Blogs contra a desertización mediática
Na historia xudicial da Casa da Cultura de Vimianzo hai escritas xa tres querelas: por non pagamento, por tráfico de influencias e outra por prevaricación. Esta última, que inculpaba ao actual rexedor (BNG), foi arquivada. A historia comezou cando o anterior goberno de Vimianzo (PSOE) licitou a obra da Casa da Cultura. A construción do edificio, cifrada en 1,1 millóns, recaeu en mans do irmán do ex-alcalde. A execución doutras obras que non figuraban no contrato elevou o custo aos 2,5 millóns. Co BNG coma inquilino maioritario da casa consistorial, o construtor presentou unha demanda por non pagamento de máis de 700.000 euros que o actual goberno liquidou solicitando un crédito. A segunda, unha querela penal, foi posta por Carmen Borbujo (PP) para revisar a adxudicación da obra. Como resultado hai sete persoas imputadas. Entre elas o ex-alcalde.
Así as cousas no Concello de Vimianzo, cómpre un informante que dea parte da actualidade das arcas municipais, do comportamento político e dos custos sociais das medidas polas que votamos. Uliscando a clase política local do Reino Unido, o xornal The Guardian anunciou en 2009 a creación de blogs especializados en política local, para facer inclinar a balanza en cotra da corrupción nun escenario de desertización mediática. Con xente dedicada a investigar e a somerxerse na vida turbia dos consistorios. A idea na que coinciden todos os medios de comunicación é a de que o xornalista profesional é a súa mellor baza. Unha teoría que se presume obvia, aínda que despois nunca se leve a cabo.
Ameixeiras Cundíns, CL4X
Posted on 1 Maio, 2012, in Documentos and tagged Casa da Cultura, Curso 2011-2012, The Guardian, Vimianzo, Xornalismo, xornalista. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0