Arquivo do blog

O negocio local afectado pola crise

A pesar de que a crise leva 4 anos instalada no noso país, en Santiago de Compostela aínda non se tiña notado moito. O turismo é para Santiago o motor básico da súa economía pero nesta Semana Santa e a  pesar de que numerosos visitantes chegaron á cidade, animados polo tempo inestable que reinaba no resto do país, a ocupación mantívose en cifras que roldan o 60%. Esta porcentaxe comparada coa do ano pasado, no que Santiago rexistrou un índice por encima do 70%, supón un revés para a principal fonte de ingresos da cidade, afectando así a negocios locais.

Nos últimos meses o peche de comercios no Ensanche compostelán golpeou con forza no inicio do ano. Establecementos tradicionais e de longa traxectoria, como Álvarez e outros máis modernos como Pórtico ou Andrómenas pecharon ou están a punto de facelo. E non só é que pechen, se non que tamén hai que sumarlle os despedimentos dos traballadores.

Se este panorama continúa así, as estruturas económicas, demográficas e sociais de Santiago cambiarán drasticamente nos vindeiros anos. Compostela non será a cidade que hoxe coñecemos e á que estamos acostumados.

Rodríguez Martínez, Raquel   CL4X

Isto é un atraque

Dous foron os transatláticos que arribaron hoxe á Estación Marítima de Vigo: o AIDAluna e o Independence of the Seas. Esta escala múltiple desembarcou na cidade olívica un total de turistas que ronda as 6.000 persoas, mentres que a tripulación de ámbalas naves se achega á cifra de 2.000. O presidente da  Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, aproveitou este encontro turístico para anunciar que este ano os vigueses verán outros 12 atraques múltiples con dous, tres ou incluso catro cruceiros repletos de pasaxeiros que atendan as súas ganas de mercar no centro comercial A Laxe ou no mercado da Pedra, pasando polos restaurantes a meterse unha boa tapa de mariscada. Estas embarcacións chegan xuto despois de que onte fixese escala no mesmo porto o Oceana, que transportaba preto de 2.000 persoas a bordo, dende Valencia ata Southampton.

Turistas do Oceana onte en A Laxe

Estas tres visitas tan impresionantes, tanto para a economía costeira como para a vista dos curiosos, son parte das 110 escalas de transatlánticos acordadas pola Autoridade Portuaria. Esta cifra sería algo menor ao do ano 2011, que destacou por contar con 118 atraques turísticos desta envergadura. Sen embargo, a pesar deste descenso no número de escalas, o total de turistas previsto para este ano 2012 non deixa de ser importante: uns 266.000.

E así é cómo Vigo abre as súas portas marítimas ao mundo: ofrecendo escalas a navíos máis que repletos de estranxeiros (na súa maioría xubilados cun forte desexo de ver mundo) que son guiados, igualiño ca tenreiras ao matadoiro, cara as tendiñas, bares e restaurantes que forman as zonas máis ricas do centro urbano. Estas visitas, que apenas duran unhas horas, aprovéitanse pouco ou nada dos verdadeiros encantos vigueses, como son o descoidado Casco Vello ou as praias. Porque, sexamos sinceiros, os que realmente non saben nada de Vigo son os que veñen de rebote ou, en palabras máis na onda da xerga da Autoridade Naval, de escala.

Pereira Vila, Jorge CL4X

Turismo colonial

A rúa do Franco é o exemplo máis visíbel dun comercio centrado nos souvenirs e dunha hostelería centrada nos platos de luxo para os turistas

Se tiveramos que escoller un sector económico para facer un país o máis dependente posíbel das conxunturas económicas alleas e das fluctuacións dos mercados internacionais este sector sería o turismo.

Os países terceiromundistas caracterizáronse (e caracterízanse) por ter un forte peso do turismo na súa estrutura económica, tanto en termos de PIB como de emprego, en detrimento doutros sectores que xerarían maior valor engadido e que están nos países do norte do sistema. O paradigma terceiromundista repítese en gran medida no noso país e, nomeadamente, na nosa cidade, Santiago de Compostela. Se o mercado interno flaquea, que é o que garante seguridade e autonomía ás pequenas empresas, estas se verán obrigadas a volcarse cara o exterior, pasando a depender da marcha de economías estranxeiras sobre as cales nós non podemos incidir (case non podemos incidir nen na nosa propia economía, pois a única política económica que aplican os nosos gobernantes do binomio PPSOE é a da lei da selva,deixando o noso destino en mans de Amancio Botín).

Neste exemplo de economía glocal, é doadamente observábel como unhas decisións tomadas a milleiros de quilómetros da nosa terra poden afectar á nosa comunidade máis próxima: postos de traballo estacionarios e precarios, xornadas de traballo abusivas, presión á alza dos prezos (os salarios medios dos países emisores de turistas parécense aos de aquí tanto como Bush e Ghandi), etc. Cómpre reflexionar sobre que modelo económico nos interesa máis como traballadores pero tamén como país que está nun mundo cunhas relacións cada vez máis complexas e desiguais.

Raúl Ríos, clx4