Arquivo do blog
Veto!
Unha das cousas máis feas que se pode facer dentro da produción xornalística é vetar a unha persoa, entidade ou organismo determinado dentro dalgunha información na que a priori debería estar presente. E iso que a nós, xornalistas do século XXI, nos parece xa algo extremadamente decimonónico, aínda ocorre hogano, e con moita máis frecuencia da que poida parecer. Eu ilustrareivos con dous exemplos reais, que me sucederon este pasado verán no diario El Progreso.
En anteriores artigos falei das virtudes da miña curta estadía no xornal lugués, pero agora toca tamén facer algo de crítica, construtiva, como non podería ser doutro xeito. Resulta que, en dous casos diferentes, puxeron reparos a dúas informacións miñas debido a que non eran válidas para o xornal, ou mellor dito, porque nelas participaban entes que non lles interesaban o máis mínimo á cúpula directiva. A primeira delas foi unha reportaxe sobre unha web de compras a nivel galego, Flashwer, que tivo que saír publicada no suplemento local en vez de aparecer na edición para toda a provincia. Cal era o problema? Que ó ser unha páxina web, facía competencia á web de El Progreso. Aínda hoxe me pregunto que tipo de competencia… En fin…
O segundo caso, máis habitual en moitos máis medios, sucedeu durante a cerimonia de publicación das obras premiadas no Certame Literario das Festas de San Ramón, na que actuaba como mantedor un tal Xulio Xiz, xornalista, algo que non apareceu na noticia. Eu, inxenuo de min, redactei a información citando a susodito individuo no corpo, pero unha das compañeiras alertoume: ‘Quita iso, que está prohibido’. ‘Por que?’, preguntei. ‘Ordes de arriba’. Tampouco sei hoxe a razón dese veto… En fin… Outra vez será…
Baruk Domínguez Grandío
CLX4
Multi… Inter… Supra!!!
Na delegación de El Progreso en Vilalba traballan catro persoas, que cubren unha superficie informativa dun total de 2.300 kilómetros cadrados, comprendendo as comarcas da Terra Chá (a máis extensa de Galicia), Meira e o concello coruñés de As Pontes: en resumo, unha cuarta parte da provincia de Lugo. O caso de La Voz de Galicia é aínda máis grave, xa que soamente contan cun único delegado para a mesma superficie (exceptuando a zona coruñesa, obviamente).
En El Progreso-Vilalba hai un xefe de delegación, Ignacio Rodríguez, que se encarga principalmente da relación cos poderes políticos e empresariais e das entrevistas e reportaxes de maior actualidade. Tamén hai tres xornalistas con funcións, en principio, diferenciadas: María Roca, en deportes; Cristina Pérez, que se encarga de cultura, sociedade e é a responsable do suplemento semanal ‘A Chaira’; e Cristina Arias, que se ocupa maioritariamente da zona de As Pontes, aparte de realizar numerosas reportaxes en profundidade e entrevistas de carácter. Ata aí unha breve descrición dos roles de cada xornalista, algo teóricamente sinxelo, pero máis complexo na práctica.
Porque o certo é que, nunha delegación tan grande como a da Terra Chá e con tan pouco persoal, moitas veces non chega para cubrir a información na que un está máis especializado, e non é difícil ver a Cristina Arias cubrindo un evento deportivo ou a María Roca realizando unha entrevista de carácter, especialmente na época estivais ou nos días libres dalgún dos compañeiros. E isto, que sería un pecado, case un delicto para os puristas, é o pan noso de cada día para moitos xornalistas locais, aínda que non sempre é así. Por exemplo, na delegación de A Mariña do mesmo xornal traballan tres veces máis persoas para cubrir unha superficie moito menor, de 1.600 kilómetros cadrados. E, certamente, a calidade das pezas non é moi diferente á da delegación chairega, e incluso moitas veces é inferior.
Esta dedicación múltiple do xornalista local, tal e como acontece en Vilalba, algo que nun principio pode chegar a despistar ó informador e ó informado, acaba finalmente por enriquecer e transformar ó mesmo, e, do mesmo xeito, a mellorar as informacións. Iso do que falan nas clases de Comunicación, da multidisciplinariedade e da interdisciplinariedade, pasa aquí a un nivel superior, o da ‘supradisciplinariedade’, é dicir, o estar por riba de tódalas informacións, algo que só se pode conseguir nun xornalismo tan complexo como é o local. Nas redaccións das grandes cidades hai unhas seccións moi diferenciadas que un non pode atravesar tal e como lle pete en cada momento. Nas pequenas redaccións locais xa non é que non se poidan atravesar, senón que moitas veces haino que facer por pura obrigación e necesidade. E ó final acaba sendo algo bo, xa vos daredes conta. Pero ollo, sempre e cando se fale de local!!!
Agora é a vosa quenda de comentar: podedes apoiarme ou podedes poñerme a parir. Fagades o que fagades, agardo as vosas palabras con ardor…
Baruk Domínguez Grandío CLX4
O estraño caso do queixo ‘indie’
Esta fin de semana celébrase en Vilalba o primeiro gran festival do ano, o FIV (Festival Independente de Vilalba), que nesta edición achegará á capital chairega as propostas de grupos ‘indies’ tan relevantes no panorama estatal como poden ser Sidonie, Corizonas ou Delafé entre moitos outros. Dous días, venres e sábado, 30 e 31 de marzo, no que xa está confirmada unha asistencia masiva de máis de 5.000 persoas.
Curiosamente, xusto unha semana máis tarde ten lugar no mesmo sitio (e ademais, concretamente, xa que ambos eventos se celebran na céntrica Praza da Constitución vilalbesa) pero, obviamente, nun horario distinto, a XXVIII Festa do Queixo, unha cita ineludible para tódolos amantes da gastronomía galega, exemplificados no sabor auténtico e afumado do inconfundible San Simón da Costa. Outros dous días, desta vez 7 e 8 de abril, que tamén están sinalados na axenda de numerosos visitantes. Pero, serán os mesmos que os do evento anterior?
Nunha primeira ollada, o primeiro impulso será dicir que non, que é imposible que os máis ‘modernos’ poidan ter algo en común cos máis ‘tradicionais’ e, certamente, adoita suceder así. O que pasa é que, neste caso en particular, hai un curioso enlace que fai que ambas festas se fusionen: un concurso de tapas que, curiosamente (que curioso todo, non?), se celebra durante esta fin de semana e que, tamén curiosamente (pero que curioso todo!), entrega os seus premios, tanto a establecementos como a consumidores, durante a inauguración da cita gastronómica.
Deste xeito tan ‘inocente’, ambas festividades conflúen nun mesmo tempo e nun mesmo lugar, e resultará máis que probable ver a algún ‘moderno’ consumindo algunha tapiña en calquera local da vila (máis dunha caerá, iso seguro…) ou a algún curioso espécime ‘tradicional’ achegarse ata a carpa fucsia do FIV, ó principio quizáis por curiosidade, quizáis ó final por atracción. Quen sabe… O que si é certo é que, en ámbolos dous casos e mediante a fusión ‘tapística’, o que sen dúbida obterá o maior beneficio será o propio municipio vilalbés, unha capital chairega que, polo menos durante dúas fins de semana, se convertirá, como mínimo, na capital festiva de Galicia. Esaxerado? Agardo os vosos comentarios con impaciencia…
Baruk Domínguez Grandío CLX4
‘Président’ et l’environnement
En Vilalba, antes da apertura da láctea Entrepinares, a única empresa industrial propiamente dita era, xa dende hai uns cantos anos, a empresa francesa Lactalis-Président, dedicada tamén ó envasado e á transformación do leite, algo moi normal nunha comarca gandeira como é a Terra Chá.
Ata aí todo correcto, se non fose porque a imperial ‘major’ con sé no país galo tivo que renderse ante o poder duns cantos irreductibles vilalbeses alo polos anos 90 d.C.d.G. (despois de Charles de Gaulle, obviamente). Non lles soa un pouco á historia de Astérix?
A cuestión da loita entre os dirixentes de Lactalis e os heroicos habitantes locais, representados principalmente polos grupos políticos da oposición (socialistas e nacionalistas), os sindicatos agrarios e a asociación de pescadores do municipio, foi a situación da fábrica, moi preto do río da Magdalena, que afectaba seriamente á vida dos poboadores da zona fluvial por causa dos numerosos verquidos de residuos ininterrumpidos.
Finalmente, e tal como sucede sempre nos cómics de Goscinny e Uderzo, foron os irreductibles vilalbeses os que lograron o seu obxectivo, facendo que a planta de transformación láctea cambiase de emprazamento, nunha parte da vila onde o impacto ecolóxico é mínimo. Ademáis, este cambio tamén afectou positivamente á propia empresa, xa que ampliaron as súas instalacións, e á poboación local, xa que puido gozar de máis postos de traballo dos que se ofertaban anteriormente.
Así e todo, hai unha cuestión que me corroe e que espero me axudedes a resolver. Está claro que o cambio de situación da fábrica de Lactalis foi bo para todos, especialmente para o medio ambiente, pero, credes que sería posible se, ó final, a empresa francesa non se beneficiase dese cambio?
Agardo as vosas respostas…
Baruk Domínguez Grandío CLX4
‘Cita co alcalde’
Vilalba. É un mércores calquera, día laborable, cara ó mediodía. O alcalde, popular, Gerardo Criado, non está no seu despacho, nin inaugurando nada, nin sequera tomando uns viños cos seus conveciños. Non. Está sentado nun estudio, concretamente no da emisora local, Radio Principal Vilalba Cadena Ser. E para que? Para respostar ás dúbidas, peticións e queixas que os cidadáns lle formulan, case sempre por vía telefónica, no xa tradicional espazo dialogal ‘Cita co alcalde’.
Este modelo de comunicación entre administrador e administrados é un claro e válido exemplo de estratexia relacional, sempre e cando nos refiramos a pequenas ou medianas localidades. Nesta fórmula comunicativa recíproca é o cidadán (entendido como persoa, non como ‘habitante dunha cidade’) o que solicita a presenza do máximo representante do poder local para interrogalo, sen que este saiba de antemán ó que se vai enfrontar, algo que aporta interese, dinamismo e veracidade ó improvisado diálogo.
Certo é que non é unha solución perfecta, por moitos e variados motivos. Non están representadas tódalas forzas políticas que participan do xogo do poder, non hai un control exclusivo do tempo radiofónico (non pode entrar boa parte das chamadas e os afortunados que si poden falar teñen un marco reducido para expoñer a súa cuestión) e, un factor importante que xa sinalabamos anteriormente, soamente é aplicable a municipios demográficamente pouco extensos, xa que, por poñer un exemplo, se isto se fixese co alcalde de Barcelona, o caos na rede telefónica podería chegar a ser inmenso.
Aínda así, e tal e como vai o mundo no que vivimos, este método podería mellorarse coa aplicación das novidades informáticas, a través de redes como Twitter ou Facebook que facilitarían e abaratarían o contacto directo co, neste caso, representante municipal. Queda moito futuro por diante, pero se se comeza a actuar deste xeito, seguramente melloren as relacións entre poder, medios e cidadáns para construír unha sociedade máis preparada, informada e, sobre todo, equilibrada.
Baruk Domínguez Grandío
CLX4
A xeito de cancela
Comezo a miña andaina neste blog avisando a tódolos navegantes do traballo que realizarei durante as vindeiras xornadas: a análise pormenorizada dun dos mellores suplementos que se publican na prensa local galega, ‘A Chaira’, do diario El Progreso, que sae tódolos martes nas comarcas de A Terra Chá, Meira e As Pontes.
E, ollo, digo un dos mellores porque, en comparación cos outros especiais de zona que publica El Progreso (Ribeira Sacra, A Mariña…), con outros moitos suplementos comarcais doutros xornais (véxase La Voz de Galicia, por exemplo) e m esmo coa prensa local da ‘competencia’ (o mensual Terrachá.xa), ‘A Chaira’ gaña en calidade, proximidade, profundidade informativa e, se cadra o máis importante, en atención a tódolos actores que forman parte da sociedade (políticos, culturais, deportivos…).
Cabe sinalar que desde a delegación de Vilalba de El Progreso, onde actualmente traballan catro xornalistas, tamén se fai información para o diario, que é a que pode consumir calquera persoa que merque o xornal en calquera lugar. Por iso, a información que se prepara exclusivamente para o suplemento comarcal elabórase cunha dedicación e un cariño especial, e o lector pode deleitarse con grandes reportaxes ou con profundas entrevistas a persoeiros da cultura.
Para que todos poidades coñecer este máis que aceptable ‘pequeno xornal’, nas próximas semanas irei amosando paulatinamente diversas pezas xornalísticas que aparezan no mesmo para así, entre todos, poder comentalas e valoralas dun xeito pertinente, crítico e racional.
Domínguez Grandío, Baruk (CL4X)