Democratizar a democracia: O goberno da cidade non está só no concello

Nos últimos anos asistimos a un incremento notable de iniciativas que, supostamente, tratan de impulsar e desenvolver a participación cidadá na xestión dos asuntos municipais, especialmentre a través de mecanismos bilaterais nos que o goberno local se reúne de maneira regular cos representantes de organizacións e colectivos veciñais para consensuar as actuacións do programa gobernamental (un dos últimos exemplos atopámolo en Ferrol: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2012/03/09/vecinos-decidiran-asamblea-69-actuaciones-prioritarias-barrios/00031331296119021490255.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz).

Estas actuacións retratan, en termos de intercambio comunicativo e integración social, a relación entre dúas das esferas que constitúen as sociedades democráticas: a esfera do político e a esfera do civil. Representan, partindo dunha concepción clásica da vida pública, o espírito dos salóns e cafés da esfera pública burguesa e das asembleas e prazas da antiga Grecia: un encontro entre cidadáns, baseado na presenza física, o diálogo próximo e a interacción cara a cara.  Mais a súa efectividade práctica como ferramenta de participación política atópase irremediablemente condicionada polo débil estado de saúde da democracia e das súas institucións, afastadas das rúas e dos que as habitan. A cidadanía desconfía dos órganos de decisión, sinte fastío cara a política e observa as canles de participación como simples formalidades, orientadas a satisfacer os mínimos requirimentos legais ou permitir á oposición desafogarse (a participación pública como terapia). Como a máis moderna maquillaxe dun modelo de política que segue a ser impositiva.

Alonso Rodríguez, CL4X

Posted on 13 Marzo, 2012, in Documentos and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario