pregunto que tipo de competencia… En fin…
O segundo caso, máis habitual en moitos máis medios, sucedeu durante a cerimonia de publicación das obras premiadas no Certame Literario das Festas de San Ramón, na que actuaba como mantedor un tal Xulio Xiz, xornalista, algo que non apareceu na noticia. Eu, inxenuo de min, redactei a información citando a susodito individuo no corpo, pero unha das compañeiras alertoume: ‘Quita iso, que está prohibido’. ‘Por que?’, preguntei. ‘Ordes de arriba’. Tampouco sei hoxe a razón dese veto… En fin… Outra vez será…
Baruk Domínguez Grandío
CLX4
Multi… Inter… Supra!!!
Na delegación de El Progreso en Vilalba traballan catro persoas, que cubren unha superficie informativa dun total de 2.300 kilómetros cadrados, comprendendo as comarcas da Terra Chá (a máis extensa de Galicia), Meira e o concello coruñés de As Pontes: en resumo, unha cuarta parte da provincia de Lugo. O caso de La Voz de Galicia é aínda máis grave, xa que soamente contan cun único delegado para a mesma superficie (exceptuando a zona coruñesa, obviamente).
En El Progreso-Vilalba hai un xefe de delegación, Ignacio Rodríguez, que se encarga principalmente da relación cos poderes políticos e empresariais e das entrevistas e reportaxes de maior actualidade. Tamén hai tres xornalistas con funcións, en principio, diferenciadas: María Roca, en deportes; Cristina Pérez, que se encarga de cultura, sociedade e é a responsable do suplemento semanal ‘A Chaira’; e Cristina Arias, que se ocupa maioritariamente da zona de As Pontes, aparte de realizar numerosas reportaxes en profundidade e entrevistas de carácter. Ata aí unha breve descrición dos roles de cada xornalista, algo teóricamente sinxelo, pero máis complexo na práctica.
Porque o certo é que, nunha delegación tan grande como a da Terra Chá e con tan pouco persoal, moitas veces non chega para cubrir a información na que un está máis especializado, e non é difícil ver a Cristina Arias cubrindo un evento deportivo ou a María Roca realizando unha entrevista de carácter, especialmente na época estivais ou nos días libres dalgún dos compañeiros. E isto, que sería un pecado, case un delicto para os puristas, é o pan noso de cada día para moitos xornalistas locais, aínda que non sempre é así. Por exemplo, na delegación de A Mariña do mesmo xornal traballan tres veces máis persoas para cubrir unha superficie moito menor, de 1.600 kilómetros cadrados. E, certamente, a calidade das pezas non é moi diferente á da delegación chairega, e incluso moitas veces é inferior.
Esta dedicación múltiple do xornalista local, tal e como acontece en Vilalba, algo que nun principio pode chegar a despistar ó informador e ó informado, acaba finalmente por enriquecer e transformar ó mesmo, e, do mesmo xeito, a mellorar as informacións. Iso do que falan nas clases de Comunicación, da multidisciplinariedade e da interdisciplinariedade, pasa aquí a un nivel superior, o da ‘supradisciplinariedade’, é dicir, o estar por riba de tódalas informacións, algo que só se pode conseguir nun xornalismo tan complexo como é o local. Nas redaccións das grandes cidades hai unhas seccións moi diferenciadas que un non pode atravesar tal e como lle pete en cada momento. Nas pequenas redaccións locais xa non é que non se poidan atravesar, senón que moitas veces haino que facer por pura obrigación e necesidade. E ó final acaba sendo algo bo, xa vos daredes conta. Pero ollo, sempre e cando se fale de local!!!
Agora é a vosa quenda de comentar: podedes apoiarme ou podedes poñerme a parir. Fagades o que fagades, agardo as vosas palabras con ardor…
Baruk Domínguez Grandío CLX4