LIBRO DE ESTILO

Sigan estas normas ao pé da letra se queren seguir conservando a súa nota e o seu tempo libre tras ter rematado o traballo. Métannas na cabeciña e non as saquen. E sempre sempre, todo no seu día e coa súa forma. Grazas e avante coa comunicación!

Os traballos escritos da asignatura terán que gardar as seguintes formas xerais, contendo:

a) UN TÍTULO á libre especulación do autor

b) UNHA FOTO de grandes dimensións e relativa ao tema tratado

c) ao remate do escrito: os APELIDOS E NOME (alfabéticamente, primeiro apelidos, logo nome) dos membros dos grupos consignaránse sempre ao final do traballo, seguidos do LOCALIZADOR, e non excederá nunca do tamaño 18 da fonte Arial.  O localizador do grupo terá que ser consignado en todos os traballos. (Ver o Listado de grupos asignados para coñecer o localizador individual e grupal).

d) o TEXTO do traballo será escrito sempre en ARIAL 16. En negriña, os intertítulos.

e) O NÚMERO DE CARACTERES para os post individuais está limitado en 2000, e para os grupais en 3000. As lecturas tamén 3000 caracteres.

f) o INTERLIÑADO será sempre SINXELO. O liñado do texto será sempre XUSTIFICADO.

g) o sistema de citación e bibliografía será APA, o habitual nas ciencias sociais. (ver, p.ex., http://www4.ujaen.es/~emilioml/doctorado/guia_rapida_de_citas_apa.pdf)

Sen perxuizo do que dicten as normas APA, a bibliografía nos traballos pechará os adxuntos de citas e notas e irá antes, se é o caso, de táboas, ilustracións, imaxes e figuras e/ou de adxuntos audiovisuais, se fora o caso. Cada libro ou outro material consultado levará ao final da referencia o seu localizador (rexistro bibliotecario na USC ou outra biblioteca, URL na internet,…) No caso de materiais propios elaborados polo grupo incluiranse como rexistro nun epígrafe á continuación da bibliografía. Xa que logo, as citas e as notas que non estean incrustadas en texto van ao fin do traballo, non a pé de páxina. Táboas, ilustracións, imaxes e figuras tamén irán ao final do texto. Se hai documentación adxunta audiovisual incorporarase ao traballo titulada e referenciada co localizador do grupo  nun sobre adxunto prendido ó traballo, para a entrega en man.

h) as páxinas dos traballos NUMÉRANSE NA PARTE INFERIOR DEREITA e nunca se excederá do máximo de páxinas (e se cumprirá sempre o mínimo, cando menos) aconsellado polo profesor para o traballo.

i) os traballos ou formularios, de ser entregados en man a petición do profesor, irán nun sobre ou suxeitos e asegurados por calquera dos sistemas habituais, e nunca en carpetas de plástico.

k) os traballos remitidos en tempo e forma ao correo-e da asignatura serán enviados nun só arquivo por sub-grupo, en FORMATO WORD ou PDF. En ningún caso se admitirán partes de traballos individuais soltas ou partes do traballo de grupo en diferentes arquivos. Por tanto, aconséllase cumprir os prazos internos dos grupos para xuntar os materiais para o envío. O incumprimento desta pauta anulará a parte desgaxada do traballo coa consecuente sustración do seu valor na nota final grupal e individual.

l) A publicación dos post individuais deberá facerse antes das 22:00 h. deixando así tempo suficiente para as persoas que teñan que publicar comentarios.

m) Os comentarios non teñen un número de caracteres mínimo nin máximo.

Para a publicación no blog, será o grupo BCP quen formulará as pautas formais, procedementos e determinará tamén os tempos, consonte ó cronograma e prazos establecidos polo profesor para a entrega en progreso dos post e traballos da materia.

Deixar un comentario