Arquivo do blog

“Todos somos emigrantes”

DSC_5853

“Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no destero

e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!”

(Celso Emilio Ferreiro)

“Todos somos emigrantes” contounos hoxe á mañá unha muller retornada, que sofre o problema das declaracións de pensións do exterior. Mentres a cicloxénese “Ulla” descargaba toda a súa forza ás portas da Facenda, nós escoitábamos a situación desta muller, a situación de vivir con fillos que non atopan emprego e de sobrevivir coa súa pensión como fonte de ingreso. Malia isto, a pensión procedente do estranxeiro non é demasiado elevada polo que o que foi obrigada a pagar considera que é pouco, que o seu caso non é dos máis graves, pero que, con todo, o sentimento de solidariedade está por riba.

A asociación Marusía promoveu unha manifestación esta mañá perante as portas de Facenda que culminou coa entrega nas oficinas de alegacións asinadas por varios afectados. A asociación organiza, ofrece consello e vías de loita a persoas que se viron desarmadas fronte a unha política que non chegan a entender. Que ninguén chega a entender. Con todo, máis alá da organización hai unha gran comunidade que se crea dende o momento en que unha persoa é obrigada a irse fora. Son persoas que non se coñecen, que non comparten destino receptor pero que todas elas sufriron, dende diferentes lugares e situacións, o mesmo problema, polo que dende o momento que un pé está fora da nosa terra aparece un sentimento de solidariedade e empatía de xeito automático. Un sentimento que hoxe é máis necesario que nunca, porque cando os que combaten están unidos a esperanza érguese con máis forza. E cando a solidariedade se espalla, comprendemos que, ao fin, “todos somos emigrantes”.

TUBÍO REY, OLAIA 143 C04