Arquivo do blog

As comunidades e os seus conflitos

A mellora do Corredor do Morrazo, as preferentes de NCB, a área metropolitana de Vigo ou o futuro do histórico complexo de O Salgueirón, entre outros, son algúns dos temas que máis preocupan á maior parte da cidadanía da península de O Morrazo. Coma estes, en cada localidade existen conflitos que atinxen á vida cotiá dos habitantes e que son do seu interese. A boa práctica do xornalista existe na medida en que poida localizar os distintos conflitos existentes, ofrecendo unha boa cobertura dos mesmos.

Este é ocaso do novo parque eólico Pedras Negras, en Domaio (Moaña). Todo comezou cando a multinacional italiana Enel Green Power decidiu investir na construción dun parque eólico que afectaría a montes dos concellos de Vilaboa, Marín e Moaña (a maioría deles incluídos no espazo protexido “Montes do Morrazo”). A importancia deste feito provoca que distintos medios de comunicación se fagan eco da problemática existente en torno á infraestrutura, sobre todo na zona de Domaio, por ser a máis afectada. Así, o Faro de Vigo na súa edición do Morrazo fai un especial seguimento do conflito, publicando información actualizada e de interese.


O xornal atende o conflito dende o inicio do proxecto ata o momento actual, pasando polas accións emprendidas polos colectivos veciñais. A información, elaborada na súa maioría polo xornalista Francisco G. Sas, ofrece unha ampla visión das diversas perspectivas existentes, prestando especial atención á opinión da cidadanía. Deste xeito, recolle as queixas dos veciños cara o proxecto debido ao forte impacto medioambiental que causaría, queixas canalizadas a través de colectivos coma a Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo ou a Comunidade de Montes en Man Común de Domaio. Un traballo de investigación que require dedicación e atención constantes, pero que axuda aos xornalistas locais a enriquecer o seu traballo e a fuxir da constante rutina.

Rivas Martínez, CL4X

O segredo está na cociña

A propaganda institucional, o calendario festivo e os sucesos fortuítos son os ingredientes básicos que condimentan o prato diario da información local. Detrás desta receita de comida rápida, hai quen descobre a desidia duns cociñeiros que se excusan na mala calidade da materia prima para non gastar tempo nin esforzo na cociña. Se ben un produto con denominación de orixe multiplica por moito o sabor final do manxar, por moi bo que sexa o alimento, a substancia sempre vai ser froito de quen cociña.

E no xornalismo pasa o mesmo ca nos fogóns. A información, especialmente a do eido local, ten que ser cociñada a fogo lento, non chega cun volta e volta, e terá que prepararse de distinto xeito en función de quen a vaia degustar. Un bo xornalista, igual ca un chef experimentado, defínese pola súa capacidade de combinar os ingredientes na xusta medida. E con isto, hai que fuxir de ideais utópicos sobre o xornalista local para comezar a velo coma un auténtico rastrexador da información que sempre pon o acento no cidadán.

O novo rastrexador ten que mudar o enfoque das noticias e adoptar unha visión máis cívica.  Así, cando informe do asfaltado dunha vía urbana, ten que detallar os días que permanecerá pechada, como se verán afectados os veciños e cales son as vantaxes e os inconvenientes da medida. De igual xeito, se redacta unha noticia para dar a coñecer Expo Ordes, terá que informar dos beneficios que deixa na vila e das impresións que xera nos visitantes, pero non procede sacarlle fotos ao alcalde para encher galerías fotográficas que non van acompañadas por ningún elemento informativo que lles achegue significado.

O alcalde de Ordes, no centro, durante a visita a Expo Ordes/ Foto: Ordessiete

Ríos Dafonte, CL4X

A importancia de quen opina

Un dos grandes problemas da cidade de Pontevedra é a acumulación de tráfico no centro da cidade, o cal se ve triplicado en vésperas de festivos, nos días chuviosos e cando as estradas da cidade están en obras, cousa bastante común, sobre todo actualmente, coas obras do AVE. Dende outubro do ano pasado e ate o día de hoxe, a rúa Loureiro Crespo está cortada ao trafico á altura da Pasarela, xa que se está acondicionando este tramo para o paso do novo tren de alta velocidade. Por enésima vez se ve sobrepasado o prazo para rematar estas obras, xa que nun principio se estimaba que estarían listas para febreiro deste ano.

Obras en Loureiro Crespo

Vista aérea das obras de Loureiro Crespo

O Diario de Pontevedra informa no día do traballador do estado desta reforma, que novamente incumpre os prazos establecidos. María Boullosa, a redactora desta información, comeza citando as queixas que o Goberno Local trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa adxudicataria desta obra. En orde cronolóxico vanse expresando os diferentes puntos de vista de cada bando. Ate aquí todo correcto.

Na segunda parte desta noticia, Boullosa céntrase na opinión dos cidadáns e nos problemas que isto lles crea. É neste apartado onde a noticia frouxea, xa que a opinión dos cidadáns é algo etéreo, porque as súas testemuñas son identificadas como “fontes próximas á asociación de comerciantes”. ¿Non terían que ser os propios cidadáns con nome e apelido os que se queixen da súa situación?. Ademais, o curte na estrada tamén desfavorece aos condutores que día a día teñen que variar o seu traxecto debido a esta reforma e a les nin sequera se refiren.

Deste xeito, e como sucede con moitas outras noticias, parece que as veces importa máis o que di o Goberno Local que o que pensan os afectados que día a día se ven somerxidos nesta clase de problemas.

Cardalda Vidal, CL4X

Profeta en terra allea: os retos do xornalista nunha cidade descoñecida

Os habitantes da urbe comparten unha serie de coñecementos acerca dese medio vital nos que poucas veces se repara: todos sabemos que este edificio foi construído en tal ano cunha finalidade concreta, sabemos os trapos suxos do actual alcalde, de cando “só” se dedicaba á construción, sabemos que o señor Xosé ten o restaurante onde se fan os mellores callos e, por suposto, sabemos que tal rúa sempre foi de dous carrís (por que esa teima por agrandar a beirarúa e facela dun so carril?).

Calquera persoa que chegue de fóra da cidade non saberá máis destes temas que o que escoite falar deles aos propios habitantes. Coñecer a maioría deles é un proceso que pode durar anos e que endexamais terá conclusión. O reto do xornalista que chega á nova cidade é coñecela, coñecer a tipoloxía das súas xentes, as súas construcións, a súa intra-historia, o tipo de cousas que non saen nos libros e que, ás veces, tampouco saen na prensa de antano. Inserirse na vida urbana coma un cidadán máis é unha necesidade. Tanto vale para o que fai xornalismo local, información dunha cidade dirixida a esa cidade, coma para o que fai información internacional, información desa cidade (país, nación…) dirixida a outra parte do mundo. Ollo! Neste caso, o xornalista que actúe como correspondente ten que ser do mesmo xeito coñecedor das sociedades receptores para adaptar a súa mensaxe informativa a estas e que a comunicación sexa o máis eficiente posíbel.

Hai atallos? Máis que atallos hai que ter interese pola orixe de todo, preguntar sobre aquilo do que a xente fala e todo o mundo, agás un mesmo, parece saber. Ver, estar atento, inserirse na rede cidadá, falar coa xente. Percorrer o mercado (ou a praza de encontro público que sexa). En definitiva, para ser bo xornalista local é indispensábel ser un cidadán.

Ríos Rodríguez, clx4

Ver, observar, explorar, interpretar e contar

As cidades son grandes escenarios con vida propia, nos que se desenvolven historias diferenciadas en distintos espazos e con temática moi diversa. As cidades senten e pensan, proporcionan sensacións e vivencias, falan e comunican todo o que acontece no seu seo. Están aí expostas, dándonos información continuamente.

Cultura, política, sociedade, deporte, ocio, son contidos que a cidade produce cada día e que nos ofrecen diversos puntos de vista dun mesmo entorno. A diversidade e a múltiple perspectiva que nos ofrece a cidade, debe ser recollida polo xornalista local que debe camiñar polo seu mundo máis próximo, observar, explorar, escoitar, interpretar e empaparse do que acontece ó seu arredor. Ten que ver a cidade coma unha fábrica de contidos e ademais debe coñecer ós cidadáns que nela habitan, entendelos e darlle resposta ás súas demandas, debe ser a súa voz pública.

Nada máis lonxe da realidade actual do xornalismo e do xornalista local que, normalmente repiten as mesmas información e transmiten literalmente os comunicados de prensa distribuídos dunha maneira abusiva polas axencias de comunicación sen buscar novas fontes nin contrastar a información que lle chega.

Nestes momentos a sociedade estase a volver máis esixente, están sendo máis críticos e están espertando do sono no que o sistema os tiña mergullados e o periodista local debe estar preparado para responder a eses novos requirimentos.

Rodríguez Martínez, Raquel CL4X

Que alguén avise ao xornalista local de que segue o rastro equivocado

Estamos fartos de repetilo: o xornalismo local non é xornalismo xeralista, senón información especializada. E como tal ten que ser entendida polo profesional que teña que traballar neste eido. É hora de que o comunicador asuma dunha vez por todas que o recurso de copiar e pegar a información enviada polas axencias de noticias non serve no local. E tampouco chega con botarlle un ollo ás previsións do día para saber que infraestrutura inaugura ese día o alcalde de tal sitio nin que centro de maiores visitará o rexedor de tal outro.

O xornalista local debe ter a súa propia listaxe de contactos e terá que compoñer a axenda do cidadán a base de establecer un contacto directo con el e co seu entorno. Terá que pasear a cidade ao xeito do flâneur descrito por Walter Benjamin, ser un transeúnte do espazo urbano, apropiarse del e comunicar -que non é o meso ca informar-  aquilo que lles afecte directamente aos seus lectores. Debe, en definitiva, pensar globalmentem para actuar localmente.

E para iso ten que empezar por deixar de perseguir ao poder político coma se fora a súa sombra para converterse nunha lapa -no sentido máis positivo do termo- do cidadán. Que importancia ten que a Xunta de Galicia elixa o concello de Tordoia para inaugurar un plan de banda ancha se non se fala das consecuencias que terá a medida para os veciños? Aínda diría máis, por que se presenta o plan en Tordoia? Hai que entender que o acceso a Internet é unha cuestión de máxima preocupación para os veciños do lugar ou a ubicación elixida para o desfile político é máis ben anecdótica?

Sexamos serios e poñamos en práctica o compromiso que como xornalistas asinamos co desenvolvemento social no seu conxunto. Para ser altofalantes da propaganda partidista xa están os gabinetes de comunicación. Aos xornalistas e, especialmente aos que se dediquen á comunicación local, correspóndelles a difícil tarefa de facer información útil para o cidadán.

Ríos Dafonte, CL4X

Camiñar, escoitar e falar coa cidade

Para gozar ao máximo da vida na cidade hai que intentar coñecer cada un dos seus segredos, para así poder chegar a comprendela. A cidade é algo dinámico, que nace, que medra, que se reproduce e que incluso pode chegar a morrer. Que unha cidade sexa o que é débese aos seus habitantes, aos cidadáns que día a día moldean a cidade.

É case imprescindible para os cidadáns coñecer correctamente o lugar onde viven, xa que isto facilitará o seu transcorrer diario. Deste mesmo xeito, para un xornalista tamén é preciso coñecer o lugar sobre o que vai a informar.

Pontevedra dende A Caeira (Poio)

Vistas da cidade de Pontevedra dende o mirador de A Caeira (Poio)

Na miña curta experiencia como xornalista decateime de que é un requisito fundamental. Como vas a falar das cousas que acontecen na cidade se non coñeces o seu ritmo de vida? Como vas a informar aos veciños dos acontecementos se non hai unha memoria histórica que che axude a comprender certas cousas? Como vas situar os feitos se non coñeces as rúas e estradas?

Un xornalista debe ser ante todo un cidadán, unha persoa comprometida co avance da súa cidade, que coñeza as costumes, as tradicións, as queixas, as satisfaccións e a maneira de pensar dos seus veciños e, deste xeito, establecerase unha relación horizontal. Pero o reporteiro non pode esquecer os seus principios como informador, debe ser honesto, non debe tomar partido nos acontecementos, debe ser obxectivo (aínda que hai diversidade de opinións), debe contrastar sempre a información e ten que ser veraz.

Por último, o xornalista terá que demostrar se está á altura dos tempos que corren. A figura do redactor morre e nace a figura do informador polivalente, que ademais de crear un texto lingüisticamente perfecto sabe sacarlle todo o partido ao soporte elixido, que habitualmente soe ser a rede.

Xornalistas, deixémonos contaxiar das cidades e dos seus habitantes e somerxámonos por completo no mundo sobre o que imos a informar, xa que para falar con coherencia é preciso estar ben preto do que nos rodea.

Cardalda Vida, CL4X

O flâneur do local

Era 29 de marzo do 2012. No almanaque a data estaba marcada en vermello. “Folga xeral” dicía a pequena nota que o xornalista garabateara a man. Erguérase cedo para saír á rúa e percorrer a cidade de punta a punta. Non quería perder nin un só detalle do que Compostela estivera disposta a contarlle naquel día de estío anticipado. Decidira non apegarse demasiado aos manifestantes e propuxérase ignorar os discursos prefabricados de sindicalistas e políticos. Aquela mañá quería vagar sen rumbo dende o casco vello ata o campus universitario pasando polas grandes superficies comerciais e facendo unha parada no polígono do Tambre. Estaba predisposto a empaparse de coñecemento e vestir o traxe do xornalismo gonzo para infiltrarse entre os colectivos sociais que o levarían polos carreiros da información novidosa…

O flâneur ou paseante válese da mirada para entender a cidade/Foto: Le blog de L´Apahau

Mais non foi así. O flâneur imaxinario que describen as liñas de arriba non chegou a percorrer Compostela aquel 29-M. E non o fixo porque no xornalismo -incluso no local- os grandes números e a información oficial imperan sobre o próximo, o especializado e o antropolóxico.  A quen lle importa que as tendas e os bares de Santiago abriran pola tarde aproveitando o bo tempo e a marcha dos piquetes se se poden coñecer as estimacións de participación que achegan sindicatos e goberno? Acaso ten algunha transcendencia a reflexión de dous “antisistema” calquera se existe a posibilidade de mostrar en horario de máxima audiencia uns cantos e anecdóticos pneumáticos ardendo?

As respostas poden quedar co que foi ou aspirar ao que podería ter sido. No primeiro dos casos o resultado é a mesma noticia -folguista arriba ou abaixo dependendo da liña editorial- en todos os xornais, mentres que no segundo nacerían historias locais dotadas de punto de vista e sentido didáctico. Velaí a diferenza entre un xornalista copista e outro capaz de apropiarse do que ve. E o xornalista local ten a obriga de ser un flâneur, un paseante observador e narrador experto capaz de facer que os habitantes da cidade se apropien dela -do mesmo xeito que o fai el-.

Ríos Dafonte, CL4X

Xornalista e viciño: os riscos do xornalista local

O xornalista sempre debe ter unha interpretación de seu acerca dos acontecementos da actualidade. É imposible que o xornalista sexa un mero notario da realidade, senón deixaría de ser xornalista para convertirse noutra cousa distinta. Mais non é o mesmo ter unha óptica determinada que uns intereses ou implicacións persoais, que poden atentar contra a rigorosidade do profesional.

Se este é un risco común a todo o xornalismo, no eido local vólvese moito máis forte: o xornalista local tamén é viciño, é nai, é siareiro da equipa da vila e conduce polas rúas da cidade. A súa faceta persoal, a súa vida pública non xornalística, será coñecida polo resto da veciñanza e compartirá relacións non xornalísticas (amizade, conflitos, preconceptos…) con aqueles axentes (fontes) cos que tamén terá que interactuar dende o seu perfil profesional. O mesmo veciño co que podes ter un día unha discusión de tráfico convértese nunha fonte dentro do concello e o teu amigo do futbol pode pertencer á estrutura dun determinado partido político.

O xornalista local debe ser viciño, é o único xeito de ter, como mínimo, o mesmo coñecemento da cidade que pode ter a audiencia do medio local. Mas tamén ten que ter en conta os riscos que iso implica á hora de desenvolver a profesión e, tamén, o influxo que pode ter esta na súa vida privada. Como noutras profesións, hai que tentar non levar o traballo para casa…

Ríos Rodríguez, Raúl Cl4x