Peonalización: roteiro por Pontevedra
Posted by titorizado1a
A cidade de Pontevedra é obxecto do noso traballo de TS, enmarcado sobre todo no proceso peonalizador e na súa correspondencia ideolóxica. Para comprobar a evolución in situ, o noso grupo visitou a cidade do Lérez o 3 de marzo, guiados polo noso compañeiro Sergio, natural de Pontevedra.
O noso roteiro comeza diante da Cruz dos Caídos, monumento erixido nos anos 80 para honrar aos falecidos nas guerras. Camiñamos pola Gran Vía de Montero Ríos, reformada durante o segundo mandato do actual alcalde, que vai paralela ao parque da Alameda. Este é un conxunto peonil que abre a entrada ao centro da cidade, tamén peonil, desembocando no Concello. A praza de España, onde se atopa a Casa Consistorial, foi remodelada nos últimos anos, eliminando todo o tráfico que a circundaba, unindo o edificio máis importante da cidade co entorno peonil xa existente.
Camiñando pola rúa da Michelena, albíscase ao fondo o santuario da Peregrina, emblema de Pontevedra, de estilo neoclásico. Todas as rúas do casco histórico son hoxe peonís, e a isto súmanse as rúas do seu contorno, que non forman parte do conxunto histórico e foron reformadas polo goberno municipal actual co obxectivo de mellorar o nivel de vida.
Xa na zona vella, paseamos polas prazas máis significativas da cidade. A Ferraría, chea de cativos, sitúase en fronte do convento franciscano da cidade, edificio do século XIV. A praza da Leña, co seu característico cruceiro, alberga o Museo de Pontevedra, o máis importante de Galicia en arte prehistórico e que contén tamén a obra pictórica completa de Castelao, fillo adoptivo da vila. A praza da Verdura, con múltiples taperías, contemplada desde a Casa da Luz, primeira central eléctrica da provincia. Na praza de Méndez Núñez, tamén reformada nos últimos anos, atopamos unha estatua de Valle-Inclán, escritor vilanovés que viviu na cidade do Lérez durante uns anos. Disto é testemuña a súa casa, que se conserva na praza das Cinco Rúas, a cal nos atopamos tras atravesar un par de pequenas ruelas do casco vello.
Finalizando a nosa visita, pasamos pola praza do Teucro e imos dar de volta na parte de atrás do Concello, xusto diante do Teatro Principal e do Liceo Casino, que comparten edificio e no seu momento partillaron tamén importancia suprema na vida social da capital pontevedresa. Foron moitas as cousas observadas na nosa visita, cousa que xa tratamos de deixar claro noutros post. É, sobre todo, salientábel, o impacto que ten a peonalización na vida cotiá desta pequena cidade, converténdoa, pese ás críticas, nunha das vilas con mellor calidade de vida de España.
S1D
Posted on 2 Maio, 2013, in Documentos and tagged Álvarez Vales, Barreiro Manzano, Costoya Rodríguez, Díaz Bouza. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0