Arquivo do blog

Profeta en terra allea: os retos do xornalista nunha cidade descoñecida

Os habitantes da urbe comparten unha serie de coñecementos acerca dese medio vital nos que poucas veces se repara: todos sabemos que este edificio foi construído en tal ano cunha finalidade concreta, sabemos os trapos suxos do actual alcalde, de cando “só” se dedicaba á construción, sabemos que o señor Xosé ten o restaurante onde se fan os mellores callos e, por suposto, sabemos que tal rúa sempre foi de dous carrís (por que esa teima por agrandar a beirarúa e facela dun so carril?).

Calquera persoa que chegue de fóra da cidade non saberá máis destes temas que o que escoite falar deles aos propios habitantes. Coñecer a maioría deles é un proceso que pode durar anos e que endexamais terá conclusión. O reto do xornalista que chega á nova cidade é coñecela, coñecer a tipoloxía das súas xentes, as súas construcións, a súa intra-historia, o tipo de cousas que non saen nos libros e que, ás veces, tampouco saen na prensa de antano. Inserirse na vida urbana coma un cidadán máis é unha necesidade. Tanto vale para o que fai xornalismo local, información dunha cidade dirixida a esa cidade, coma para o que fai información internacional, información desa cidade (país, nación…) dirixida a outra parte do mundo. Ollo! Neste caso, o xornalista que actúe como correspondente ten que ser do mesmo xeito coñecedor das sociedades receptores para adaptar a súa mensaxe informativa a estas e que a comunicación sexa o máis eficiente posíbel.

Hai atallos? Máis que atallos hai que ter interese pola orixe de todo, preguntar sobre aquilo do que a xente fala e todo o mundo, agás un mesmo, parece saber. Ver, estar atento, inserirse na rede cidadá, falar coa xente. Percorrer o mercado (ou a praza de encontro público que sexa). En definitiva, para ser bo xornalista local é indispensábel ser un cidadán.

Ríos Rodríguez, clx4