Entón… Polley ou non Polley?

Como unha arañeira nun recuncho é a familia de Sarah Polley. Ao abeiro da sombra, protexida do vento e do Sol. Non é que sexan cazadores pacientes, senón que a artificiosidade coa que se construíu é digna de análise artística e, entendela, fai que o espectador se impregne desa tea branca como a mosca na casa deshabitada.

Unha nai que faleceu por un cancro deixando a seu marido con cinco fillos e unha sospeita de adulterio. Sarah é a pequena deses cinco fillos e, tamén, a proba fidedigna de que a súa nai si tivo un amorío extramarital. Pódese chamar adulterio -e alimentar o odio cara o suxeito- ou nomealo como busca do amor que lle sesgou a parella -e provocar a compaixón ao longo de cento e pico minutos-. En definitiva, o amante acepta o seu rol de dobre para as escenas de frenesí -o Jackie Chan do drama- e o marido entende que non conseguiu amar tanto como ela, a nai da directora, necesitaba.

En Stories we tell, Polley consegue que o cara a cara coa súa familia e con algún achegado de súa nai conte a súa historia e lle devolva o seu antigo “mundo da vida”, o mundo fundamentado no coñecemento e na experiencia propia ou transmitida por outras persoas.

Son interesantes as dúas actitudes, tanto a do amante como a do amado da nai de Polley, cando ela pregúntalles que podería facer para aproximarse ao que realmente aconteceu. Por unha banda, Harry Gulkin (o amante) di que a única realidade do pasado da outra vida dela, tena el, que é o único dos dous actores principais que segue vivo e, polo tanto, os seus recordos son os que gardan valor: “o resto son damnificados”. Pola outra, Michael Polley (o amado) insiste en que o máis próximo ao verdadeiro do asunto sería “a proxección desas seis horas de brutos previos á montaxe da película”.

A directora fai que a través da comunidade de amigos e familiares que orlaron a súa nai, Diane Polley, se conte unha historia que ten como fío vertebrador a comunicación interpersonal do devandito grupo e, como factor común, a presenza, case sempre detrás das cámaras, da filla da paternidade ambigua.

RODRÍGUEZ ALONSO, JAVIER H. BCP.005 

Posted on 16 Febreiro, 2015, in Lecturas e filmes and tagged , , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Máis profundizar nos temas que propón Polley, menos ao trasunto da películaaaa… por favor. Saúde. Marcelo.

Deixar un comentario