Arquivo do blog

Qué quero ser de maior

Retorno ao pasado cos ánimos dun meniño fedello e inconsciente. Coma nunha redacción de primaria, vou expresar na metade dun folio, as miñas expectativas, o meu desiderátum, do meu ideal de ser xornalista. Seguramente todo é labia tópica e redundante doutro pobre ignorante, cego pola falta de experiencia. Pode ser que o mundo acabe por dobrarme e desviarme cara a desidia, que acabe sendo un hipócrita, pero quero que isto sexa o meu testamento de xuventude, inocente como son.

De maior quero andar pola rúa, escribir na rúa, fotografar na rúa e debuxar na rúa. Quero perder o meu medo e a mansedade. Gustaría de falar coa xente, cos bos e cos malos, para crear unha historia real e crua, sen literatura nin poesía. Quero a verdade, aínda que sexa imposible abarcala por completo no mar de incógnitas e de silencios. Quero expresar as ideas dos outros, ver as súas intencións máis aló do evidente e retratalos tal e como somos todos: bestas sen corazón e nenos perdidos abríndose paso na escuridade.

¿E quén son eu para se-lo presuntuoso vixiante, este voyeur teimudo? ¿Quén son eu para autoproclamarme xusticeiro social? Nun mundo no que o ollo crítico é un ollo vago, alguén ten que saír da ringleira e amosar ao resto que están seguindo ao tipo de diante sen saber a onde se dirixen. Non son mellor nin peor por descubrir o esquecido, por rompe-los tabús que medran e devoran dentro dos nosos corpos. Facer saber é a metade do traballo na tarefa de mellorar o mundo. ¿E quén son eu para dicir que o mundo que quero é o mellor? Non son ninguén para criticar sobre a aportación dos demais ao desenvolvemento da vida, pero ben sei que a ninguen lle debe faltar o esencial para vivir felizmente.

Quero ser un mediador, unha testemuña sincera, un cronista, unha canle de auga, un mensaxeiro, un e todos á vez.

De maior quero ser xornalista.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Blogs contra a desertización mediática

Na historia xudicial da Casa da Cultura de Vimianzo hai escritas xa tres querelas: por non pagamento, por tráfico de influencias e outra por prevaricación. Esta última, que inculpaba ao actual rexedor (BNG), foi arquivada. A historia comezou cando o anterior goberno de Vimianzo (PSOE) licitou a obra da Casa da Cultura. A construción do edificio, cifrada en 1,1 millóns, recaeu en mans do irmán do ex-alcalde. A execución doutras obras que non figuraban no contrato elevou o custo aos 2,5 millóns. Co BNG coma inquilino maioritario da casa consistorial, o construtor presentou unha demanda por non pagamento de máis de 700.000 euros que o actual goberno liquidou solicitando un crédito. A segunda, unha querela penal, foi posta por Carmen Borbujo (PP) para revisar a adxudicación da obra. Como resultado hai sete persoas imputadas. Entre elas o ex-alcalde.

Así as cousas no Concello de Vimianzo, cómpre un informante que dea parte da actualidade das arcas municipais, do comportamento político e dos custos sociais das medidas polas que votamos.  Uliscando a clase política local do Reino Unido, o xornal The Guardian anunciou en 2009 a creación de blogs especializados en política local, para facer inclinar a balanza en cotra da corrupción nun escenario de desertización mediática. Con xente dedicada a investigar e a somerxerse na vida turbia dos consistorios. A idea na que coinciden todos os medios de comunicación é a de que o xornalista profesional é a súa mellor baza. Unha teoría que se presume obvia, aínda que despois nunca se leve a cabo.

Ameixeiras Cundíns, CL4X

A importancia de quen opina

Un dos grandes problemas da cidade de Pontevedra é a acumulación de tráfico no centro da cidade, o cal se ve triplicado en vésperas de festivos, nos días chuviosos e cando as estradas da cidade están en obras, cousa bastante común, sobre todo actualmente, coas obras do AVE. Dende outubro do ano pasado e ate o día de hoxe, a rúa Loureiro Crespo está cortada ao trafico á altura da Pasarela, xa que se está acondicionando este tramo para o paso do novo tren de alta velocidade. Por enésima vez se ve sobrepasado o prazo para rematar estas obras, xa que nun principio se estimaba que estarían listas para febreiro deste ano.

Obras en Loureiro Crespo

Vista aérea das obras de Loureiro Crespo

O Diario de Pontevedra informa no día do traballador do estado desta reforma, que novamente incumpre os prazos establecidos. María Boullosa, a redactora desta información, comeza citando as queixas que o Goberno Local trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa adxudicataria desta obra. En orde cronolóxico vanse expresando os diferentes puntos de vista de cada bando. Ate aquí todo correcto.

Na segunda parte desta noticia, Boullosa céntrase na opinión dos cidadáns e nos problemas que isto lles crea. É neste apartado onde a noticia frouxea, xa que a opinión dos cidadáns é algo etéreo, porque as súas testemuñas son identificadas como “fontes próximas á asociación de comerciantes”. ¿Non terían que ser os propios cidadáns con nome e apelido os que se queixen da súa situación?. Ademais, o curte na estrada tamén desfavorece aos condutores que día a día teñen que variar o seu traxecto debido a esta reforma e a les nin sequera se refiren.

Deste xeito, e como sucede con moitas outras noticias, parece que as veces importa máis o que di o Goberno Local que o que pensan os afectados que día a día se ven somerxidos nesta clase de problemas.

Cardalda Vidal, CL4X

“Tamén hai que comer”

Co primeiro de maio chegan con máis forza ca nunca as reivindicacións dos traballadores e dos empregados, as persoas que a cada día que pasa teñen menos seguridade no seu porvir e no dos seus seres queridos. O benestar e a dignidade do pobo xóganse nunha partida de dados allea a el. ¿Somos escravos ou somos homes e mulleres en posesión dos nosos destinos? ¿E os xornalistas? Recentemente estivemos observando como co paso do tempo os  medios máis exitosos son aqueles que venden noticias, que empregan as súas forzas e o seu tempo en cubrir e informar das banalidades e dos produtos dos seus investidores e colegas no poder. Non hai interese por descubrir, por revelar, por destapar o que xace na outra cara do entorno público e do merchandising. Un xornalista ten que gañarse o seu pan, pero ¿de qué modo?

Fina ironía

O xornalista ideal -especime raro e de escasa notoriedade- debería pensar no seu beneficio en canto que é capaz de salvar ao seu amigo cidadán da ignorancia. O acto da comunicación debe servir a un propósito verdaderamente útil para os interlocutores: o receptor está ao tanto dos feitos que por si mesmo no pode presenciar e o xornalista gaña un público educado e, tamén, algún que outro ducado (3. Nome de numerosas moedas antigas de ouro, varios países). O xornalista ten que manterse cos fondos necesarios para vivir e realizar a súa labor -¿para qué enganarnos?-, mais sempre elaborando información non fraudulenta, sen intencións ocultas… en definitiva, sen venderse a cambio dun trato favorable coas altas esferas, sempre desexosas de comprar xornalistas paraque falen de tódolos chanchullos agás dos seus.

Os xornalistas deben coidarse de non morrer de fame, e coidarse de non traballar para outro xefe que non sexa o cidadán ou o desvalido.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Ctrl+C Ctrl+V

A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.

Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?

Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.

Pereira Vila, Jorge CLX4

“ProT: Toca despedirse… adeus á COPE”

Despois da exposición do traballo ProT na titoría deste xoves é preciso explicar o funcionamento de cadea COPE Santiago a partir de varios termos que o profesor nos amosou na clase. En primeiro lugar dividimos o traballo en dous niveis: o operativo e o discursivo. Dentro do nivel operativo establecemos catro termos: a persoa social, a organización, o territorio e as redes sociais.

No referente á persoa social podemos dicir que a cadea COPE busca un prototipo de xornalista que se adapte á súa liña editorial, máis conservadora, e que a teña en conta á hora de construír a información. Así, esta cadea tamén proxecta un prototipo de oínte máis conservador co das outras emisoras. Se temos en conta ese “poder adquisitivo cultural” do que fala Merton podemos dicir que esta cadea conta con programas moi variados nos que teñen cabida tódalas temáticas (sociedade, política, cultura…) e que van enfocados cara un público moi diverso, dende un poder adquisitivo cultural alto ata baixo. Quizais algúns contidos precisen algo máis de cultura xeral mais a maioría están enfocados para que o máximo número de persoas os poidan comprender.

No senso da organización temos que diferenciar entre a teoría e a práctica. Na teoría trátase dunha organización vertical xa que existe un director da emisora e logo uns redactores. Mais na práctica puidemos observar que a organización é bastante horizontal xa que como ben nos explicou Alberto Varela, traballador de cadea COPE Santiago, os redactores teñen total liberdade para producir e redactar a noticia sempre que non atenten contra a liña editorial. Desta maneira, a confección da axenda temática correspóndelle ó xornalista o que non quita que o director dea ideas mais sempre baseándose nos criterios destes profesionais xa que el non é xornalista.

Ó estudar un medio de comunicación cremos que é mellor utilizar o termo cobertura e non o de territorio. Cadea COPE Santiago cobre tódalas noticias da comarca de Santiago e tamén as de Lalín. Isto é o que lle compete na teoría xa que na práctica a zona de Lalín queda algo descoidada por falta de persoal. No referente á comarca de Santiago Alberto Varela admite que pode haber cousas que lles quedan por cubrir: “é imposible chegar a todo”, mais explica que intentan meter en antena case todo o que lles chega, sobre todo no magazine. Neste senso di que son fundamentais as chamadas da xente xa que os redactores pódense decatar dalgunhas cousas pero non de todas. Así, podemos concluír, tomando como exemplo o caso de Lalín, que o poder tecnolóxico da emisora é superior ós recursos humanos que ten xa que poden chegar ata esta comarca mais non teñen o persoal suficiente para cubrila.

Se analizamos cales son as redes sociais, é dicir, as asociacións e axentes cos que se relaciona a cadea COPE Santiago observamos que son os seguintes. No caso das asociacións manteñen contacto Cáritas, Cruz Vermella, UNICEF, Albergue de Xoán XXIII, Fundación Andrea ou Mans Unidas. Trátase de asociación que comparten, ou polo menos respetan, o seu ideario. Os outros axentes cos que se relacionan son as asociacións de veciños, para as que teñen un programa fixo os martes pola mañá, e as persoas que os chaman para contarlles algún suceso ou algún problema da cidade. Tamén lles preguntamos polos estudantes e explicáronnos que non seguen ningunha estratexia senón que os chaman para falar se ocorre algo que lles afecte como no caso da Normativa de Permanencia. Así, podemos concluír que cadea COPE cobre os intereses da comunidade pero daquela parte que máis lle interesa, que máis se relaciona co seu ideario.

Pasamos agora ó nivel discursivo. Aquí imos tratar dous factores: a comunicación e o desenvolvemento desta. A mensaxe que quere comunicar a COPE é, en palabras do director comercial da emisora, “informar en liberdade”. Pero que é para eles informar en liberdade? Pois debemos atender entón á súa liña editorial, conservadora, e ás palabras que o director comercial engadiu despois desta frase. Hai que ter en conta que era o día da folga xeral e, polo tanto, había varios comercios pechados e piquetes que intentaban pechar os que abrían. Para el, informar en liberdade, era dárlle voz a todos aqueles empresarios que querían abrir as súas tendas e tiveron problemas por mor dos piquetes. Así, con este razoamento, puidemos entender que é informar en liberdade para eles. Evidentemente, aquí entra en xogo o seu ideario.

Para comunicar unha mensaxe ten que haber un desenvolvemento previo. Despois de entrevistar a Alberto Varela puidemos comprobar que non existe unha estratexia de comunicación definida senón que todo funciona un pouco “sobre a marcha”. Moitas veces conseguen información grazas ás chamadas da xente e o que fan os redactores é moverse ata o lugar dos acontecementos para verificar esta información.

Con este post poñemos fin á nosa inmersión en cadea COPE e só lles podemos dar as grazas por recibirnos sempre moi ben e atender ás nosas cuestións. Como futuros xornalistas e como persoas foi unha experiencia moi enriquecedora.

Cruz Portela, Díaz Villaverde, Fernández Fernández, Fernández Lema, 2A3

Ir, ver e contar

Entrar na redacción a primeira hora da mañá, chamar á policía, revisar o correo electrónico, imprimir as notas de prensa, visitar ó alcalde de turno no Concello (e non facerlle preguntas moi comprometidas, non vaia ser que conte algo de proveito e te meta nun compromiso) facerlle un oco no xornal a un coñecido ao que lle prometiches que lle ías publicar certo tema, redactar as novas, copiar directamente dos comunicados, volver a chamar á policía (e que non pasara nada a estas horas, que a ver onde o meto) e abandonar a redacción ata o día seguinte.

Esta é a rutina na que caen moitos xornalistas, na súa maioría do ámbito local, convencidos de que cada ano pasan as mesmas cousas, nas mesmas datas, e perseguindo un traballo no que acomodarse , no que cobrar catro patacos a fin de mes que che proporcionen algo de estabilidade económica (o xusto para vivir, vamos) e que as horas na redacción rendan ben para non quedarse ata moi tarde. En definitiva, un xornalismo de oficina, de comunicados e notas de prensa. Pero é necesario chegar a este punto?

Os ámbitos locais son espazos vivos, cheos de noticias, de historias que contar e “chanchullos” que descubrir. E o xornalista é o encargado de descubrir todos estes aspectos das localidades e facerllos chegar á xente, ávida de información do seu entorno. E para conseguilo debe saír da redacción, levantarse da súa cadeira e percorrer a localidade, coñecer cada recuncho, falar coa xente, comunicarse co entorno, observar, aprender a mirar o global con ollos locais e cuestionarse moitos dos aspectos da vida cotiá, xa que só así poderá converterse nun verdadeiro xornalista e ofrecer información de calidade.

Rivas Martínez, CL4X

Como se fala dos malos actos dos grandes cargos

A Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra está no punto de mira da actualidade local por unha suposta irregularidade nas súas contas. Simplemente con esta frase sabemos que se trata dun tema complicado de cubrir, xa que se fala dun suposto “trapicheo” no que está involucrado un alto organismo público.

Segundo nos informa o Diario de Pontevedra, a Fiscalía Provincial estudará os pagos entre a entidade Cameral e unha empresa brasileira debido a unha denuncia feita dende a Cámara. Estes son os actores implicados na trama. Son as nosas mellores fontes. Pero o xornal do Lérez só recolle testemuños do Fiscal, deixando a un lado as voces dos afectados. Negáronse a falar, os xornalistas non puideron contactar con ninguén ou simplemente pasaron desta tarefa?

Nembargantes, aparece en seis ocasións son fontes veladas (“fontes consultadas” e “fontes solventes”). O non coñecer á procedencia da información pode supoñer un obstáculo no lector á hora de crer unha noticia, cousa que se podería solucionar se o texto ofrecido fora claro.

Primeiro explícase o que está pasando, despois faise referencia o contrato estipulado entre a Cámara e a empresa e, por último, explícase como se levará a investigación. A separación é correcta, pero non a forma de explicalo, xa que o público ao que vai dirixido (que son tamén os axentes afectados) pode non comprender a linguaxe técnica que se emprega.

Estes son erros moi comúns que se producen ao tratar un tema de importancia con tanta rapidez. O xornalista non ten tempo de madurar tanta información para narrala de xeito correcto e ordenando, levando así o seu caos ao papel. Aínda así cabe resaltar o información adicional sobre o tema (as actuacións dalgúns integrantes da Cámara e o estudo que realizará o Consello Galego de Contas a estas entidades), aínda que non nos ofrece un contexto inicial claro.

A actitude xornalística

Cardalda Vidal, CL4X

O xornalista rutinario

A labor que desempeñan os xornalistas nas comunidades locais é imprescindible á hora de determinar a calidade da información que reciben os cidadáns. Moitas veces, a rutina xornalística na que caen estes profesionais da información desvirtúa o seu traballo, facéndoos entrar nunha banalización de contidos que contribúe á cadea de intereses entre empresarios, economía e xornalistas, cadea que está cada vez máis presente nos medios de comunicación e nos xornalistas, ben sexa por comodidade, intereses ou falta de recursos.
Nenos do colexio

Nenos dun colexio da comarca celebrando o Día da Paz no centro // Carmen G.


A información que deriva destas situacións queda afastada do que sería unha correcta práctica xornalística. Isto é o que acontece, por exemplo, coa noticia publicada en Faro de Vigo sobre a partida presupostaria da Xunta para os colexios do Morrazo. O contido da noticia, que se fai aburrida para o lector de xeito que provoca que perda interese na información, baséase en datos numéricos e comparacións con cifras de anos anteriores. Sen embargo, unha noticia deste tipo non debería centrarse so nos números, senón que debería facer unha análise pormenorizada do que significan estas cifras, consultando coa dirección dos centros ou coas asociacións de pais e nais (ANPA). Deste xeito, a noticia quedaría enriquecida engadíndolle un enfoque orientado ao cidadán, no que se analizaran aspectos coma o destino dos cartos asignados a cada colexio, se son suficientes ou non, se os pais están informados e contentos cos servizos que cobren, se teñen carencias que aínda están sen resolver… De esta forma, a información quedaría completa e o multiperspectivismo que ofrecería grazas á consulta de varias fontes informativas, así coma a implicación que se intuiría do xornalista con respecto ao tema tratado proporcionarían un valor engadido á noticia, que conseguiría non só informar, senón tamén comunicar.

Rivas Martínez, CL4X

Os xornalistas como voceiros do poder

A comunicación local é a máis próxima ó cidadán polo tanto o xornalista que a cubre debe selo tamén. Creo que en canto á prensa escrita,  hai que diferenciar entre os xornais de edición impresa e os medios que só teñen versión dixital. Na prensa tradicional a información local é na maioría dos casos un manifesto dos poderes políticos, é dicir, un alto falante do poder. As novas simplemente son anunciadas ó estilo bando municipal, rara vez son analizadas e interpretadas polo xornalista, como debería ser. Válese, na maioría dos casos, dos comunicados das axencias de prensa das diferentes institucións, polo que rara vez están no lugar dos feitos e polo tanto, non están en contacto coa cidadanía. A información rara vez aparece contrastada nin documentada, outras dúas regras do xornalismo que non se cumpren.

Nos últimos tempos xurdiron novos medios dixitais que tratan dunha maneira máis coidada, documentada e contrastada a información, tanto a local como a xeral. Tamén é verdade que a internet permite outro tipo de xornalismo e non pasa así cos medios tradicionais.

Aínda así e todo non debería haber esa diferenza entre o xornalista que escribe nun medio dixital e o que o fai nun tradicional, a profesionalidade non debería depender do soporte se non do profesional.

O que está claro é que a sociedade cada vez é máis esixente e como calquera profesional, o periodista, debe ofrecerlle o que piden e ser máis próximo no seu traballo.

Rodríguez Martínez, Raquel    CL4X

Persoal, non profesional

Levántome pola mañá. Doume unha ducha. Almorzo con café. Consulto o Twitter. Vou currar. Falo co xefe. Converso cos colegas. Discuto co veciño. Como mentres miro a tele. Volvo ao choio. Penso nos meus fondos no banco. Sigo traballando. Cea para levar. Adiantar traballo. Chatear. Durmir mal.

A rutina diaria, o eterno castigo de Sísifo. Este pode o ser  pozo de perdición de moitos xornalistas locais. Perderon o ánimo e a ambición hai moito, se cadra desenganados pola actitude preguizosa dos compañeiros. Hai traballo, e iso xa é algo, sobre todo agora, coa de paro que hai, porque non vou acabar na fila do INEM. O máis fácil e fichar, presentarse na rolda de turno e escribir a noticia para mañá. Esforzarse e ir por libre é unha perda de enerxía e tempo, que -¡total!- aquí nunca pasa nada. Non vou ser parte deste xogo de facer medra-la cidade. Non vou meterme nos grandes negocios que se agochan baixo os partidos e as construtoras. Non. A cidade desenvolverase como o dicten os que saben. Ademais, outros encargaranse de atopar as mazás podres do sistema. Eu non son quen de sinalar quen ten as mans manchadas.

¿E a xente de a pé? Non interesa o máis mínimo. ¿De qué me poden servir as filípicas dun vello que traballaba no Porto? ¿Teño estar enriba de cada concelleiro para sacarlle información? ¿Por qué patearme cada metro da cidade? Por suposto que non. O único que interesa son os shows, as estreas de cine, os concertos, as inauguracións iluminadas polo sorriso do alacalde de turno, as festas e as manifestacións. O público é o que podemos ver na superficie, non o que está baixo ela. Este é o meu traballo, non a miña vida.

Eu quería cubrir grandes acontecementos, marchar de correspondente ao estranxeiro ou traballar nas redaccións das grandes capitais. Aí é onde está o que interesa, ou polo menos o que debe interesar a todos. ¿Qué máis dá o que pase aquí?

Pereira Vila, Jorge CLX4