Arquivo do blog

Social nets killed the local star!!!

Falouse, fálase e falarase moito, neste blog e noutros blogs, en webs, xornais, revistas, faladoiros, conferencias e quen sabe en cantos outros lugares, contextos e circunstancias das virtudes e defectos das redes sociais internáuticas, é dicir, de Facebook, Tuenti, Twitter e demais fauna virtual. E, despois desta longa e complexa frase introductoria, engadirei unha apreciación máis a este debate entre amantes e detractores das ‘social networks’, sen falar nin das susoditas virtudes nin dos susoditos defectos, senón de algo máis sinxelo, evidente e menos polémico: os seus efectos.

Pero, e aquí está a cuestión primordial, é necesario saber diferenciar de entre todos eses efectos o quis, o quid, o quomodo, o cur, o quando e, especialmente, o ubi, no noso caso referido sempre a un espazo local, non global. Do quibus auxiliis xa falaremos máis adiante. Pero comecemos polo principio.

O efecto coñecido como quid é, neste caso, o fluxo de información, que pasa de ser algo unívoco e unidireccional a convertirse nun totum revolutum (e dálle cos latinismos…) no que todo o mundo quere, pode e necesita ter a voz cantante.

O caso do quis é se cadra un dos máis relevantes, xa que, tal e como avanzabamos no titular, remata coas ‘local stars’ e profetiza o dominio das ‘social stars’. Neste novo mundo informatizado xa non é o alcalde o que ten todo o poder sobre o que se publica, xa non é o xornalista de delegación o que decide a axenda do público. Agora case todo está na rede, e cada un pode informarse segundo lle pete, buscando ós mellores e máis fiables (ou non) informadores ou creadores de opinión, as susoditas ‘social stars’.

E aquí é cando chega un dos principais hándicaps deste novo dominio da rede: o quando. Se ben é certo que as novas xeracións están moi influídas por esta nova orde da comunicación, tamén é certo que as xeracións máis vellas (e incluso as que non o son tanto) non están actualizadas como “deberían”, especialmente en moitas zonas rurais, da mal chamada ‘Galicia profunda’ (voltamos outra vez ó ubi).

Dúas cuestións secundarias pero non por iso banais, son as referentes ó quomodo e ó cur. Da primeira diremos que paseniñamente polo de agora, sempre de abaixo cara arriba, e da segunda que por pura necesidade de expresión.

Xa por último queda unha cuestión importantísima, que non debemos obviar en ningún momento, e que é a maior causante de debates sobre o tema das ‘networks’: o quibus auxiliis, é dicir, os instrumentos utilizados para construir a información. O xornalista adoita usar os coñecementos previos, a documentación e, como todos saberedes, as tan necesarias fontes. Pero son eses os materiais que utiliza a ‘social star’ para elaborar os seus textos? Agardo os vosos comentarios para poder averiguar algo máis sobre o tema…

Baruk Domínguez Grandío CLX4

O risco de perder de vista a axenda cidadá

Cómpre partir da base de que se hai unha axenda do medio é porque non hai capacidade (nin necesidade) de recoller a totalidade de acontecementos do local, pois a sobreinformación é un xeito de desinformación e a xente quere que a informen do (sempre subxectivo) máis importante. Mais hoxe en día, hai multitude de asuntos que si están na axenda cidadá e non aparecen reflectidos na axenda dos medios, nomeadamente por dous motivos: a falta de recursos humanos do medio e a liña editorial/empresarial dos medios.

A pregunta é evidente. Que poden facer os cidadáns que queren saber dun asunto que consideran de interese público mais do que non se informa nos medios de comunicación locais? Que poden facer os colectivos que teñan necesidade de expresarse e aos que ningún medio tradicional lles presta atención, cando falla a ligazón entre ambas axendas? Hoxe en día, grazas ás novas tecnoloxías, os obstáculos materiais que existían antes para a comunicación en masa (imprenta, antena de TV, custosas cámaras…) son moito máis reducidos: basta cun ordenador portátil e unha conexión a internet. Dáse o fenómeno chamado ‘xornalismo cidadán’ que non é xornalismo, pola falta de profesionalidade, mais que trata de suplir as carencias dos medios tradicionais.

Se está claro que non se pode cubrir a totalidade de acontecementos (a non ser que se dispoña do aleph), un medio de comunicación local debería prestar atención aos fenómenos de xornalismo cidadán para saber que é o que lles interesa ás súas audiencias (sen esquecer a información que obxectivamente sexa socialmente relevante) e darllelo. Senón, corren o risco de ficar desfasados e alleos ás novas inquedanzas da sociedade.

Ríos Rodríguez, Raúl, cl4x