Category Archives: Memoria

HistAmérica en redes

Segundo a proposta de Carlos Sluzki definimos as redes sociais e persoais como todas as relacións que mantén o individuo coa xente do seu arredor, ben sexan familiares, amigos ou coñecidos cuxa influencia incide na propia creación e consideración da persoa. É dicir, sería algo semellante a un mapa conceptual que reflexa os vínculos compartidos entre alguén e o entorno.

Nós imos aplicar esta reflexión ao noso traballo: o estudo da comunicación dun grupo de investigación de historia de América.

Patricia Calvo no Coloquio sobre Violencia Política en Lisboa

Patricia Calvo no Coloquio sobre Violencia Política en Lisboa

Como se pode comprobar en anteriores post, a primeira fase dedicámola ao estudo das relacións que se establecían entre os integrantes de HistAmérica a partir de entrevistas persoais. Podemos dicir que o grupo forma unha rede mínima, aínda que tampouco se adscribe por completo ao concepto. Aínda que son só cinco membros fixos, teñen moitos colaboradores en formación que amplían e nutren os coñecementos comúns do grupo. Por outra banda, tamén consideramos que o nivel de densidade é medio porque teñen unha relación bastante próxima e adoitan intercambiar opinións respecto ao traballo. Con esta información, aseguramos que a comunicación é bastante informal.

Tamén podemos facer alusión específica á dispersión do grupo. Aínda que o núcleo esencial de HistAmérica traballa en Santiago de Compostela e ten un contacto case diario, un dos membros pertence ao Campus de Lugo e tamén teñen outros colaboradores en formación en Madrid, Valencia… A primeira impresión lévanos a indicar que é un grupo bastante disperso. Porén, os que levan a maior parte da carga  do traballo están en continuo contacto e traballan preto os uns dos outros.

Describindo esta perspectiva, a seguinte será coñecer mellor o seu entorno. Para iso, comezaremos a falar no seguinte post do Coloquio Internacional da Violencia Política no Século XX, celebrado en Lisboa e ao que asisten varios membros do grupo.

FILLOY MARTÍNEZ, LAURA   151.B05

Que é a ciencia?

Alguén sabería nomear algunha semellanza entre a física e a historia? Algo que as vincule? Está máis que claro que diferenzas hai moitas, por non dicir que nada ten que ver a unha coa outra. Vós preguntaredes… Por que entra en xogo esta reflexión? Ocorréusenos a idea de facer este post cando, a principios da semana, concertamos unha entrevista con Patricia Calvo, a xornalista que se encarga de xestionar a actividade comunicativa de HistAmérica. A conversación suscitou varios debates. O que poño hoxe sobre a mesa é unha vella e desgastada polémica que nunca deixa de estar de moda: ciencias ou letras?

O tema naceu a raíz dunha pregunta sobre o financiamento dos grupos de investigación. Moi acertadamente, Patricia asegurou que entendía á perfección que as axudas fosen máis cuantiosas para un proxecto de física molecular que para un de historia de América. Porén, a consideración social das dúas temáticas está moi afastada e pouco ten que ver cos cartos que percibe unha fronte á outra. É dicir, parece que nun ámbito como o que estamos a abarcar, a investigación histórica non adoita ter o mesmo recoñecemento que a científica pura.Ciencia

Foi unha reflexión que a nós, como grupo, nos chamou moito a atención. De feito, tamén tiñamos os nosos prexuízos cando comezamos a traballar con eles. Realmente é unha comunidade científica? Foi a dúbida que se nos formulou nun primeiro momento porque consideramos que colaborar con historiadores non se cinguía realmente ao termo. Estabamos equivocados. A historia, fronte ás moitas diferenzas que poida ter, ten algo en común coa física: tamén é unha ciencia. Os historiadores investigan un conxunto de coñecementos obxectivos e veraces, realizan experimentos, formulan hipóteses, marcan unhas metas e seguen unha metodoloxía que impón o ritmo do seu traballo.

A ciencia non só son números, nin ecuacións, nin expresións matemáticas imposibles. Porén, a súa definición parece estar erroneamente interpretada pola sociedade.

FILLOY MARTÍNEZ, LAURA         151.B05